Na Ría de Vigo viven cinco especies distintas de camarón. É un fascinante ecosistema mariño, habitado por unha variedade asombrosa de criaturas. Entre elas, os camaróns destacan como protagonistas dunha historia repleta de intriga e diversidade.
Son especies da familia Palaemonidae da orde Decapoda. Moitas son carnívoras porque comen pequenos invertebrados e pódense atopar en calquera hábitat acuático excepto nas profundidades do mar.
Un xénero importante é Macrobrachium, que contén especies pescadas comercialmente. Outros habitan en arrecifes de coral, onde se asocian con certos invertebrados, como esponxas, cnidarios, moluscos e equinodermos, como camaróns limpadores, parasitos ou comensais. Xeralmente aliméntanse de detritos, aínda que algúns son carnívoros e cazan animais diminutos. A familia contén máis de 1.200 especies en 160 xéneros.
Na ría de Vigo viven cinco especies distintas: Palaemon adspersus, P. elegans, P. longirostris, P. serratus e Palaemonetes (varians) antennarius. Estes crustáceos decápodos, típicos de ambientes costeiros, atopan o seu hábitat nos sedimentos brandos tanto intermareais como submareais de esteiros, así como nos fondos rochosos que se achan cubertos de algas.
Entre estas especies, P. adspersus e P. serratus son as máis abundantes. A primeira atópase desde a zona do estreito de Rande cara á Enseada de San Simón. A segunda prefire as augas desde o estreito de Rande ata as áreas exteriores das illas Cíes.
P. serratus destaca non só pola súa importancia ecolóxica, senón tamén polo seu valor comercial. A súa distribución xeográfica cobre o Océano Atlántico, desde as costas de Escocia e Dinamarca ata Mauritania, e esténdese por todo o Mar Mediterráneo, o Mar de Mármara e o Mar Negro.
A captura de P. serratus destaca como unha actividade pesqueira tradicional de gran importancia socioeconómica en diversas comunidades costeiras, especialmente no norte de España. Os prezos poden alcanzar ata 140 euros por quilo durante a tempada do Nadal. Esta pesqueira xera máis de dez millóns de euros anuais á economía europea.
Os hábitats de P. serratus esténdense desde as augas superficiais ata as zonas infralitorais, alcanzando profundidades de ata 50 metros. Estes camaróns prefiren os fondos areosos e rochosos cubertos de algas e fanerógamas mariñas.
Crecemento
O seu ciclo de vida está caracterizado por un rápido crecemento e unha curta esperanza de vida, que de cando en cando supera os cinco anos.
As femias destas especies tenden a ser máis grandes que os machos. As de P. serratus poden alcanzar unha lonxitude media de 80 milímetros e un peso de catro gramos, mentres que os machos teñen unha lonxitude media de 70 milímetros e un peso de ao redor de dous gramos.
Os machos diferéncianse das femias en que teñen un primeiro par de apéndices no abdome cuns pelos diminutos que lles permiten fecundar as femias.
Reprodución
A reprodución destes camaróns lévase a cabo mediante a transferencia dende o macho á femia dun saco mucoso que contén espermatozoides. Para iso utilízase un apéndice específico para este propósito. A fertilización dos oocitos ocorre cando son expulsados pola femia a través de pequenos orificios na parte anterior do abdome.

Os embrións resultantes son transportados nos apéndices abdominais da femia ata a eclosión, con cada individiduo capaz de producir entre 1.000 e 5.000 embrións en cada posta. O movemento continuo dos apéndices abdominais da femia permite a súa aireación e limpeza.
Durante o período reprodutivo, as femias grávidas e os camaróns de maior tamaño tenden a migrar cara a augas máis profundas. Este proceso de reprodución esténdese desde novembro ata xuño, presentando diferentes grupos reprodutivos ao longo do ano.
O desenvolvemento larvario destes camaróns comprende nove estadios e unha etapa de poslarva, antes de que adquiran a aparencia de xuvenís, similares a pequenos camaróns adultos. O tempo medio de desenvolvemento larval oscila entre un e dous meses, aínda que esta duración pode variar en función da temperatura da auga e a dispoñibilidade de alimento. A distribución espacial das larvas coincide coa dos adultos das diferentes especies, observándose unha maior predominancia de larvas de P. adspersus na parte interna da ría e de larvas de P. serratus na parte exterior.
Alimentación
Estas especies de camarón son omnívoras e aliméntanse principalmente dunha variedade de organismos mariños, incluíndo diatomeas, algas clorofíceas (verdes) e feofíceas (marróns), foraminíferos, diversos xéneros de moluscos gasterópodos e bivalvos, poliquetos e outros crustáceos. A medida que os camaróns medran, tenden a consumir presas de maior dureza, o que pode estar relacionado co desenvolvemento dun engrosamiento na parede interna do estómago, facilitando a trituración das presas coas pezas bucais e a musculatura estomacal.

A pesca destes camaróns lévase a cabo principalmente mediante nasas con cebo, utilizando anacos de peixe fresco e graxo, suxerindo unha inclinación cara á necrofaxia conforme os animais alcanzan a madurez.
Ás veces aparecen exemplares parasitados por un isopodo epicarido. Indentifícase como un avultamento lateral na cabeza dos camaróns parasitados. En ocasións están pigmentados de cor negra, un resultado da melanización, un proceso defensivo.
Experimentos en acuarios demostraron que os camaróns son capaces de aceptar tanto presas vivas como mortas ao longo da súa vida, indicando unha flexibilidade nos seus hábitos alimenticios. Durante a alimentación, os camaróns adoitan localizar a presa utilizando os seus flaxelos olfactivos, logo achéganse para tocala coas súas segundas antenas antes de inxerila.
Contrariamente ao observado nalgúns peixes, os camaróns non son estimulados pola observación doutros individuos alimentándose. En estudos realizados en acuarios, documentouse que os camaróns poden competir polo alimento, mesmo cando este está dispoñible en abundancia. Durante tales interaccións, o alimento a miúdo cambia de dono varias veces antes de ser finalmente inxerido.
Este artigo é un resumo dalgúns dos aspectos da miña tese doutoral, que defendín en 1984.
Como cantaba Gardel: Volver con la frente marchita. Las nieves del tiempo platearon mi sien. Sentir que es un soplo la vida. Que veinte años (por dos) no es nada.












