Un estudo galego propón o emprego de residuos orgánicos para substituír o petróleo

O investigador Ander Castro Fernández procura a obtención de ácidos graxos volátiles, moi demandados pola industria química, a partir de produtos menos contaminantes

Na actualidade, existe unha demanda crecente de produtos químicos como os ácidos graxos volátiles, que posúen unha ampla variedade de usos en diversos sectores industriais como o químico, farmacéutico ou alimentario. E se ben a práctica totalidade da súa produción provén de fontes fósiles, tamén poden ser xerados a través de procesos biolóxicos a partir de residuos orgánicos. Desta maneira, este cambio de paradigma perfílase coma unha solución aos dous principais problemas ambientais aos que nos enfrontamos: a loita contra o quecemento global e a xeración inxente de residuos relacionada co aumento poboacional.

Sobre esta cuestión investigou Ander Castro Fernández, que na súa tese de doutoramento deu un paso máis no proceso de industrialización da produción de ácidos graxos volátiles a partir de correntes residuais urbanas. En concreto, profundou na tecnoloxía que dá lugar a estes bioprodutos a través de procesos fermentativos, levando a cabo un escalado da experimentación dende o laboratorio á operación de prototipos demostrativos a escala piloto. A investigación foi levada a cabo no Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), pertencente á USC.

Publicidade

Castro traballou en ambas as dúas etapas do proceso, tanto na produción dos ácidos graxos ou fermentación como na etapa de purificación destes, e analizou a viabilidade de construír plantas industriais dende o punto de vista tanto económico como ambiental.

Residuos para loitar contra o quecemento global

Na súa tese Aproximación á industrialización da produción de ácidos graxos volátiles a partir de correntes residuais orgánicas validou que a produción de ácidos graxos volátiles de alta pureza a partir de lodos de depuración e biorresiduos é unha alternativa tecnicamente viable ás rutas petroquímicas tradicionais, gozando a fermentación dun maior grao de madurez tecnolóxica que a etapa de purificación. Castro Fernández demostrou que os rendementos con lodo son menores que con biorresiduos, así como a selectividade da fermentación, obténdose proporcións de ácidos diferentes en cada caso.

Publicidade

Dende o punto de vista económico, o investigador comprobou que é necesario tratar o residuo xerado por unha cantidade de poboación equivalente moi elevada para facer o proceso rendible, dado que os custos da purificación dos ácidos son moi elevados. Concretamente, o modelo de biorrefinería tratando biorresiduos asóciase con indicadores económicos máis favorables, posicionándose polo tanto como unha solución de interese de cara á valorización do dito residuo. En calquera caso, tamén evidenciou que a pegada de carbono destes bioprodutos é aínda superior á dos obtidos a través das vías tradicionais, polo que se require continuar coa optimización integral do proceso.

Os resultados do traballo foron publicados en revistas científicas de alto impacto como Bioresource Technology ou Biomass and Bioenergy, onde se analizou a influencia de pretratamentos na produción de ácidos a partir de lodos, así como o escalado do proceso fermentativo dende o laboratorio á planta piloto semi-industrial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como se ve Galicia dende o ceo? Así era o territorio galego captado por helicópteros nos anos oitenta

A Fundación Barrié e o Ministerio de Defensa reuniron fotografías históricas nun volume de máis de 200 páxinas para amosar a riqueza paisaxística e urbana

Fin de semana de inverno exprés: unha fronte fría descenderá as temperaturas ata os 17 graos

Ourense, Lugo e Santiago de Compostela vivirán os maiores contrastes térmicos do episodio tras máximas que rozarán os 30ºC

Galicia consolídase na elite da física mundial: “Queremos facer un descubrimento relevante”

O IGFAE participará na análise de datos de colisións e na mellora do 'software' do experimento do CERN para optimizar a detección de fenómenos pouco coñecidos

Está contaminada por nitratos a auga do teu concello? Consúltao neste mapa interactivo

Unha ferramenta de Greenpeace amosa os niveis destas substancias derivadas do nitróxeno e sinala focos críticos en Ourense