As infeccións de transmisión sexual (ITS) de orixe bacteriana acadaron novos máximos en Europa. Segundo os últimos datos do Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC), as notificacións de gonorrea, sífilis e sífilis conxénita rexistraron en 2024 os niveis máis altos da historia recente.
O impacto é especialmente perceptible no caso da gonorrea, provocada pola bacteria Neisseria gonorrhoeae que, como apuntan dende o Science Media Centre (SMC España), experimentou un aumento de máis dun 300% na última década en Europa. No caso da sífilis, foi do 100%. España sitúase como o segundo país na clasificación de ratios. É especialmente preocupante o caso da sífilis conxénita, que presenta un 250% máis de casos nos últimos 10 anos.
Segundo datos do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), en Galicia, entre 2020 e 2024 os casos de infección gonocócica foron de 178 a 890. No ano 2020 a tasa de persoas con gonorrea era de 6,59 por 100.000 habitantes. En 2024, esa cifra pasou ser 32,89, o que implica un aumento do 400%. En canto á sífilis, no mesmo periodo temporal foi dunha tasa de 4,52 persoas por 100.000 habitantes a 9,35, un incremento de máis do dobre.
Que son as ITS?
As ITS son un conxunto de infeccións que se contraen principalmente por contacto sexual sen protección, incluíndo o sexo vaxinal, anal e oral. A Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala que existen máis de 30 bacterias, virus e parasitos que se transmiten por esta vía. Son oito os patóxenos que concentran a máxima incidencia das ITS, e teñen tratamentos que varían en función da súa orixe. Catro destas infeccións son bacterianas ou parasitarias e, actualmente, contan con tratamento; son a sífilis, a gonorrea, a clamidíase e a tricomoníase. No outro lado atópanse catro afeccións de orixe vírica: a hepatite B, a infección polo virus da inmunodeficiencia humana (VIH), o virus do herpes simple e o virus do papiloma humano.
O avance da gonorrea e a sífilis en Europa
O informe do ECDC revela un panorama preocupante no territorio europeo. Os casos de gonorrea escalaron ata os 106.331 no último ano analizado, o que supón un incremento do 303% dende o ano 2015. A sífilis seguiu unha traxectoria ascendente moi similar, duplicando as súas cifras no mesmo período ata acadar os 45.577 casos.
O achado máis alarmante para os investigadores do Centro Europeo de Enfermidades é o comportamento da sífilis conxénita —aquela que transmite a nai ao feto durante o embarazo—, cuxos casos case se duplicaron en Europa Central e Occidental, pasando de 78 a 140 nun ano, o que supón un repunte de case o 250% na última década. Esta variante maternofilial pode causar, segundo a OMS, falecemento prenatal ou neonatal, septicemia ou anomalías conxénitas, entre outras. Este incremento está directamente relacionado coa maior incidencia da sífilis rexistrada na poboación heterosexual, en especial no caso das mulleres en idade reprodutiva.
Dende Science Media Centre (SMC) identifican as posibles causas para explicar este drástico aumento: “o menor uso de preservativos, o aumento das parellas sexuais ou tamén un incremento nos test“. Ademais, o ECDC identifica graves fendas estruturais no sistema sanitario, entre elas as deficiencias no cribado prenatal e a falta de seguemento e tratamento das infeccións sexuais.
O perigo silencioso das ITS
Máis alá do impacto inmediato, estas infeccións poden provocar graves danos a longo prazo se non se detectan a tempo. Segundo os datos da OMS, o maior perigo reside en que a maioría das ITS son asintomáticas ou presentan síntomas inespecíficos que dificultan que o paciente sospeite do contaxio. Cando si se manifestan, os signos máis habituais inclúen fluxos vaxinais anormais, secrecións uretrais nos homes, dor ao urinar, dor crónica pelviana ou a aparición de úlceras anoxenitais. En fases avanzadas, a gonorrea e a clamidíase son causas directas de infertilidade feminina e enfermidade inflamatoria pelviana, mentres que a sífilis pode derivar en problemas cardíacos e danos severos no sistema nervioso.
En Galicia é posible realizar probas rápidas para detectar o VIH, así como análises de sangue e urina destinados a identificar infeccións concretas.
Tratamentos e estratexias de prevención
A sífilis, a gonorrea, a clamidíase e a tricomoníase pódense curar por completo con pautas antibióticas que, a miúdo, requiren unha soa dose. No caso das infeccións víricas como o VIH ou o herpes, os antivirais logran atenuar os síntomas, pero non eliminar a doenza. O gran reto actual no campo do tratamento das ITS, alerta a OMS, é o rápido avance da farmacorresistencia, especialmente na gonorrea, que comeza a amosar unha alta resistencia ás cefalosporinas de espectro ampliado, consideradas o tratamento de último recurso clínico.
A prevención mantense como o piar fundamental para reverter a curva de contaxios. O uso correcto e sistemático do preservativo mantense como o método máis eficaz en calquera actividade sexual (vaxinal, anal ou oral), aínda que non protexe das úlceras situadas fóra da zona xenital. Ademais, existen vacinas contra dúas ITS víricas: a hepatite B e o virus do papiloma humano (VPH). Mentres as investigacións abertas exploran novas posibilidades de tratamento, evitar o contaxio mediante o uso de barreiras físicas debe ser a clave para previr a propagación destas infeccións.















Exitazo das campañas da Consellería de Sanidade nas apps para ligar: cRueda de Vil e cía, inePPtos e incomPPetentes