Cando os fertilizantes se tornan xeopolítica: leccións da historia para a gobernanza do nitróxeno

Coa inestabilidade xerada ó redor do peche do Estreito de Ormuz, os fertilizantes nitroxenados entraron nas noticias convencionais e convertéronse nunha preocupación máis alá do seu público tradicional baseado nas comunidades industriais e agrícolas. Non obstante, para aqueles que seguen os problemas do nitróxeno, este é outro exemplo de como este elemento estivo sempre estreitamente ligado aos asuntos históricos e xeopolíticos.

Despois de case dous séculos de produción industrializada, o nitróxeno pasou de ser un elemento escaso pero esencial dos corpos vexetais e humanos, a ser un contaminante, cuxa sobreabundancia desencadea problemas de contaminación globais. Este problema adopta formas específicas en cada parte do mundo, dependendo do contexto institucional, económico, social e ambiental. Tamén representa custos económicos importantes. Segundo o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, aproximadamente 200 millóns de toneladas de nitróxeno (que ascenden a 200.000 millóns de dólares) “pérdense” anualmente a medida que os excesos das achegas de nitróxeno escorren e contaminan a terra, o aire e a auga. A contaminación por nitróxeno corroe cada vez máis a atmosfera e o medio ambiente, e acelera o cambio climático intoxicando o aire e a auga que consumimos.

Publicidade

De nutriente do solo a produto industrial e contaminante global

Pero ata principios do século XX, o nitróxeno non se consideraba un “problema” nin un contaminante. Historicamente, os agricultores de todo o mundo xestionaban os nutrientes do solo sen recorrer á produción sintética e á mercantilización a grande escala do nitróxeno. A rotación de cultivos, a súa selección, a gandería e os usos agrarios do monte, por exemplo, foron algúns dos mecanismos suficientes para manter os niveis mínimos esenciais para a produtividade agrícola.

Non obstante, hai pouco máis de cen anos, cunha poboación mundial en crecemento, a mercantilización industrializada do nitróxeno celebrouse como un logro importante da enxeñaría química e converteuse, como o tractor diésel, nun instrumento central na industrialización da agricultura. O uso de fertilizantes nitroxenados sintéticos comezou a revitalizar os solos empobrecidos, evitou a escaseza de alimentos e permitiu as últimas fases da industrialización no mundo. As linguaxes desenvolventistas da Guerra Fría, que pronto describiron estes métodos como a Revolución Verde da década de 1960, foron acompañadas por outras tecnoloxías como o rego, a xenética vexetal, a maquinaria e a capacidade industrial para producir maiores cantidades de fertilizantes nitroxenados baratos para a agricultura. Non obstante, a sociedade non tardaría en recoñecer axiña como un século de extracción industrializada de nitróxeno e achegas excesivas ao medio ambiente estaban a perturbar irremediablemente as ecoloxías globais e os ciclos de nutrientes, así como a contaminación da atmosfera.

Publicidade

A ilusión modernizadora da Revolución Verde foi cuestionada tras a crise do petróleo de 1973 e o fin da abundante enerxía fósil barata. Xunto coa crecente evidencia de graves problemas ambientais, o mundo comezou a regular o consumo de nitróxeno sintético a finais do século XX. Este período representou quizais o primeiro intento de regular a política de nitróxeno dun xeito non fragmentado rexionalmente e de evitar perdas excesivas de nitróxeno ó medio ambiente.

Gobernanza fragmentada e camiños futuros nun mundo inestable

Con todo, as cadeas de subministración de enerxía e materias primas necesarias para a produción de certos fertilizantes, por exemplo, a urea destinada principalmente ao cultivo de cereais a grande escala e orientado ao mercado, tornáronse moi vulnerables aos shocks nos prezos da enerxía fósil, como se está a evidenciar nas guerras de Ucraína e Irán.

Xunto con iso, a contaminación por nitróxeno segue sendo un dos maiores danos ambientais que debemos reverter. Por iso, parte do desafío de remediar o problema global do nitróxeno é que a súa gobernanza segue sendo incipiente e rexionalmente desconexa. Do mesmo xeito que a propia contaminación, a gobernanza fragmentada do nitróxeno é unha herdanza da historia fragmentada a nivel nacional da produción deste composto químico. É dicir, desde mediados do século XIX, o nitróxeno pasou de ser un recurso estratéxico escaso comercializado localmente, a unha industria química en tempos de guerra nas décadas de 1930 e 1940. Posteriormente, pasou de ser un piar do desenvolvemento industrial en tempos de paz nas décadas de 1950 e 1960, a un contaminante global desde entón.

Para os observadores que pensan historicamente, a actual crise de nitróxeno, derivada de cuestións xeopolíticas, gobernanza fragmentada, e dependencia da economía global dos combustibles fósiles, é un resultado “predicible”. Non obstante, a crise obríganos a repensar a dependencia e o uso globais de nitróxeno e fertilizantes industrializados.

Esta crise tamén ofrece unha oportunidade para demostrar que existen alternativas ao sistema alimentario global actual. Por exemplo, elaborar prácticas que sexan menos intensivas en fertilizantes podería mitigar tanto a contaminación como as conmocións do mercado enerxético. A historia pode demostrar que podemos alimentar o mundo sen depender excesivamente dos fertilizantes sintéticos. Outro camiño baseado na xestión dos nutrientes a nivel local é posible. A agro-ecoloxía, ou os cambios centrados non na produción, senón na distribución maiorista e minorista de alimentos, tamén son opcións viables. Tamén debemos explorar outros camiños asociados cos cambios nos réximes alimentarios e considerar se podemos mellorar as nosas dietas cambiando o noso consumo de certos alimentos. Por exemplo, daqueles que dependen excesivamente da agricultura industrial a grande escala e o consumo de fertilizantes sintéticos nitroxenados.


Este artigo publicouse orixinalmente no portal web do proxecto in-NET (International Nitrogen Network). Un proxecto financiado pola National Science Foundation co obxectivo de dar forma a unha axenda de investigación sobre o nitróxeno que poida sustentar políticas nacionais ambiciosas para abordar a contaminación por nitróxeno.

Bruno Esperante, Evan Fernández e Gabriel Coleman
Bruno Esperante, Evan Fernández e Gabriel Coleman
Os autores son membros do Grupo de Traballo de Gobernanza do Nitróxeno Global de iN-Net. Bruno Esperante é profesor de Historia Económica na Universidade de Santiago de Compostela (Galiza), e membro de HISTAGRA-CISPAC. A súa investigación céntrase na Historia Agraria e Ambiental en Europa nos séculos XIX e XX. Evan Fernández é profesor de Historia no Middlebury College de Vermont, EUA. A súa investigación céntrase na economía política internacional e as relacións exteriores nas Américas. Gabriel Coleman é un historiador ambiental, músico e artista de Minnesota residente en Dublín, Irlanda. O seu traballo céntrase en conectar as persoas co seu entorno a través da narración creativa sobre a agricultura, a auga e as historias persoais do lugar.

1 comentario

  1. En todas as aldeas se eliminaron as cañeiras onde antes se facía o q agora chaman compost. Menos mal q algúns decidimos recuperadas como patrimonio familiar

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas