Ilduara Eiriz, a grande aristócrata galega do século X

Xestionou un inxente patrimonio de seu e fundou o mosteiro de San Salvador de Celanova, un dos máis importantes da Galicia medieval

O mosteiro de San Salvador de Celanova alberga no seu patio interior unha xoia arquitectónica. A capela de San Miguel é un oratorio moi ben conservado, construído no século X, que contén elementos que lembran a tradición musulmá. Non hai nada comparable en toda Galicia. Pero máis alá do seu valor arquitectónico, o emblemático edificio ourensán agocha unha historia fascinante: a de Ilduara Eiriz, cofundadora do mosteiro xunto ao seu fillo Rosendo. Foi a grande aristócrata galega do século X, con posesións espalladas por toda Galicia e cunha capacidade de xestión patrimonial indiscutible. Mais ao final da súa vida, unha reforma impulsada polo seu propio fillo, posteriormente beatificado, parecía anunciar a regresión que sufrirían as mulleres nos séculos posteriores.

A vida cotiá de Ilduara Eiriz, como a de tantas outras mulleres do medievo, non está ben conservada. Por iso só coñecemos dela os aspectos máis económicos e de xestión patrimonial que chegan a nós, sobre todo, grazas aos arquivos que conservou o mosteiro de Celanova durante séculos. Ilduara Eiriz naceu da unión do conde Ero con Adosinda, dúas figuras moi poderosas de finais do século IX. Tal e como explica a autora Eva Vieites na biografía de Ilduara Eiriz recollida no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG), a aristócrata recibiu como herdanza territorios no Bierzo, León, Zamora, Lugo e na costa galega. É dicir, Ilduara tiña un inxente patrimonio de seu.

Publicidade

Matrimonio por amor?

As súas propiedades aumentaron tras a súa unión co conde Gutier Menéndez. Ilduara ampliou a súa influencia a Asturias, a zona lucense, a Galicia meridional e o norte de Portugal. O matrimonio tiña, por tanto, un poder incuestionable no reino e, de feito, estaba emparentado directamente coa monarquía. Nesta época, a situación das mulleres nobres era considerablemente distinta á que vivirán en séculos posteriores: “Ilduara tiña un poder e un acceso ao patrimonio da familia tan importante como o do seu marido. Naquela altura non había diferenzas entre homes e mulleres no uso e desfrute da herdanza e do patrimonio, nin tampouco no exercicio do poder”. Así o contextualiza José Miguel Andrade Cernadas, catedrático de Historia Medieval da Universidade de Santiago (USC).

Ilduara casa con Gutier Menéndez cara ao ano 890 segundo a tradición visigótica. Froito da súa relación nacerán dúas fillas e tres fillos: Adosinda, Hermesinda, Munio, Rosendo e Froila. O máis salientable será o cuarto mencionado, San Rosendo, o primoxénito, o fundador do mosteiro de Celanova xunto a Ilduara, bispo da igrexa de Dumio e, posteriormente, santo. Non obstante, o camiño de Ilduara e Gutier para concibir non foi sinxelo, segundo un texto de Ordoño de Celanova escrito 200 anos despois. A crónica, que narra os rogos de Ilduara para poder ser nai, aparece recollida nun estudo pioneiro sobre a aristócrata galega escrito pola historiadora María del Carmen Pallares Méndez.

Publicidade

Unha crónica clave

Despois de levar unha vida xusta e abondar en tódolos bens que parecen promover a felicidade, soamente se viu privado da ledicia de ter fillos, que se lle malograban porque nacían mortos. Conta Ordoño de Celanova, quen di que Gutier Menéndez estaba “satisfeito coa beleza da súa santa esposa”. Un artigo publicado na Real Academia de la Historia (RAH) sobre Ilduara Eiriz aclara que, naquela altura, “a relación matrimonial enténdese como unha unión pracenteira e amorosa”. E atribúen esta situación a que, naqueles finais do século IX, aínda non se producira “o severo control do contrato matrimonial”. A unión entre Gutier e Ilduara, por tanto, débese atribuír a outros intereses, e non só aos de conservación da liñaxe.

Máis alá do amor que se poderían profesar, o certo é que a crónica de Ordoño de Celanova relata as dificultades que tivo Ilduara para ser nai. O seu texto non só fala da frustración de Gutier, senón da que sente a aristócrata por sufrir varios abortos. Conta, por tanto, como o matrimonio visitou distintos mosteiros para depositar ofrendas e incensos “regando coas súas lágrimas as igrexas”. Ilduara, segundo o relato de Ordoño de Celanova, ía frecuentemente á igrexa de San Salvador —pese ás dificultades de acceso— e un día, despois dun rezo desesperado, tivo unha revelación. Mandou chamar a Gutier, naquel momento fóra da casa familiar, e lograron concibir a Rosendo, segundo a crónica. Este relato non deixa de ser unha peza de incalculable valor para entender o contexto, pero tamén para saber máis detalles da esvaradía vida persoal de Ilduara.

Dous libros propios

Outro aspecto indispensable para entender a vida da aristócrata é que tiña, cando menos, dous libros. Así consta na doazón fundacional que fai ao mosteiro de Celanova. “O primeiro é un libro de salmos que nos remite ao mundo da súa devoción particular e persoal. O outro era un texto xurídico que estaba en voga na Hispania da época. É dicir, un códice legal e xurídico que se empregaba para resolver todo tipo de preitos”, sinala Andrade Cernadas. Isto revela que Ilduara Eiriz tiña, probablemente, capacidade de lectura. E, ademais, que exercía autoridade dende o punto de vista político e xudicial. “Non soamente era rica, senón que tiña influencia social, política e económica”, sostén o catedrático da USC, que tamén pon énfase en que era unha muller con acceso á cultura.

Unha reforma polémica (dende os ollos de hoxe)

Entre os seus fitos máis destacados está, sen dúbida, a fundación do mosteiro de San Salvador de Celanova xunto ao seu fillo Rosendo. “É dos máis importantes da Galicia medieval. Deixou unha pegada documental formidable porque asimilou como propio o arquivo da familia fundadora”, explica o profesor da USC. Pero máis alá de dar comezo a un proxecto tan ambicioso, a iniciativa de Rosendo transcendía construción do mosteiro. Ata ese momento non existían institucións relixiosas separadas por sexos, senón que as mulleres e os homes convivían, aínda que en certo modo separados, baixo o mesmo teito. De feito, Ero e Adosinda, pais de Ilduara e avós de Rosendo, fundaran o mosteiro mixto de San Salvador de Chantada.

“O grupo familiar de Ilduara, encabezado por Rosendo, destaca por crear mosteiros só femininos ou só masculinos. Isto marca unha certa novidade, ruptura e innovación no panorama monástico da época“, apunta Andrade Cernadas. O historiador cre que non debe ollarse esta medida dende os ollos de hoxe, dado que naquel momento non se entendía como un retroceso na liberdade das mulleres, senón todo o contrario: “Era máis ben unha conquista. É dicir, unha vida de seu que non fora tan dependente nin estivera tan confundida coa dos homes”. Non obstante, as lecturas sobre este proxecto difiren.

O artigo publicado na RAH sobre Ilduara Eiriz fai outra interpretación da fundación de mosteiros separados por sexos que impulsou o grupo familiar. Considera que as abadesas que dirixían as institucións relixiosas dúplices eran un bo exemplo da posición de poder das mulleres entre os séculos IX e X. “Os clérigos carolinxios alzaron a voz contra estas comunidades dúplices. No seu modelo monástico, que pretendía o regreso á pureza das orixes, introduciron a idea de que as mulleres, posuídoras de mentes inestables, eran o sexo débil“, apuntan no artigo. E mencionan a “estrita clausura”, a austeridade e a xestión dos bens por xente allea aos mosteiros como os trazos definitorios da vida monacal feminina a partir da reforma.

O artigo define a medida impulsada por San Rosendo como un “drástico afastamento dos sexos”, dada a obrigación de ocultar o rostro feminino nas igrexas e que as mulleres evitaran todo contacto cos homes. “Os clérigos dos séculos IX e X, subliñando a virtude da humildade, impediron que as mulleres se achegaran ao altar. Prohibíronlles que, aínda sendo monxas, tocaran instrumentos sagrados e non lles permitiron, aínda que foran moi intelixentes e instruídas, ensinar aos homes. A redución da actividade das mulleres na Igrexa era o primeiro paso da redución da súa actividade na sociedade que se anunciaba no horizonte”, defende o artigo. Un punto, este último, que tamén subliña Eva Vieites no Álbum de Galicia.

Unha vida monacal aberta e social

Non obstante, José Miguel Andrade Cernadas insiste nos riscos de interpretar a realidade pasada cos ollos de hoxe. Salienta, ademais, que a vida monacal do momento non se correspondía co que podemos imaxinar nesta altura. Ilduara Eiriz, de feito, fundou o mosteiro feminino de Vilanova dos Infantes onde pasou o resto da súa vida tras enviuvar, dado que non podía entrar en San Salvador de Celanova por ser muller e pese a ser unha das súas fundadoras. “A imaxe que temos dun mundo monástico de reclusión e illamento perpetuo e pechado é produto de épocas posteriores á Idade Media. Na Alta Idade Media era todo moito máis aberto, de ir e saír. Que Ilduara entrara no mosteiro non implicou o seu afastamento da vida pública nin política”, sinala o historiador.

Celanova e Vilanova dos Infantes non foron os únicos mosteiros fundador polo grupo familiar. Deixaron un ronsel de institución relixiosas espalladas por toda Galicia, malia que o seu centro de poder estaba na actual provincia de Ourense, sobre todo, na parte occidental. “Eran poderosísimos”, remarca Andrade Cernadas. E a súa influencia política, social e económica tamén se palpa nos obxectos que conservamos da familia de Ilduara. Un deles, un fermoso xadrez de cristal de rocha datado no século X. Actualmente está depositado no museo da catedral de Ourense e pertence ao que se coñece como “tesouro de San Rosendo”.

Un impresionante xadrez

Un estudo publicado en 2021 por Therese Martin, investigadora do CSIC, atribuía o xadrez a Ilduara Eiriz. É dicir, formulaba a hipótese de que ela foi a súa primeira propietaria. O xogo consta de oito pezas: un alfil, un cabalo, unha torre e cinco peóns. E foi fabricado en terras islámicas, o que demostra o comercio a longa distancia neses albores do século X. Martin defende e tese proposta en 1930 polo historiador José Camón Aznar, que propuxo a Ilduara como primeira dona do xadrez, malia que non figura en ningunha das doazóns ao mosteiro. A investigadora do CSIC cre que puido ser un regalo persoal de nai a fillo, polo que este tipo de obxectos aparecen con máis frecuencia en testamentos e inventarios. Do que non cabe dúbida é de que a posesión deste xadrez era un símbolo de status.

Andrade Cernadas difire da tese de Martin e cre que non pertenceu a Ilduara, senón ao grupo familiar posterior. “Probablemente o xadrez se fabricou no Exipto do século X. É unha peza extraordinaria. Demostra como os elementos de riqueza, luxo e refinamento no norte de Hispania pertencían ao mundo andalusí e chegaban de recunchos tan afastados como Irak, Siria, Bizancio…”, sinala. O catedrático da USC cre que o xadrez do tesouro de San Rosendo puido ser adquirido en Córdoba, que naquel momento exercía como “capital estética e cultural”. “Igual que a alta burguesía do século XIX ía a París para estar á moda, a xente da Hispania do século X ía a Córdoba, Sevilla ou Valencia para empaparse do luxo oriental. Mostra unha imaxe híbrida e mestiza daquela Hispania da Idade Medial”, conclúe.

Sobre Ilduara Eiriz, pese a estar tan afastada no tempo, hai moitas certezas grazas ao gran patrimonio documental que conservou o mosteiro de Celanova co paso dos séculos. Pero tamén hai incógnitas e, sobre todo, debates. Ela faleceu en Vilanova dos Infantes, no mosteiro feminino que fundou para retirarse tras enviuvar, mais foi enterrada en San Salvador de Celanova por mandato do seu fillo Rosendo. A reforma impulsada por el impedía que homes e mulleres conviviran nos mosteiros, polo que Ilduara non puido acceder ao que ela mesma fundou ata despois de morta. Un debate aberto, talvez irresoluble. O único que non parece cuestionable é a profunda pegada de Ilduara Eiriz na historia de Galicia.


Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catro mapas históricos para percorrer Galicia a través dos séculos

O Instituto Xeográfico Nacional conserva cartografía antiga datada entre o XVII e XIX e amosa a evolución do territorio ao longo de máis de 200 anos

Unha historia de resistencia na Galicia do século X: a neta que denunciou o avó por violación

O investigador Abel de Lorenzo rescata os casos de violencia sexual na Alta Idade Media no noroeste peninsular

Xoana Vázquez das Seixas: como a loita polo señorío de Chantada enfrontou a dúas mulleres

A nobre litigou coa poderosa Isabel de Castro, tomou a iniciativa de anular o seu matrimonio e deixou unha interesante pegada cultural

Beatriz de Castro: como escapar do convento e recuperar o patrimonio familiar

A nobre galega rexeitou ser monxa, casou e dedicou toda a súa vida a reconstruír o legado que perdera o seu irmán