Luns 4 Marzo 2024

Un estudo demostra que os abellóns combaten con éxito a avespa velutina

A revista Communications biology, editada polo grupo Naturepublica este xoves un artigo no que participan investigadores galegos e no que se constata que os abellóns (Bombus terrestris) son capaces de defenderse dos ataques da avespa velutina. Cando son atacados, os abellóns caen ao chan e lévanse con eles ás velutinas, o que fai que estas perdan o control ou que os abellóns levanten o seu aguillón e pelexen ata que a avespa se dá por vencida. Este é un dos resultados da investigación liderada pola University of Exeter e na que participan os galegos Salustiano Mato e Sandra Rojas da Universidade de Vigo (UVigo) e Xulio Maside, Damian Da Silva Martis e Carolina Bartolomé da Universidade de Santiago (USC).

O estudo aborda as repercusións que provoca a V. velutina noutras colonias de insectos distintas ás abellas melíferas, á marxe da propiamente dita acción predadora. E foi no proceso de elaboración deste estudo cando os investigadores presenciaron máis de 120 ataques deste tipo nunha ducia de localizacións da provincia de Pontevedra e se decataron de que o abellón conta con boas habilidades para defenderse da V.velutina. Con todo, esta estratexia de defensa non resulta ser suficiente, e os científicos comprobaron que as colonias de abellóns reduciron as taxas de crecemento en áreas cun gran número de avespas asiáticas, o que suxire que esta especie invasora ten un impacto negativo, incluso se os seus ataques ás entradas das colonias fallaban.

Publicidade

Os investigadores colocaron cámaras de vídeo para gravar as reaccións dos abellóns. Foto: Sandra Rojas-Nossa

As avespas velutinas, tamén coñecidas como avespas de patas amarelas, xa invadiron gran parte de Europa continental e partes do este de Asia e, recentemente, foron reportadas por primeira vez nos EEUU. Os avistamentos no Reino Unido e Europa continental están este ano en niveis récord, o que xera temores sobre os polinizadores e require de esforzos sustanciais de control. “Os investigadores do grupo de Bioloxía Ambiental (BA2) da Universidade de Vigo somos pioneiros na investigación sobre os efectos da avespa asiática Vespa velutina no comportamento dos polinizadores silvestres e a polinización das plantas nativas”, resalta Sandra Rojas Nossa, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da UVigo.

Como engade Thomas O’Shea-Wheller, autor principal do estudo e investigador do Instituto de Medio Ambiente e Sostibilidade do campus Penryn de Exeter en Cornwall, as velutinas “aliméntanse dunha ampla gama de insectos, incluídas as abellas melíferas. As avespas cazan con frecuencia estas abellas agardándoas en voo suspendido fóra das colmeas e atacando ás pecoreadoras que regresan de recoller pole e néctar no campo. Rexistramos as velutinas facendo o mesmo cos abellóns, pero coa sorprendente diferencia de que, nas nosas observacións non tiveron ningún éxito”.

Para realizar o estudo colocáronse colonias de abellóns criados comercialmente en 12 lugares da provincia de Pontevedra. Foto: Thomas O’Shea-Wheller

Colonias en 12 puntos da provincia de Pontevedra

Para realizar o estudo colocáronse colonias de abellóns criados comercialmente en 12 lugares da provincia de Pontevedra, abarcando unha variedade de densidades locais de avespas asiáticas. As colonias foron pesadas cada dous días, xa que o cambio de peso é unha medida do crecemento da colonia, e observaron que aquelas en áreas con maior densidade de avespas asiáticas amosaron un crecemento reducido co tempo. “Non podemos dicir con certeza a que se debe isto”, sostén O’Shea-Wheller, pero “é posible que algún factor externo sexa bo para as velutinas, permitíndolles prosperar, pero malo para os abellóns.”

Non obstante, explica o investigador, pode que sexa máis probable que a presenza de avespas asiáticas limite o éxito das colonias de abellóns. “Aínda que os ataques ás entradas das colonias que presenciamos non tiveron éxito, existen evidencias de que hai abellóns na dieta das velutinas e sábese que son depredadores dos abellóns noutros lugares”. Ademais, engade, “defenderse contra estes ataques probablemente implica un custe enerxético, e cando a abundancia de avespas é alta, isto podería ser un problema importante para a busca de alimento.”

Sobre a baixa taxa de éxito das avespas durante os ataques, O’Shea-Wheller remarca que as puido observar “atacando abellóns de todos os tamaños, incluídos algúns que son máis grandes ca elas. Son depredadoras moi persistentes e xeralistas, polo que estes ataques poden valer a pena a pesar da alta taxa de fracaso, sempre e cando a veces consigan unha presa”. Por outra banda, lembra que os abellóns non evolucionaron xunto coas avespas asiáticas, polo que a súa exitosa estratexia defensiva ben pode ser unha “coincidencia evolutiva“. 

Novas hipóteses

Outra das investigacións recentemente publicada polo BA2 dá pé para propoñer novas hipóteses, xa que “as velutinas tamén consomen néctar das flores, o que significa que compiten directamente cos abellóns polo alimento e ademais ocorren ataques nas plantas en flor, en particular ao final do verán ou durante o outono, cando unha nova xeración de novas raíñas emerxe e acumula reservas para sobrevivir a diapausa invernal”, matiza Rojas-Nossa.

O estudo foi financiado polo Consello de Investigación en Biotecnoloxía e Ciencias Biolóxicas (BBSRC) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
 

  1. Aos abellóns ( gordos ) tamén lle chaman “vesperóns”. Andan moito nos troques, metense na “campanilla” dos troques e zoan moito (fan moito ruido).

  2. Os da foto non son abellóns, son abesouros. Os abellóns son mais pequenos e mas “gordos” porque teñen moito “pelo” e aparecen xa na primavera a andar nas flores. Os abellóns son inofensivos, os abesouros non.

  3. Si , estou dacordo que o título resulta enganoso .
    Se ve que os abellóns non son a solución , porén é interesante que se investigue pois tarde ou cedo chegaremos á mellor solución para defendernos desta invasora nespra que nos trae de cabeza …

  4. Boas: polo contido do artigo, o título do mesmo é bastante enganador. Que sabe defender-se, certo, mais o abelhom tamém está em retroceso e em perigo por culpa da vespa velutina, depredadora insaciável de polinizadores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego impulsa a sustentabilidade do sistema alimentario a través da IA

O proxecto no que participan USC e UVigo acometerá a crise do sector co apoio do Programa Marco ‘Horizonte Europa’

Como usar datos históricos para a conservación de especies: así é a nova metoloxía con pegada galega

A UVigo e o CSIC proban un método en escaravellos coprófagos ibéricos que permite comprender a súa resposta a cambios ambientais

As mulleres protagonizaron anuncios de banca antes de poder abrir libretas de aforro por si soas

Un estudo da USC analiza os roles femininos nas ilustracións e fotografías utilizadas na publicidade bancaria entre 1949 e 1970 en España

Científicos galegos describen unha nova especie de libélula das illas Fixi

O insecto destaca por ter un abdome moi longo, os dentes finos e a parte externa das ás de cor rosada