Tres turistas entran en Cova Eirós e provocan un incendio de 5.000 metros no monte

É o xacemento de arte rupestre máis antigo de Galicia, que logrou salvarse grazas á colaboración dos veciños que deron a alerta do lume

Ocorreu o martes pola tarde e foron os veciños do lugar quen pararon o coche das persoas que prenderon o lume. Non eran de Triacastela (Lugo), o municipio ao que pertence Cancelo e onde está situada Cova Eirós, o xacemento con arte máis antigo de Galicia declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Tampouco é a primeira vez que un grupo de persoas intenta entrar á cova, un lugar que está pechado ao público para protexer as pinturas rupestres. Sen embargo, desta vez, o intento supuxo un lume de 5.000 metros cadrados.

Foron tres rapaces da provincia da Coruña que accederon a Cova Eirós saltando a barreira de protección. Fixeron un facho para iluminar o interior, segundo conta un veciño do concello, mais terminaron por prender lume a esta ladeira de Cancelo. A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias Fontal, explica que foi unha “actitude inconsciente” e que de momento se descoñece de que maneira comezou o incendio.

Publicidade

Cando os veciños deron a voz de alarma, chegaron ao lugar os servizos de urxencias e despois a Garda Civil, que abriu unha investigación para esclarecer a orixe do incendio. Iglesias afirma que Patrimonio, que ten a competencia de protexer Cova Eirós, achegouse ao lugar, e confirmou que Cova Eirós está en perfecto estado e que non tivo afeccións polo lume. “Creo que non foi intencionadamente, non son pirómanos. Son rapaces de vinte e poucos anos e é habitual que haxa persoas que se metan na cova”, alega. “Non sabemos exactamente que ocasionou o incendio, se foi un facho ou unha barbacoa”. Que ela recorde, é o primeiro incendio que ameaza Cova Eirós.

As pinturas de arte rupestre de Cova Eirós son as máis antigas de Galicia

En 2019 a Xunta declarou a Cova Eirós BIC. Este recoñecemento non implica só a protección do xacemento, senón do territorio que o rodea. Só poden entrar nel expertos, investigadores e persoal autorizado para a súa conservación, sendo necesario un rexistro das persoas que entren e do tempo que boten no seu interior.

Publicidade

Val do Cancelo e localización de Cova Eirós. Imaxe: Fábregas et al. (2020).
Val do Cancelo e localización de Cova Eirós. Imaxe: Fábregas et al. (2020).

O valor de Cova Eirós abarca moitos ámbitos, dende o antropolóxico, biolóxico ou artístico. É a única cova na que se atoparon restos de ocupacións do Homo neanderthalensis e Homo sapiens; a única onde se poden estudar a transición entre os últimos neandertais e os primeiros humanos modernos. A súa importancia non remata aí, xa que as pinturas rupestres aportan un importantísimo valor para o estudo dos orixes da humanidade. Na cova atopáronse restos dos osos cavernarios, que son un 30% maior que os osos pardos e que habitaban estes lugares cando os humanos estaban ausentes.

As pinturas do seu interior realizáronse con carbón vexetal como pigmento. En 2017, investigadores da USC e do IPHES de Tarragona dataron a cronoloxía das pinturas das paredes: teñen aproximadamente 9000 anos. As imaxes tiñan contaminación pero puideron obter as datacións con Carbono-14. Corroboraron que é o xacemento de arte máis antigo de Galicia, xa que as seguintes pinturas megalíticas son 3.000 anos máis tarde.

Traballos de escavación na Cova de Eirós (Triacastela).
Traballos de escavación na Cova de Eirós (Triacastela).

En Galicia, os xacementos da época dos neandertais son escasos e Cova Eirós é, ademais, o único para este período do Paleolítico onde se atoparon ferramentas e fauna asociada. Os restos óseos achegan moita información sobre a reconstrución da fauna que habitou no noroeste durante este período, así como das condicións ambientais nas que se desenvolveron as ocupacións. A investigación da USC e o IPHES deu con numerosas puntas e lascas Levallois fabricadas nunha cuarcita de moi boa calidade que trouxeron os cazadores ao interior de Cova Eirós. 

4 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De campamento neandertal a enterramento: os achados das escavacións en Cova Eirós e Monte Penedo

Os traballos, liderados dende a USC, permiten descubrir restos óseos infantís e adultos e amplían os períodos de ocupación humana das cavidades

“Raras e únicas”: estas son as seis moedas históricas declaradas pola Xunta Ben de Interese Cultural

Na actualidade as pezas son propiedade do Goberno galego e están depositadas no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Duplícanse os días de verán con risco extremo de incendio na Península Ibérica dende 1981

Un estudo internacional con participación española atribúe o aumento, con eventos máis difíciles de controlar, ao clima máis cálido e seco

Onde hai incendios activos? Este mapa permite seguir os focos en tempo real

A ferramenta Incendib reúne nun único visor para España e Portugal con datos satelitais e información oficial actualizada