Autoridades na inauguración da Domus do Mitreo. Foto: USC.
Autoridades na inauguración da Domus do Mitreo. Foto: USC.

De Lucus Augusti ao Lugo de hoxe: a historia da cidade na Domus do Mitreo

O Museo Universitario A Domus do Mitreo celebrou este xoves a súa inauguración. A instalación fará accesible a todos os públicos o coñecemento da historia da cidade de Lugo desde a época romana ata a contemporánea. O novo museo, que estará xestionado pola USC, en titularidade compartida co Concello de Lugo, incorporará ao xacemento arqueolóxico xa aberto as visitas un novo espazo de 100 metros cadrados, situado no primeiro andar da Casa do Saber, que permite facer un polo Lugo posterior á romanización a través dos restos arqueolóxicos atopados durante a fase de escavación do xacemento.

Estruturado en tres niveis, A Domus do Mitreo constitúe un exemplo excepcional da historia urbana da cidade de Lugo. Neste centro agroman diversos restos arqueolóxicos cuxa interpretación permite coñecer a evolución da cidade.  Para gozar da visita das mans das novas tecnoloxías, o visitante poderá descargar códigos QR. Ademais, o vestíbulo permite coñecer as distintas fases polas que pasou o lugar, o xacemento ofrece diferentes elementos da época romana que van desde a domus da época altoimperial, como o pano da muralla orixinal e o templo mitraico, mentres que no primeiro andar é posible facer un percorrido pola historia de Lugo desde a Idade Media ata o século XX.

O museo incorpórase ao xacemento mitraico que xa estaba aberto no lugar

A Domus do Mitreo nace coa pretensión de ser un museo accesible para todo o mundo, polo cal a USC ampliará a partir do mes de maio o horario de visitas ás instalacións, que permanecerán abertas ao público de martes a sábado, en quenda de mañá e tarde, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, e os domingos, en horario matinal, de 11.00 a 14.00 horas. O acceso axustarase ao regulamento dos outros museos universitarios da USC, polo que as taxas estarán entre 1 e 6 euros.

O museo agocha o “xacemento mitraico máis singular e máis tardío dos escavados na península Ibérica”, segundo indicou o historiador e catedrático de Historia Antiga da Universidade Carlos III de Madrid, Jaime Alvar. Ademais, tal e como sinalou o reitor da USC Juan Viaño, nas instalacións cóntase a historia do Lugo medieval, no que tivemos aquí un obradoiro ligado á construción da catedral e mais unha necrópole destinada ás clases populares, así como do Lugo moderno e contemporáneo, no que xorde o Pazo de Montenegro como residencia urbana dunha familia nobre”.

A Domus do Mitreo, segundo sinala a USC, foi o resultado dunha proveitosa colaboración entre institucións e entidades: universidade, Concello de Lugo, Deputación  Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Patrimonio, á Secretaría Xeral de Cultura e á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Grupo Santander Universidades. Como parte do proxecto, tamén se está a traballar na edición o libro ‘A Domus do Mitreo: arqueoloxía, historia e cidade’, un volume en galego, castelán e inglés.

A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde; a Xefa de Coordinación da Área de Cultura da Xunta de Galicia, María José Gómez Rodríguez, e o director de zona de Santander Universidades, José María García de los Ríos, tamén interviñeron como relatores na inauguración, un acto no que tamén asistiron os vicerreitores de Coordinación, Desenvolvemento Científico e Cultural e Servizos Universitarios do campus de Lugo, Javier Bueno, Andrés Barreiro e Carme Silva, respectivamente, ademais de representantes políticos municipais e provincias, profesores, investigadores, membros da comunidade universitaria e persoeiros do eido da cultura.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.