O mapache (Procyon lotor) estase convertendo nun risco para o medioambiente en varias zonas do continente europeo. Así o confirma un estudo realizado polo investigador Iván Salgado, do Museo Nacional de Ciencias Naturales do CSIC. Desde os anos 90, a súa poboación está medrando de forma exponencial, por riba do 300% nalgunhas áreas de Europa central, e os individuos xa conseguiron adaptarse a novos espazos, como as zonas urbanas e residencias. “Está fóra de control“, sostén Salgado na súa investigación. En países como Alemaña, o problema ten unhas dimensións importantes, con máis dun millón de animais espallados polo territorio.
Os primeiros exemplares que se introduciron no medio natural en Europa, a comezos do século XX, escaparon de granxas onde se criaban para matalos e aproveitar as súas peles, ou ben foran soltados para a caza. Porén, hoxe en día, o tráfico de mascotas e o seu posterior abandono supón a principal vía de introdución.
Galicia tampouco é allea aos problemas que causa a presenza deste mamífero, orixinario de América. Nos últimos anos, a Xunta de Galicia impulsou varias campañas de control e erradicación, debido aos danos que provocaba en zonas como o río Miño e os seus afluentes, nas que conseguiron capturar máis de 40 exemplares. Este núcleo de poboación xurdiu en 2012 despois dunha fuga no parque de Marcelle, debido aos danos dun temporal. O grupo fíxose forte na zona grazas a que tiña unhas condicións propicias para prosperar: alimento e falta de competencia. É un mamífero omnívoro e moi oportunista, que se alimenta de todo tipo de presas se ten opción. Devora niños de aves acuáticas e mariñas, invertebrados autóctonos e ata sapoconchos.
Estratexia de control
No seu estudo, tras avaliar o estado da situación en Europa, Salgado alerta da necesidade de desenvolver unha estratexia a escala continental para o control e a xestión da ameaza do mapache. Unha das propostas é a prohibición do seu comercio como mascota, activar un sistema de detección temperá – ao estilo do que xa ten a Xunta de Galicia – e conter o crecemento e a expansión das poboacións, ademais de prestar atención á protección dos hábitats, especies e recursos vulnerables fronte a este mamífero.
Unha das propostas do investigador é prohibir o comercio do mapache como mascota
Con todo, os problemas do mapache non afectan só ao entorno, senón que tamén poden prexudicar directamente a persoas e animais. É hospedador de patóxenos e enfermidades, como a rabia, que poden chegar a transmitirse a humanos e animais salvaxes e domésticos, lembra o investigador do CSIC no seu estudo.
Para a investigación, Iván Salgado reuniu a literatura académica sobre o animal e contactou con expertos de 28 países. Deste xeito, compiláronse datos “para valorar a expansión nos últimos 40 anos e analizouse o número de individuos cazados cada ano para estimar o crecemento da poboación no centro de Europa durante os últimos 20 anos”, explica o científico.
En Galicia, ademais do Miño, confirmouse a presenza do mapache nas bacías doutros ríos, como o Tambre, o Ulla ou o Eume, e tamén na zona do Xurés, onde chegaron exemplares procedentes de Portugal. E ademais, a Rede de Alerta Temperá de Especies Exóticas Invasoras, deseñada para recoller coa maior celeridade posible este tipo de casos, valeu para localizar máis exemplares en Ames (probablemente un exemplar de orixe doméstica), e outros dous, que foron atropelados, en Xestoso (Monfero), preto das Fragas do Eume, e en Nantón (A Baña).