Cando Galicia especulou con abandonar o reino e entregarse a Portugal

Os historiadores Héctor Lago Almeida e Fernando Suárez atoparon documentos que proban o preto que estivo a anexión tras a batalla de Rande

A fortaleza do Castro, en Vigo.

Houbo un tempo en que a lingua galega e a portuguesa eran a mesma. De feito, na biblioteca do Palacio Nacional de Ajuda, en Lisboa, consérvase o famoso cancioneiro que transcribe as cantigas de amor rimadas en Galicia. Son un tesouro da cultura portuguesa, pero en realidade recollen poemas que non foron escritos na actual Portugal. Un deles é “Ondas do mar de Vigo”, do trobador vigués Martín Códax. Así que son tamén, ou principalmente, un tesouro da cultura galega.

            Porque é ben certo que os territorios da actual Galicia e Portugal estiveron unidos durante boa parte da súa historia, por exemplo conformando o núcleo principal da provincia romana da Gallaecia ou do posterior reino suevo da tardoantigüidade. Sen esquecer que a Unión Ibérica foi unha realidade na Idade Moderna durante boa parte da monarquía dos Austrias, con Felipe II, III ou IV, que en Portugal teñen un ordinal menos cada un deles: Felipe I, Felipe II e Felipe III, respectivamente.

Unión de coroas

            Aquela unión de coroas rematou no ano 1668, unha data que hoxe pode resultar afastada, pero que non o era en 1702, cando a ría de Vigo foi o escenario da batalla de Rande. En plena Guerra de Sucesión española, había galegos de certa idade que viviran con toda naturalidade a unión con Portugal. Para nada soaba estraño. E todo este panorama é o que explica a investigación desenvolvida polos historiadores Héctor Lago Almeida e Fernando Suárez Golán, que atoparon os documentos que proban que estudou moi seriamente deixar España e unirse a Portugal naquela época.

            Mentres os Borbóns tentaban sentar no trono de España, facéndoo nalgúns casos, como en Cataluña, a sangue e lume, o pobo en xeral viviu na Guerra de Sucesión un momento de crise e cansazo colectivo. A ruína económica, ou as levas que levaban á fronte á mocidade de vilas e cidades, xeraron un malestar notable, que en Galicia foi moi evidente naquela guerra.

            En 1703 produciuse a adhesión de Portugal á Gran Alianza da Haia, despois de lentas e arduas negociacións, nas que o rei Don Pedro abrazou ao bando do archiduque Carlos, o candidato dos Habsburgo ao trono de España. O resultado da entrada de Portugal na guerra foi que o conflito chegou ás fronteiras de Galicia.  Houbo batallas e escaramuzas no río Miño. En boa parte porque o acordo entre os Habsburgo e Lisboa agochaba unha cláusula secreta pola que Portugal quedaría con Tui, A Guarda, Baiona e Vigo, en caso de vitoria do aspirante austríaco.

Plano de Vigo e as súas fortalezas.

            En 1704, as hostilidades son abertas. Unha real orde de Felipe V ordena darlle novo pulo á guerra contra Portugal. En Vigo e en Tui mándase “previr trompetas, tambores, mosqueteiros e arcabuceiros e que unha vez reunidos saísen á praza principal e todas as rúas da cidade, publicando a declaración a voz de pregoeiro”.

            Pero o entusiasmo popular non vai da man das ordes de Felipe V. Son moitos os galegos que rexeitan a guerra con Portugal. A situación do país é de ruína, os lazos comerciais e de amizade entre ambas as fronteiras son enormes e, ademais, aínda está recente a guerra anterior contra os veciños lusos. É daquela cando Galicia amaga con unirse ao reino portugués.

Chamamento á deserción de España

            Héctor Lago localizou un impreso que circulaba polas cidades galegas chamando á deserción de España. E a conformar unha Galicia portuguesa. Ao seu pobo, dicía o panfleto, “aínda que non lle falte a fe, acabaráselle a paciencia”. E concluía chamando directamente á secesión de Galicia de España. “Quen separou da mesma España a Portugal? Separación tan sensible, e afrontosa para ela? Saben todos foi a única causa as demasiadas cargas con que se oprimiron a aqueles vasallos, e non querer a Corte de Madrid atender aos seus clamores”.

            O panfleto continúa: “Se Galicia casa con Portugal, non será un matrimonio tan indisoluble, que só coa morte do Mundo poderase disolver? E se o Rei de Portugal viñese Rei de Galicia, non sería en tal caso Rei poderoso, e o de Castela tan mozo?”

            Aquel manifesto de comezos do século XVIII concluía así: “A todos estes grandes danos, pero imminentes males, abre a porta o poñer xugos intolerables sobre a cerviz dos Pobos”.

            Non sabemos se a ameaza de separación de Castela para pasar a control de Portugal puido pasar do simulacro. Pero si sabemos que Galicia, despois da batalla de Rande, especulou con deixar España e unirse á coroa lusa. Trescentos anos despois, podemos quitarlle ferro ao caso. Non houbo secesión. Aínda que segue a ser certo que os galegos, cando cruzamos o Miño, semella que non hai fronteira e seguimos a sentirnos doutro lado da raia como na casa…

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.