O aparello que che di cando tes que cambiar as rodas

Tres enxeñeiros dunha empresa viguesa patentan un sistema que se instala no neumático e alerta do final da súa vida útil

Mostrario de neumáticos do Grupo Salco
Mostrario de neumáticos do Grupo Salco

Nunha pequena oficina dunha rúa do centro de Vigo, un grupo de tres enxeñeiros capitaneados por Octavio Fernández da empresa Salcotech vén de conseguir a patente dun innovador dispositivo de seguridade viaria que pode chegar a evitar unha grande parte dos accidentes no mundo do transporte. Trátase dun aparato de medición que se coloca dento dos neumáticos dos vehículos e é quen de medir a presión e a temperatura en tempo real. Pero o verdadeiro valor engadido deste novo TPMS (Sistema de monitorización da presión dos neumáticos) é a súa capacidade para medir, tamén en tempo real, o desgaste das rodas.

Este avance é significativo no contexto da seguridade viaria, xa que pode previr accidentes e non só iso. Tamén pode axudar ás empresas de transporte a optimizar a súa cadea loxística, alertando no punto máis axeitado para o cambio de rodas e reducindo ao máximo os costes de consumo nas súas flotas.

Os responsables desta empresa viguesa con apenas ano e medio de vida analizan as cifras de accidentes e a influencia que neles teñen o desgaste dos neumáticos. Acoden aos datos de sinistralidade do último ano nos Estados Unidos, un mercado que tamén aspiran a explotar. Fano así por un motivo chave e é que en EE UU están rexistrados o 14% dos vehículos do mundo. Alí, no último ano houbo arredor de 11.000 accidentes ocasionados en primeiro lugar polo estado deficiente das rodas dos vehículos implicados. Iso produciu case catrocentas vítimas mortais. Uns datos dramáticos que estes enxeñeiros con base en Vigo queren atallar.

A nova tecnoloxía instálase dentro de cada roda con facilidade e non afecta á garantía dos neumáticos

Para iso, analizan as causas da siniestralidade sobre as informacións que conseguen do Departamento de Transporte da Administración Nacional de Seguridade do Tráfico nas Estradas dos Estado Unidos. Dende aí, desagregan as causas polo miúdo. As principais? A falta de debuxo no neumático, presión insuficiente, estoupidos e tamén separación da banda sonora da rodadura.

Nese contexto, o sistema intelixente de transporte (STV) desenvolvido por esta empresa do Grupo Salco súmase aos esforzos da industria por achegar ao consumidor máis fiabilidade nos seus utilitarios e tamén nas grandes flotas de camións e furgonetas das empresas de loxística que traballan con cargas extremadamente pesadas polas estradas estatais.

Segundo a súa análise, convértense na primeira empresa de fabricación de neumáticos quen de desenvolver un “control completo do estado das rodas”. Esta tecnoloxía instálase dentro de cada roda con facilidade e, insisten, “non afecta á garantía dos neumáticos”. Tamén explican que non necesita ningún tipo de mantemento periódico e que, sobre todo, ten unha vida útil moito maior que a vida das rodas, garantindo que o usuario poda despreocuparse.

Sobre o Grupo Salco

O Grupo Salco naceu en 1973 en Vigo como empresa familiar, dirixida actualmente pola segunda xeración dedicada ao mundo dos neumáticos e a mecánica rápida. Tamén contan coa súa propia fábrica de recauchutado de neumáticos de camión. Esta iniciativa creouse para dar resposta ás necesidades dos profesionais do sector, xa que é un método que serve para darlle máis vida ás rodas de camión, sen danar a calidade dos mesmos, ofrecendo un aforro directo aos custos operativos das compañías.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.