A sinistralidade nas estradas constitúe un problema de gran magnitude social e sanitaria en España, producíndose en 2013 1.680 falecidos por accidentes. No marco deste situación, no 2007 levouse a cabo un endurecemento da regulación penal que supuxo que determinadas condutas relacionadas coa condución que antes eran consideradas como faltas pasasen a ser tipificadas como delitos, como taxas de alcoholemia superiores a 1,2 gramos/litro en sangue, grandes excesos de velocidade e a condución sen permiso ou manifestamente temeraria. Isto provocou o consecuente incremento do número de persoas que ingresaban en prisión por delitos contra a seguridade viaria. Un equipo de investigadores da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense vén de estudar o perfil destes reclusos e determinar os predictores confiables deste tipo de delitos: baixo nivel escolar; ter múltiples accidentes de tráfico e multas; un estilo de condución de alto risco e baixa prudencia; a dependencia do alcol e a condución reincidente baixo os efectos do alcol. No estudo identificaron como case o 40% dos penados por delitos viarios non tiña carné de conducir.
Os resultados da investigación veñen de ser publicados nun artigo titulado Psychosocial determinants of road traffic offences in a sample of Spanish male prison inmates no volume 37 da publicación Transportation Research Part F: Traffic Psychology and Behaviour, asinando o texto José María Faílde, Manuel Antonio García, Yolanda Rodríguez, Antonio González, María Lameiras e María Victoria Carrera. O obxectivo deste estudo consistiu en realizar unha análise comparativa das características psicosociais dos reclusos españois penados por delitos contra a seguridade viaria con condutores penados por outro tipo de delitos e con condutores sen ningún tipo de antecedentes penais, e identificar os preditores psicosociais relacionados cos delitos contra a seguridade viaria. “É moi pouco o que coñecemos en España sobre as determinantes psicosociais relacionadas coa comisión de delitos contra a seguridade viaria na poboación reclusa. Este estudo ten como principal fortaleza ser un dos poucos realizados en España que analiza estes factores”, afirma José María Faílde, investigador principal do proxecto, que contou con financiamento parcial da convocatoria INOU da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
Máis información no seguinte enlace:
http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=10956&Itemid=2