Barcos de pesca artesanal en Canido (Vigo). Foto: Dylanmonch.
Barcos de pesca artesanal en Canido (Vigo). Foto: Dylanmonch.

Os sónares pesqueiros son útiles en investigación mariña

Debido á heteroxeneidade do fondo do mar é necesario un gran número de observacións para atopar regularidades, campañas de medida interminables, dispositivos sofisticados e caros e complexos análises numéricos e estatísticos. Co fin de reducir os custos e empregar a electrónica de consumo habitual xa desenvolvida, investigadores da Agrupación Oceano-Ecimat do grupo de Oceanografía Física da Universidade de Vigo (Noela Sánchez), da UNED (Daniel Rodríguez) e do grupo e Ecoloxía de peixes do Cenpat (Arxentina), estudan a posibilidade de utilizar datos acústicos obtidos con sondas semellantes ás sondas de uso pesqueiro, presentes mesmo en pequenos barcos, para detectar hábitats bentónicos. Estes investigadores están analizando datos acústicos obtidos cunha sonda “moi baratita” xunto co grupo do Cenpat, liderado pola científica Ana Parma. Este estudo enmárcase nunha importante liña de traballo que estuda os predadores apicais que habitan os arrecifes rochosos das costas do norte da Patagonia arxentina, que son áreas que terminan abruptamente en saltos de entre 30 cm e un metro, sobre fondos sedimentarios.

Noela Sánchez, investigadora do Ecimat.
Noela Sánchez, investigadora do Ecimat.

Co desenvolvemento da electrónica de consumo, os científicos propuxeron recentemente solucións enxeñosas de uso de ferramentas comúns para facer o seu traballo a un prezo razoable, como por exemplo, con tarxetas gráficas de ordenador deseñadas para videoxogos e empregadas en medicina e en oceanografía. Na ciencia mariña, especialmente no estudo do fondo mariño, empréganse ecosondas científicas e programas de ordenador altamente especializados e moi custosos para estudar algo que todo o mundo pode “ver” nos seus sónares de embarcacións pequenas e medianas. Ante este feito, os investigadores plantexáronse empregar esta electrónica de consumo como sonar ou detector de hábitats bentónicos.

O sónar pesqueiro achega información dun xeito máis económico que o sónar científico

Como explican Noela Sánchez e Daniel Rodríguez, “aínda que todos os sónares seguen o mesmo patrón xeral, dependendo de cal é o obxecto de estudo (bancos de peixes, plancto, fondos mariños, …) e do orzamento do comprador, as ecosondas científicas varían nas súas características técnicas: frecuencias utilizadas, ancho dos feixe acústicos, número de transdutores traballando sincronicamente, etc”. En estudos de hábitats bentónicos, estas características determinan, entre outras cousas, o “cando” e “onde” chega a onda acústica ao fondo mariño e o detalles que proporciona del (a profundidade á que se atopa, as formacións acusticamente diferentes que hai nel, etc.), de xeito que canto máis detalle, máis cara é a ecosonda. Nos barcos pesqueiros e de recreo hai a miúdo ecosondas que mostran obxectos na columna de auga (peixes, algas) e o fondo mariño en pantallas electrónicas. Estas ecosondas non buscan a estabilidade do sinal acústico nin a boa relación sinal-ruído na recepción, nin máis detalles que a distancia a que se atopan os “obstáculos”. Non obstante, por motivos de visualización, adquiren unha información similar á que garda o software das ecosondas científicas. Sanchez, Rodríguez e os seus colaboradores analizan como usar esta información “visual” para facer estudos “low-cost” do fondo mariño. O seguinte obxectivo sería “facer unha análise estatística (con R) que lles permita diferenciar aínda máis tipos de fondos, como xa se ten feito con ecosondas científicas.

Os investigadores destacan a potencialidade deste tipo de ferramentas e lembran que en Galicia hai máis de 4.000 buques de pesca costeira e case 20.000 barcos de recreo. “Se o uso de sondas de buques de pesca proposto funciona” conclúen, isto suporía unha “enorme cantidade de información” que se podería ter sobre os fondos mariños.

1 comentario

  1. Iso xa está feito dende a brinca do mar ate os 800m, todo depurado.
    Noela sabe isto,
    Non vexo por que gastar cartos,,,

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.