Venres 19 Abril 2024

A exposición ao radón é un factor de risco no cancro de pulmón máis agresivo

O equipo liderado por Alberto Ruano conclúe que o gas aumenta o risco de padecer un tumor de células pequenas, sobre o que hai pouca evidencia científica

O radón é ben coñecido en Galicia por ser un gas moi relacionado co risco de padecer cancro de pulmón. Agora, un novo estudo liderado por Alberto Ruaño-Raviña, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública e investigador do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), conclúe que a exposición ao radón aumenta o risco de cancro de pulmón de células pequenas, o máis agresivo deste tipo de tumores e sobre o que, de momento, hai pouca evidencia científica. Amais disto, a investigación sinala que o consumo de tabaco incrementa de forma significativa o efecto de exposición a este gas carcinoxénico nos pacientes.

Máis polo miúdo, o obxectivo da investigación era avaliar o efecto da exposición residencial ao radón no risco de desenvolver o cancro de pulmón de células pequenas. Para o desenvolvemento do estudo realizouse un análise multicéntrico de casos e controis en nove hospitais de España e Portugal, ubicados en áreas cunha presenza significativa da radón. O estudo incluíu 375 casos e 902 controis a persoas que, por termo medio, residiran 25 anos nas mesmas vivendas. Isto permitiu establecer unha asociación estatísticamente significativa en aqueles casos expostos a concentracións superiores ao nivel de intervención da Axencia de Protección Ambiental Americana (EPA). Ata a publicación deste estudo, había pouca información existente sobre a asociación dos niveis elevados de radón e o cancro de pulmón de célula pequena.

Publicidade

As persoas fumadoras expostas a radón residencial multiplicaron por 72 o risco de tumor

Amais disto, as persoas fumadores expostas ao radón residencial multiplicaron o risco de cancro de pulmón por 72, frente a aqueles persoas pouco expostas e que non fumaron nunca. A investigación, que logra demostrar que a exposición ao radón residencial é un factor de risco neste tipo de tumor de células pequenas, sinala que é preciso profundizar na epidemioloxía dun cancro de pulmón moi agresivo e nas súas vías moleculares.

Dende o IDIS tamén salientan que para medir os niveis de radón en interiores utilizáronse detectores de trazas do Laboratorio de Radón de Galicia, acreditado pola Entidad Nacional de Acreditación e localizado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). Ademais, a investigación foi financaida polo Fondo de Investigaciones Sanitarias del Instituto de Salud Carlos III e foi parte da tese de doutoramento da oncóloga Ángeles Rodríguez Martínez.

Supervivencia ao tumor

Segundo sinalan os investigadores, os tumores de pulmón son a principal causa de morte relacionada co cancro e provocan aproximadamente 388.000 mortes ao ano en Europa e 1,4 millóns en todo o mundo. Noutro dos estudos realizado polo equipo do IDIS avaliouse a supervivencia do cancro de pulmón nos nunca fumadores. As maiores taxas de supervivencia obtivéronse nas persoas de menor idade, con adenocarcinoma, mutacións accionables e, sobre todo, entre as que estaban nun estadio temperán. Outra das conclusións é que unha maior exposición do radón en interiores ten un efecto negativo na supervivencia. Esta investigación, financiada pola Sociedad Española de Patología Respiratoria (SEPAR), froito da tese de doutoramento da neumóloga Ana Casal Mouriño, é a primeira que vincula a exposición ao radón cunha menor supervivencia de cancro de pulmón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo constata o potencial da dieta atlántica para reducir o risco de síndrome metabólica

A investigación foi realizada polo IDIS e publicada na revista científica 'JAMA Network'

O 23% da poboación galega non sabe que o radon é canceríxeno

Un estudo da USC analiza a percepción social deste gas, que é a primeira causa de cancro de pulmón entre non fumadores

Un equipo galego demostra que o estómago é capaz de regular o apetito e o peso corporal

O estudo do IDIS revela cambios substanciais na produción da proteína GDF15 a nivel gástrico vinculados coa obesidade, a idade e o xénero

Un equipo galego usa nanopartículas para mellorar o tratamento da fase aguda do ictus

Investigadores do IDIS e da USC reducen os efectos secundarios da única terapia farmacolóxica dispoñible para abordar a enfermidade