Sábado 20 Abril 2024

“A marxe para cumprir cos obxectivos do Acordo de París para este século é moi reducida”

O catedrático vigués Xabier Labandeira, participante no sexto informe de avaliación do IPCC: "esperemos que se introduzan políticas de aplicación inmediata”

O Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático (IPCC) vén de publicar a terceira parte sobre mitigación do seu VI informe de avaliación. As conclusións son claras: as emisións de gases de efecto invernadoiro deben diminuír drasticamente esta década si se quere limitar o aumento da temperatura a 1,5ºC. “Xa se observan avances na acción contra o cambio climático nun conxunto de países e sectores, pero sería posible facer moito máis e chegarmos a 2030 cunha considerable baixada de emisións”, así o expresa Xabier Labandeira, catedrático de Economía da Universidade de Vigo e un dos cinco españois que participa no informe do Grupo de Traballo III, GT-III.

Esta é a primeira vez que un comité de especialistas —239 autores de ducias de países— analiza o Acordo de París, asinado en 2015, e que representou un cambio de paradigma substancial con respecto ao precedente Protocolo de Kioto. Segundo as declaracións de Labandeira para o DUVI, o Sexto Informe “cobre toda a literatura producida nos últimos anos nun campo moi amplo como é o da mitigación, ou redución de emisións, do cambio climático”. Ao que engade que “entre as mensaxes sobranceiras desta avaliación atópase o feito de que a marxe para cumprir cos obxectivos do Acordo de París, particularmente o de manter a suba de emisións en 1,5ºC para finais deste século é moi reducida”, polo que, “a non ser que iniciemos xa unha redución moi intensa das emisións en todos os sectores e rexións non seremos quen de conseguilo”.

Publicidade

Reducir as emisións nun 43%

A comunidade científica coincide en sinalar que os próximos anos son críticos. Nos escenarios que se avalían, para limitar o quecemento a aproximadamente 1,5°C, é necesario que as emisións de gases de efecto invernadoiro a escala global alcancen o seu punto máximo antes de 2025, e se reduzan nun 43% as emisións de CO2, como moi tarde, en 2030. Por outra banda, tamén sería necesario reducir o metano ao redor dun terzo.

Para limitar o quecemento a aproximadamente 1,5°C, é necesario que as emisións de gases de efecto invernadoiro a escala global alcancen o seu punto máximo antes de 2025

A este respecto, Nafkote Dabi, responsable de Políticas sobre Cambio Climático de Oxfam sinala: “Cada acción para reducir emisións e cada centígrado que se consiga limitar o quecemento global contan. Cos plans actuais, o mundo encamíñase cara a un aumento da temperatura de 2,7°C. Isto é unha sentenza de morte para países vulnerables aos fenómenos climáticos como Vanuatu e Bangladesh”. Para limitar este quecemento, necesitaranse transicións importantes no sector enerxético. Isto implicará reducir de forma contundente o uso dos combustibles fósiles, estender a electrificación, mellorar a eficiencia enerxética e utilizar combustibles alternativos (como o hidróxeno).

Numerosos científicos subliñan a enorme distancia que segue existindo aínda entre as medidas actuais e as necesarias para limitar o quecemento por debaixo dos niveis máis prexudiciais. A este respecto, Xabier Labandeira indica que neste capítulo recóllese “a importancia das políticas de prezo sobre as emisións de gases de efecto invernadoiro, o papel crecente da litigación climática e o potencial que ten para a loita contra o cambio climático a redución dos subsidios aos carburantes fósiles”.

Enerxías alternativas

“Outro informe do IPCC e outra chamada á acción urxente. A memoria deixa claro que se necesita unha aceleración inmediata e a curto prazo da enerxía baixa en carbono se se quere limitar o quecemento por baixo dos niveis de perigo”, sinala Rob Gross, director do Centro de Investigación Enerxética do Reino Unido. Neste sentido, o experto destaca de forma positiva a redución de custos das principais opcións enerxéticas, como a eólica, a solar e as baterías, así como a diminución do ritmo de crecemento das emisións.

“Estamos nunha encrucillada. As decisións que adoptemos agora poden asegurar un futuro digno”

O informe indica que grazas a un conxunto de políticas e leis cada vez máis amplo, mellorouse a eficiencia enerxética, reducíronse as taxas de deforestación e acelerouse a utilización das enerxías renovables. “Estamos nunha encrucillada. As decisións que adoptemos agora poden asegurar un futuro digno. Contamos coas ferramentas e os coñecementos especializados necesarios para limitar o quecemento”, sostén Hoesung Lee, Presidente do IPCC. Na súa intervención, o responsable do panel lembrou que as avaliacións do IPCC sempre deixaron moi claro que o cambio climático inducido polo home é xeneralizado, rápido e estase a intensificar. “É unha ameaza para o noso benestar e o de todas as demais especies, unha ameaza para a saúde de todo o planeta”.

Nunha entrevista para GCiencia, Xabier Labandeira mencionaba que era fundamental “crear un prezo da emisión de CO2 o suficientemente alto para que cambien os hábitos e fomentar investimentos en tecnoloxías limpas e en innovación. É un instrumento non suficiente, pero si necesario”. Neste sexto informe, Labandeira participou como revisor editor do capítulo 13, no que se avalía o coñecemento científico, técnico e socioeconómico sobre o cambio climático, co obxectivo de prover á clase política e a outros axentes sociais dunha análise en profundidade desta cuestión, a partir da que poidan tomar decisións informadas. “Esperemos que neste caso axude á introdución de políticas máis ambiciosas e de aplicación inmediata”, recalca o catedrático.

Mellores edificios, menores emisións

“Se dispoñemos das políticas, a infraestrutura e as tecnoloxías adecuadas para realizar cambios nos nosos estilos de vida e comportamentos, de aquí a 2050, poderemos reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro entre o 40% e o 70%”, di Priyadarshi Shukla, copresidente do Grupo de Traballo III do IPCC. Segundo o informe, as cidades e outras zonas urbanas ofrecen importantes oportunidades para diminuír as emisións. Esta redución pode lograrse mediante un menor consumo de enerxía (por exemplo, creando urbes compactas e camiñables), coa electrificación do transporte en combinación con fontes de enerxía de baixa emisión e unha maior absorción e almacenamento de carbono a través da natureza.

As cidades e outras zonas urbanas ofrecen importantes oportunidades para diminuír as emisións

“Existen exemplos de edificios de enerxía cero ou sen emisións de carbono en case todos os climas”, sinala Jim Skea, copresidente do Grupo de Traballo III do IPCC. E continúa: “A adopción de medidas nesta década é fundamental para aproveitar o potencial de mitigación dos edificios”. A diminución das emisións na industria implicará o uso dos materiais de maneira máis eficiente, a reutilización e a reciclaxe de produtos, e a redución ao mínimo dos residuos.

No caso dos materiais básicos, incluídos o aceiro, os materiais de construción e os produtos químicos, os procesos de produción de baixas emisións ou de emisión cero de gases de efecto invernadoiro atópanse nas etapas de probas ou próximas á comercialización. Este sector representa aproximadamente unha cuarta parte das emisións globais, destaca o traballo. A agricultura, a silvicultura e outros usos da terra poden reducir as emisións a gran escala, así como eliminar e almacenar dióxido de carbono.

A agricultura, a silvicultura e outros usos da terra poden reducir as emisións a gran escala, así como eliminar e almacenar dióxido de carbono

Un recoñecemento profesional a Labandeira

Esta non é para Xavier Labandeira a primeira vez que foi convidado a participar na elaboración dun informe do IPCC, xa o fixera, como autor principal, no quinto informe de avaliación, traendo a Vigo en 2012 unha das xuntanzas de traballo máis relevantes do proceso, “con presenza de centos de académicos procedentes de todo o mundo”. Neste sexto informe a invitación consistiu en participar como revisor editor do capítulo 13, no que participaron 13 autores dos cinco continentes, dous deles como coordinadores: o catedrático vigués e un académico chileno.

Xavier Labandeira: “Levamos 20 anos sen abordar correctamente o cambio climático”

Todos os autores participantes neste informe foron seleccionados en 2018 por un comité do propio IPCC, despois dunha convocatoria global, en función dos seus méritos académicos. “Formar parte do grupo de persoas seleccionadas é un recoñecemento á traxectoria profesional e persoal, pero tamén unha importante responsabilidade”, explica Labandeira. E engade: “A experiencia foi moi satisfactoria en todos os sentidos, aínda que non podo negar que viría ben contar con máis medios e recoñecemento para os académicos que, de forma totalmente desinteresada (non remunerada) e cun custo importante en tempo dispoñible para a investigación e docencia, participan nunha tarefa tan relevante para a sociedade”.

Unha vez publicadas as tres partes do Sexto Informe do Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático, IPCC, —no grupo de traballo II contouse coa participación da tamén profesora da Universidade de Vigo Elena Ojea— queda pendente un informe de síntese que se fará público en outono. “Este será o capítulo final do ciclo, sintetizando evidencias e datos das contribucións dos tres grupos de traballo, así como dos tres informes especiais do IPCC”, explicou Hoesung Lee.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas