Xoves 28 Marzo 2024

Outro galego do equipo implicado na trama saudita publica un estudo cada dous días dende 2020

O investigador do Centro da Carne lidera o grupo dos científicos inscritos en falso nunha universidade árabe

Un artigo publicado cada 47 horas. Unha produción científica desenfreada que ascende, nin máis nin menos, que a 211 investigacións en tan só un ano, segundo a base de datos Scopus. Así de prolífico é o científico José Manuel Lorenzo, que traballa no Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), dependente da Xunta de Galicia, e é profesor asociado á Universidade de Vigo (UVigo). Ademais, Lorenzo é o líder do grupo de investigación ao que están vinculados Mirian Pateiro e Rubén Domínguez, os dous galegos asociados ao CTC dende hai máis dunha década, que se inscribiron en falso nunha universidade árabe e facturaron coa empresa do seu intermediario, que pagaba presuntamente ata 70.000 euros polas falsas afiliacións. GCiencia tratou insistentemente de falar con Lorenzo para coñecer a explicación a tan alta actividade pero non obtivo resposta.

Malia que Lorenzo comezou a súa produción científica no ano 2000, houbo seis anos nos que non publicou ningún artigo. Houbo períodos máis prolíficos, pero ata o 2015 non superaba a vintena de investigacións por ano. A partir de aí, a súa actividade comezouse a disparar. En 2019 xa acada os 109 estudos publicados: case un cada tres días. Un aumento exponencial que continúa durante os anos seguintes: en 2020 chega aos 143; en 2021 consegue sacar adiante 195 artigos e en 2022 rompe a barreira dos 200 e publica un total de 211 investigacións. Unha produción moi elevada, que ascende a un estudo científico cada 47 horas dende 2020, sen descontar vacacións, festivos ou fins de semana. Cristina Candal, a investigadora galega que destapou as fábricas de artigos, considera como “unha barbaridade”. “De verdade acontece isto noutros países? Habería que estudar o contexto pero, de verdade, non sei como o conseguen”, apunta a científica da Universidade de Santiago (USC).

Publicidade

O investigador José Manuel Lorenzo, no CTC.

En 2023, a produción de Lorenzo vai polo mesmo camiño. Xa leva publicados 60 artigos en tan só catro meses. É dicir, un cada dous días e, polo tanto, un ritmo semellante ao de anos anteriores. Tamén chama a atención que unha das súas publicacións a asine, tamén, o científico Roberto Fernández-Lafuente. Ademais de figurar como investigador do departamento de Biocatálise do Instituto de Catálise e Petreoquímica do CSIC, Lafuente tamén aparece vinculado ao Centro de Excelencia en Investigación en Bionanociencia da Universidade Rei Abdulaziz como membro externo. Curiosamente, Fernández-Lafuente figuraba na lista Clarivate de 2021 coa súa primeira afiliación na universidade saudita. O mesmo motivo polo que a trama saltou polos aires e se viron implicados 11 científicos españois. Entre eles, dous galegos, por declarar falsamente traballar para a Rei Abdulaziz cando a súa carreira transcorre en España.

Ademais do seu recoñecemento internacional, Lorenzo é un autor prolífico e altamente citado. Segundo Scopus, ao longo da súa carreira científica —comezou a publicar artigos no ano 2000— escribiu 937 documentos e foi citado 22.736 veces. Unha cifra considerablemente superior á dos seus compañeiros de profesión. Pateiro, por exemplo, ten 257 artigos rexistrados en Scopus dos que se derivan 7.073 citas. E Domínguez é o que menos ten dos tres: 218 investigacións publicadas e 6.089 citacións. Unhas cifras elevadas en calquera caso que converten a Domínguez e Pateiro en dous dos 7.000 científicos máis citados do mundo segundo a Highly Cited Research (HCR), unha lista da empresa Clarivate que se utiliza para elaborar o ránking das mellores universidades do planeta. Os dous galegos aparecen por primeira vez na lista de 2022 e, curiosamente, Lorenzo non figura. Tampouco nas anteriores, que se publican dende 2014, pese a ser máis citado que Domínguez e Pateiro xuntos.

O propio CTC presumía en 2021 de que os tres investigadores son os maiores expertos en carne e produtos cárnicos do mundo, segundo a empresa norteamericana Expertscape. Lorenzo, de feito, lidera ambas clasificacións.

Moitos dos artigos científicos de Lorenzo están asinados con Pateiro, Domínguez e tamén Paulo Munekata. Este investigador pertence ao mesmo grupo, tamén é considerado un dos maiores expertos en carne e a súa produción científica —aínda que inferior á dos seus compañeiros— é elevada: 50 artigos publicados por ano en 2020 e 2021. Xunto a estes tres investigadores do CTC, moitas das investigacións de Lorenzo están asinadas con autores da India e Irán, entre outros países asiáticos. Isto é común entre expertos que acoden a fábricas de artigos para inflar o seu currículo. “Poderían provir de aí? Pode ser, si. De todas formas, hai que ver as coautorías. Se os autores indios ou doutras nacionalidades se repiten en varios artigos podemos pensar que é unha colaboración entre universidades. O preocupante sería se non se repiten”, explica Candal.

Como funcionan as fábricas de artigos?

Segundo apunta a investigadora da USC, as fábricas de artigos funcionan a través de webs ou incluso Facebook. Poñen á venda autorías que calquera persoa pode mercar. “Se o fas, vas ir na lista de asinantes con outros investigadores que compraron o mesmo documento. Por exemplo, científicos de Rusia, China, Israel… Os autores destes países son máis propensos ou, polo menos, iso é o que sabemos ata o de agora”, engade. E tamén advirte que este tipo de prácticas adoitan asociarse a outros países, sobre todo en Asia, pero son máis comúns do que se ve a simple vista. “Ningún país é libre de ter científicos que toman atallos para aumentar a súa produción científica”, asegura. E, ao mesmo tempo, recoñece que é difícil saber cales son as causas que os levan a acudir ás fábricas de artigos. “Pode ser pura ambición persoal, querer un ascenso rápido para un aumento de soldo, falta de responsabilidade… Poden ser moitos factores”, sostén.

“Se es líder dun equipo moi grande pode ser que publiques 200 artigos ao ano. A cuestión é: es capaz de lelos todos?”

CRISTINA CANDAL, investigadora da USC

Dende logo, unha produción científica tan elevada como a de Lorenzo non é habitual. Incluso se se compara con outros investigadores do mesmo centro de investigación, como é o caso de Laura Purriños. Segundo o seu perfil de LinkedIn traballa no CTC pero o número máximo de documentos que sacou por ano é de 6, seguindo os datos recollidos en Scopus. De todas formas, Candal matiza que é difícil establecer que media de artigos publicados por ano “pode considerarse normal” ou que entre nas marxes do razoable. “Depende moito e varía moitísimo dos tipos de estudos e dos campos de coñecemento. Na ciencia básica, cos ensaios clínicos, leva moito tempo. Na miña área, a epidemioloxía, normalmente traballamos con datos xa publicados e tardamos menos en sacalos adiante”, incide Candal.

Pese a todo, a investigadora galega insiste: “Nós non publicamos tanto. Resúltame curioso que alguén sexa capaz de publicar tantísimo”, di en referencia á produción científica de Lorenzo. Candal dá a clave que podería explicar, polo menos parcialmente, unha actividade tan elevada por parte do experto do CTC. Ao parecer, os xefes de grupo poden aparecer nas investigacións científicas como “autoridades de vulto”. É dicir, forman parte na lista de autores malia que non contribuíran ao estudo. “Adóitase incluír porque dá prestixio pero non deixa de ser unha mala práctica”, continúa. En todo caso, 200 artigos ao ano segue sendo unha cifra moi elevada. “Podería ser posible se conta cun equipo moi grande. A cuestión, en todo caso, sería se ese xefe de grupo é capaz de ler esas 200 investigacións”, conclúe Candal.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

4 COMENTÁRIOS

  1. NON DIGO QUE TÓDOLOS CIENTÍFICOS CAIAN NA TRAMPA DE DEIXARSE VENDER …PERO HAI QUE REMATAR CON ISTO …
    CÓMPRE CONTROLAR AXEITADAMENTE ESTAS PUBLICACIÓNS PARA QUE NON OCORRAN ISTAS COUSAS …

  2. Uii el centro de la carne. Devolvieron ya el dinero de aquel proyecto del cochino celta? . Parece ser que se vendìan los productos càrnicos y hacìan caja.

  3. Investigad el instituto de investigaciones marinas de Vigo y encontraréis sorpresas de los que quedan y los que salieron!!!

  4. VERGOÑA !
    XA NON SE PODE CONFIAR NIN NOS CIENTÍFICOS .
    OS CARTOS SE VE QUE SON O PRIMEIRO .

    CANDO NON HAI CONTROL , APARECE O DESCONTROL .
    SEN MULTA NON HAI ORDE .
    A HUMANIDADE SÓ ATENDE AO PAU …

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O científico galego que publica un estudo cada dous días frea en seco tras revelarse a súa hiperprodución

O xefe de investigación do Centro da Carne e profesor da UVigo, José Manuel Lorenzo, asinou 208 artigos en 2022

Os galegos da trama saudita inscribíronse en falso na universidade árabe tras publicar 74 artigos nun ano

A investigadora galega que demostrou a existencia das fábricas de artigos: "Semexante producción científica é unha barbaridade”

Os investigadores galegos da trama saudita cobraron da empresa do intermediario dos árabes

Os dous empregados do Centro da Carne, cunha desenfreada produción científica, inscribíronse na universidade Rei Abdulaziz pese a desenvolver a súa carreira en Galicia

Galicia, pioneira nunha nova técnica para estudar a metástase do cancro de mama

Un equipo dirixido por Clotilde Costa realiza un xenotransplante de células tumorais circulantes dunha afectada da variante triple negativa