Instalacións do Centro Tecnolóxico da Carne, en San Cibrao de Viñas. Crédito: CTC
Instalacións do Centro Tecnolóxico da Carne, en San Cibrao de Viñas. Crédito: CTC

Os investigadores galegos Rubén Domínguez e Mirian Pateiro mantiveron unha relación mercantil con UP4 Institute of Sciences, a empresa do catedrático Juan Luis García Guirao dedicada presuntamente a pagar a científicos españois para que aleguen en falso traballar para universidades sauditas. Iso é o que fixeron Domínguez e Pateiro, do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), dependente da Xunta: inscribirse na Universidade Rei Abdulaziz como primeira afiliación no Highly Cited Research (HCR) —o que se ten en consideración para o principal ranking de universidades do mundo— a pesar de que ningún dos dous formalizou nunca contrato algún coa citada institución académica árabe, segundo confirmou a Xunta.

Os dous científicos do CTC aínda aparecen como afiliados á universidade de Arabia Saudita no HCR, unha lista integrada polos 7.000 autores máis citados do mundo. Eles forman parte dela grazas, en parte, a unha actividade investigadora desenfreada, con ata nove publicacións científicas nun mesmo mes. Fontes da Consellería de Medio Rural informaron de que Domínguez e Pateiro solicitaron o cambio de adscrición no rexistro dos máis citados. Ningún dos dous investigadores contestou ás mensaxes e chamadas de GCiencia.

Publicidade

Perfís de Mirian Pateiro e Rubén Domínguez na lista Clarivate, onde consta que a súa primeira afiliación é a universidade saudita e, a segunda, o CTC.

Foi a propia consellería a que confirmou a existencia dunha “relación mercantil” dos seus investigadores con UP4 Institute of Sciences. Segundo unha investigación xornalística publicada esta semana, os empregados do Centro Tecnolóxico da Carne forman parte dun grupo de 11 científicos españois que cobraron ata 70.000 euros anuais de universidades de Arabia Saudita para facer trampas no ranking de Shanghai. A Xunta sostén que, “de acordo coas consultas realizadas”, ningún dos dous formalizou contrato algún coa universidade saudita, pero si “mantiveron unha relación mercantil con UP4 Institute of Sciences nos meses nos que non estiveron contratados no CTC”. Domínguez e Pateiro levan máis dunha década vinculados ao Centro Tecnolóxico da Carne, unha fundación de interese galego, e desenvolveron a súa carreira en Galicia.

UP4 Institute of Sciences é unha empresa fundada en 2015 por Guirao, considerado o intermediario dos árabes en España, e a tamén investigadora na Universidade de Murcia Yolanda Guerrero Sánchez. Segundo unha reportaxe publicada este mércores en El País, a empresa funciona como unha tapadeira dedicada a captar científicos españois para que mintan e digan que traballan nunha universidade saudita, que ascende así no ranking de Shanhgai. Fontes de Medio Rural aseguran descoñecer que tipo de servizos prestaron Domínguez e Pateiro a UP4 Institute of Sciences, pero defenden que a súa “relación mercantil” rematou cando retomaron as súas investigacións no CTC. 

Publicidade

Mentres outras institucións teñen expedientado e incluso expulsado a científicos pola presunta fraude, a Xunta confirma que non tomará medidas contra os investigadores. Defenden que Domínguez e Pateiro xa non están afiliados á Universidade Rei Abdulaziz e instan a esperar a que a lista HCT, que elabora a empresa Clarivate anualmente, actualice os seus datos. É dicir, son os investigadores a título individual quen comunican cales son —ou deixan de ser— as súas afiliacións académicas. A Universidade de Córdoba, suspendeu de emprego e soldo durante 13 anos ao investigador Rafael Luque. Tamén está o caso de Ai Koyanagi, do Instituto de Investigación San Joan de Déu, que xa foi obrigada a rescindir o seu contrato coa universidade saudita. Ou o propio CSIC, que abriu unha investigación para esclarecer os feitos, dado que varios dos científicos asociados á institución tamén están implicados na trama.

Outro dos aspectos máis rechamantes da carreira académica destes investigadores é a súa alta produtividade científica. Os investigadores galegos, entre os máis citados do mundo, tamén teñen unha produción de artigos desenfreada, tal e como se pode comprobar nos seus perfís de ResearchGate. Domínguez, por exemplo, publicou nove estudos en agosto de 2022. É dicir, un cada tres días. Uns números similares aos da súa compañeira Mirian Pateiro, coa que asina moitos dos artigos científicos. A experta do CTC chegou a asinar cinco en xaneiro de 2023, seis en agosto de 2022 e ata oito en outubro de 2022. De novo, un artigo cada catro días. Estas cifras son semellantes ás de compañeiros como Luque e Koyanagi, implicados na trauma saudita. De feito, o ministro de Universidades, Joan Subirats, manifestouse ao respecto: “Unha persoa que fai un artigo cada tres días é algo complicado de entender”.

  • Perfil de ResearchGate de Mirian Pateiro, onde se comproba a súa alta produtividade científica.
  • Perfíl de ResearchGate de Rubén Domínguez, onde se recolle a súa actividade científica desenfreada. En agosto de 2022 chegou a asinar nove estudos.

O risco das dobres afiliacións

O ex reitor e catedrático da Universidade de Vigo (UVigo), Domingo Docampo, ofrece as claves para entender esta situación. “Clarivate non pregunta as afiliacións ás universidades, senón aos investigadores. Abre un prazo todos os anos por se hai científicos que cambiaran de institución, algo que é habitual”, asegura. Seguindo as súas explicacións, os centros de investigación e as universidades descoñecen cales son as afiliacións dos seus científicos ata que a lista se fai pública. É dicir, cando non se pode modificar. “Todo se sabe. Tanto é así que a Universidade de Córdoba reaccionou. Suspendeu de emprego e soldo a Rafael Luque porque levaba catro anos indicando que pertencía a unha universidade saudita cando, en realidade, seguía a ser catedrático con exclusividade”, aclara o ex reitor da UVigo.

“Clarivate non pregunta as afiliacións ás universidades, senón aos investigadores”

DOMINGO DOCAMPO, ex reitor da UVigo

Docampo asegura que esta polémica non é recente, senón que se leva producindo dende o 2006. “É a compra ilícita do nome dunha persoa, nin sequera dos seus servizos. Hai un corruptor, que é Arabia Saudita, e alguén que se deixa corromper”, indica. “Non coñezo ningún país que o faga de xeito tan organizado”, insiste o catedrático. Pola contra, o investigador da Universidade da Coruña (UDC) Moisés Canle cre que este tipo de prácticas están moi estendidas, non só no país saudita. “Este tema non é nada novo para os investigadores. Hai moitos congresos, premios, revistas, contratos… nos que pode haber intereses ocultos”, sostén o catedrático de Química Física. Sen ir máis lonxe, el asegura que recibiu ofertas de universidades estranxeiras, de afiliación, de traballo e doutro tipo. Unha das últimas, a entrega dun premio a cambio dun pago previo. “Recibimos todo tipo de ofertas pero moitos somos funcionarios, temos contratos en exclusividade e rexeitámolas”, recalca.

Captura de pantalla da portada da empresa de Juan Luis García Guirao, consistente nunha imaxe sen ligazóns.

De feito, a gravidade de casos como o de Rafael Luque está aí: na exclusividade. “Se é así, a dobre afiliación tes que solicitala e o teu centro, aceptar. Pero esa primeira afiliación sempre ten que ser a institución que che dá o traballo; en ningún caso pode ser a segunda”, apunta o investigador da UDC. De todas formas, Canle defende que non é un problema exclusivo de Arabia Saudita e que en España tamén se dan casos semellantes. “O tema parece unha bomba, unha gran novidade. Habería que ver cantas universidades privadas están tirando de investigadores de prestixio das universidades públicas“, critica. Ou cantas, públicas e privadas, de científicos estranxeiros aos que se lles permite ter unha dobre afiliación para poder subir nas clasificacións académicas internacionais, como o ranking de Shanghai.

“A primeira afiliación sempre ten que ser a da institución que che dá o traballo; en ningún caso pode ser a segunda”

MOISÉS CANLE, investigador da UDC

Tanto Canle como Docampo ven unha clara comparativa co que acontece nas ligas de fútbol. O investigador da UDC resúmeo da seguinte maneira: “Se ti tes diñeiro para contactar cunha persoa que ten un premio Nobel, tes a capacidade de poñer á súa disposición unha cantidade importante de diñeiro, ofréceslle vir a dar dúas charlas ao ano e así afilíase á túa universidade… Claro, o centro sobe un montón de postos no ranking porque un dos criterios a valorar é, precisamente, o número de grandes premios cos que conta a institución. É lícito? Pódese facer? Aquí entra o tema ético. Isto é igual que as ligas de fútbol: fichas a Cristiano Ronaldo e xa sobes moitísimos puntos na clasificación”.

Pese á polémica e ao funcionamento, ás veces escuro, destas clasificacións, Docampo mantense optimista. Malia que España é o segundo país con máis científicos implicados na trama saudita, con 11, e só por detrás de China, con 12, pensa que isto servirá para que se abra un debate público. “Espero que despois disto todo se esclareza e que estas persoas tomen nota, non reincidan e poñan como primeira opción na lista Clarivate a súa institución”, apunta o ex reitor. Está seguro, ademais, de que este tema “marcará un antes e un despois na ciencia española” e que, probablemente, cruce fronteiras. Servirá, por tanto, para controlar estes movementos corruptos que enturbian a produción científica. E, por suposto, cre que as institucións cuxos investigadores están implicados deberían falar formalmente. “Entendo que só se levará a cabo un expediente sancionador se hai reincidencia. Pero se esas persoas entenden que non se debe facer, rectificarán”, engade o catedrático da UVigo.

Os intereses detrás da polémica

No que respecta aos motivos que poderían conducir os investigadores a aceptar este tipo de contratos, Docampo prefire non inmiscuirse e asegura que as motivacións poden ser moi variadas pero que, en último termo, “a vítima son as universidades e institucións”. Canle ofrece unha visión alternativa. “Non estou de acordo con estas prácticas. Non sei se é unha situación irregular ou ilegal, iso débeo determinar a institución pública contratante, pero seguramente os seus contratos non lle permiten iso”, apunta. Porén, sen xustificalo, cre que non todo se debe á falta de ética e que, ás veces, a necesidade de financiamento pode levar os investigadores a buscar fontes orzamentarias alternativas. “Hai científicos boísimos en España que nin sequera teñen un traballo estable. E os que temos a gran sorte de ser funcionarios ou laborais, non podemos equiparar os nosos soldos a outros países, onde son moito maiores”, indica.

“Se lle pagas ben aos científicos, o nivel de corrupción vaise reducir a case cero”

MOISÉS CANLE, investigador da UDC

Canle cre que unha das solucións para poñer coto a estas polémicas, e para que os científicos non acepten ofertas que deturpan claramente a súa profesión, pasa por unha mellora dos salarios e das condicións de traballo. “Isto é o mesmo que a corrupción política. Se lle pagas ben aos científicos, acorde á nosa contorna, o nivel de corrupción vaise reducir case a cero”, sostén o investigador da UDC. Porén, se o xefe dun grupo de investigación vive en precario, sen financiamento para as súas liñas de estudo e con persoas contratadas ás que é difícil manter, Canle cre que este tipo de ofertas se converten en suculentas. “Ante estas condicións ofrécenche 70.000 euros e pénsalo. Eu non os collería pero hai moita xente que si”, conclúe o científico galego, un de tantos outros que reciben ofertas capaces de manchar a presumible obxectividade científica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.