Sábado 27 Abril 2024

O científico galego que publica un estudo cada dous días frea en seco tras revelarse a súa hiperprodución

O xefe de investigación do Centro da Carne e profesor da UVigo, José Manuel Lorenzo, asinou 208 artigos en 2022

O científico galego José Manuel Lorenzo, considerado o autor máis prolífico de España con ata 200 artigos publicados nun só ano, freou en seco a súa produción nos últimos cinco meses. Ata abril levaba publicados 60 artigos e ata outubro tan só asinou catro. É dicir, pasou de publicar un artigo cada 47 horas a asinar un artigo cada 42 días. Esta drástica redución da súa produción científica prodúcese despois de que GCiencia revelase en abril o caso da súa sospeitosa hiperprodución. O xefe de investigación do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), dependente da Xunta, e tamén profesor asociado á Universidade de Vigo (UVigo), non quixo responder ás preguntas de GCiencia, malia que se contactou con el en reiteradas ocasións.

José Manuel Lorenzo desenvolve a súa carreira científica dende o ano 2000, segundo figura no índice Scopus. A súa produción, ata o 2019, era baixa, con períodos de tempo nos que non publicou un só artigo científico. Porén, dende hai catro anos ten unha actividade científica desenfreada que o posiciona como o autor máis prolífico de España. De feito, en 2022 publicou 208 artigos. En abril deste ano saltou polos aires a súa sospeitosa produción científica, despois de que dous membros do seu equipo figurasen como implicados na trama saudita.

Publicidade

Lorenzo é considerado o maior experto en carne e produtos cárnicos do mundo pero asina artigos que nada teñen que ver coa súa liña de investigación

Máis alá da súa hiperprodución, chama a atención a temática de moitos dos seus artigos. Malia que o investigador do CTC está considerado o maior experto en carne e produdos cárnicos no mundo, segundo a empresa norteamericana Expertscape, asina artigos que nada teñen que ver coa súa liña de investigación. Sen ir máis lonxe, en xullo deste ano publicou unha investigación sobre a frescura e a vida útil dos camaróns. Tamén é rechamante que dos nove autores que asinan o artigo, oito deles sexan iranios. Precisamente este país, xunto a outros asiáticos, están no punto de mira da ciencia polas denominadas fábricas de artigos, onde se venden investigacións para inflar os currículos e escalar postos nas clasificacións internacionais. “Se os autores indios ou doutras nacionalidades se repiten en varios artigos podemos pensar que é unha colaboración entre universidades. O preocupante sería se non se repiten”, explicaba Cristina Candal, a investigadora galega que destapou as fábricas de artigos, nunha reportaxe publicada en GCiencia.

Unha estela semellante séguena Mirian Pateiro e Rubén Domínguez, os dous galegos implicados na trama saudita e vinculados ao CTC dende hai máis dunha década. Ostentan, xunto a Lorenzo, os primeiros postos da clasificación Expertscape, que salienta os maiores expertos en carne e produtos cárnicos do mundo. Algo do que presumía o propio CTC en 2021 e a UVigo, esta vez en relación a Lorenzo, en 2020. Porén, a produción científica de Pateiro e Domínguez, malia non ser tan desenfreada como a do líder do seu grupo de investigación, si estaba moi por enriba da media. Ambos acadaron o pico da súa produción científica en 2021, con 71 e 51 artigos publicados respectivamente. Unha tendencia que continuaba en 2022, cunha lixeira baixada na súa produción: Pateiro publicou 51 e Domínguez baixou ata os 45. Porén, neste 2023, despois de que saltase polos aires a súa implicación na trama saudita, a súa produción científica, ao igual que a de Lorenzo, freou en seco. Pateiro só rexistra, no que levamos de ano, 20 publicacións. Domínguez, pola súa parte, tan só asina 10.

Igual que Lorenzo, ningún dos dous investigadores do seu equipo quixo responder ás preguntas de GCiencia. Á súa elevadísima produción científica súmase a súa implicación na trama saudita. Segundo confirmaban fontes de Medio Rural en abril, tanto Pateiro como Domínguez mantiveron unha relación mercantil con UP4 Institute of Sciences, a empresa do catedrático Juan Luis García Guirao dedicada presuntamente a pagar a científicos españois para que alegasen en falso traballar para universidades sauditas. Tanto Pateiro como Domínguez, pese a desenvolver toda a súa carreira científica en Galicia, inscribíronse como primeira afiliación na Universidade Rei Abdulaziz, en Arabia Saudita, segundo a información recollida na lista Clarivate, onde figuran os 7.000 autores máis citados do mundo. Porén, a Xunta aseguraba en abril que ningún dos dous formalizara nunca contrato algún coa institución académica árabe.

Os galegos implicados na trama saudita tamén reduciron drasticamente a súa produción científica nos últimos meses

Cabe destacar que son os propios investigadores os que informan a Clarivate das súas afiliacións. E que a primeira debe ser sempre o seu centro principal de traballo. Fontes da Consellería de Medio Rural aseguraban en abril que Domínguez e Pateiro xa solicitaran o cambio de adscrición no rexistro na lista Clarivate, algo que non se poderá comprobar ata finais de ano, cando se faga pública a nova clasificación.

A trama saudita, na que están implicados, involucrou a outros nove científicos españois que cobraron ata 70.000 euros anuais de universidades de Arabia Saudita para facer trampas no ranking de Shanghai. Esta clasificación establece cales son as mellores universidades do mundo, baseándose sempre nos datos recollidos pola lista Clarivate. As institucións dos académicos implicados na trama saudita, como o CSIC, a Universidade de Córdoba e o Instituto de Investigación San Joan de Déu, tomaron medidas e investigaron aos involucrados na trama. A Xunta confirmaba en abril que non se actuaría ao respecto e que tan só agardarían a que a lista Clarivate actualizase os seus datos.

Case 90 artigos nun só ano… Como?

Parte do grupo de investigación que lidera Simal Gándara na UVigo.

Outro dos autores máis prolíficos de España é Jesús Simal Gándara, catedrático de Nutrición e Bromatoloxía da UVigo. El tamén figura na lista Clarivate como un dos 7.000 autores máis citados do mundo, sendo a institución académica galega a súa primeira afiliación e a Academia Chinesa de Ciencias Agrícolas a segunda. Ademais, é un autor cunha alta produción científica, segundo revela o índice Scopus, con 89 artigos publicados no que levamos de ano.

Ante o elevado número de artigos que asinou en tan só nove meses e medio, o investigador galego asegura que non todos son artigos científicos propiamente ditos. Sostén que só se corresponden a investigacións experimentais 43 entradas, que moitos deles están “en imprenta” —é dicir, sen data de publicación prevista— ou se corresponden con artigos de divulgación e de revisións bibliográfica. “Recoñezo que, como cifra illada, e fóra de contexto, pode parecer moi elevada pero todos eles están asinados por equipos de entre catro e dez investigadores, onde o traballo se realiza dunha forma coordinada con contribucións diferentes de cada un dos asinantes”, conclúe o científico galego.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Outro galego do equipo implicado na trama saudita publica un estudo cada dous días dende 2020

O investigador do Centro da Carne lidera o grupo dos científicos inscritos en falso nunha universidade árabe

Os galegos da trama saudita inscribíronse en falso na universidade árabe tras publicar 74 artigos nun ano

A investigadora galega que demostrou a existencia das fábricas de artigos: "Semexante producción científica é unha barbaridade”

Os investigadores galegos da trama saudita cobraron da empresa do intermediario dos árabes

Os dous empregados do Centro da Carne, cunha desenfreada produción científica, inscribíronse na universidade Rei Abdulaziz pese a desenvolver a súa carreira en Galicia

O potencial infinito da camelia: dende o té ata a produción de novos cosméticos

O catedrático da UVigo Jesús Simal-Gándara defende a ampla marxe de explotación industrial da raíña do inverno floral galego