Sábado 20 Abril 2024

As nais solteiras no século XVIII: rapadas, expulsadas da cidade e ameazadas polos veciños

O historiador Ángel Arcay estuda a figura xurídica das mulleres "espontaneadas", que tiñan que oficializar os seus embarazos

No século XVIII as mulleres solteiras que quedaban embarazadas eran sometidas a un férreo control pola sociedade. As nais que non estaban casadas no Antigo Réxime e que tiñan fillos eran rapadas, expulsadas da cidade e consideradas unha ameaza para os veciños. A fórmula que as autoridades deseñaron para cuantificar e vixiar a estas mulleres era unha presentación oficial da súa situación: quen eran, quen era o pai, información sobre o encontro sexual e o xuramento, nos casos nos que non había promesa de matrimonio, de que ían manterse castas o resto das súas vidas.

Este grupo de mulleres recibe o nome de ‘mulleres espontaneadas‘. É unha figura xurídica exclusiva de Galicia recollida nos protocolos notariais. Unha muller tiña que dar conta ante un crego, un notario ou un alcalde que estaba embarazada sen estar casada. Non era ilegal non facelo, mais o castigo que se lle podía poñer no ámbito social obrigábaas a contar as súas intimidades e expoñerse publicamente. Eran moitos os datos que aportaban en primeira persoa e isto é unha das primeiras riquezas dos expedientes que atopou o historiador Ángel Arcay Barral, que vén de publicar Mulleres Espontaneadas, un ensaio que aborda os datos recopilados sobre a “espontanía” na comarca do Eume e Ferrol.

Publicidade

Arcay estaba traballando noutro asunto no artigo notarial da Coruña e atopou un expediente. Chamoulle a atención e apuntouno. Pouco tempo despois, e tras dar con outro documento, deicidiu centrarse nesta investigación: terminou por reunir 555 casos de mulleres “espontaneadas“. “Que isto exista en Galicia ten que ver co desequilibrio da pirámide pobacional, pero tamén coa cantidade de fillos ilexítimos que existían, como os fillos de curas. Estamos acostumados a mirar ao pasado con ollos do presente”, apunta o investigador. A maior parte das mulleres espontaneadas que localizou eran analfabetas, de idades comprendidas sobre a vintena e que formalizaban a súa gravidez no cuarto mes, cando xa non a podían ocultar polo crecemento da barriga, co cal, tiñan que buscar alternativas para saír adiante.

A portada dun dos protocolos notariais, firmado polo escribano Bartholomé Rivera Sanjurjo Montenegro.

Unhas das interpretacións que se realizan ao redor desta figura xurídica é que podía ser unha solución á descompensación poboacional que existía en Galicia polas emigracións: os homes marchaban e as mulleres quedaban soas. Pénsase que é posible que algunhas quedasen embarazadas para que os seus fillos as coidasen cando fosen maiores. Hai casos de mulleres que eran nais moito máis tarde que o habitual para aqueles tempos. Por suposto, e como se pode intuír, moitas mulleres declaraban alí o preñazo por unha violación.

En moitos expedientes nos que as relacións eran consentidas aparecen expresións como “movidas pola fraxilidade humana”, “caricias de amor e palabras sensibles” e “suxerida dos afagos e as comunicacións” para detallar que lles levou a ter relacións sexuais con homes que non son os seus maridos. “Non había delito mentres que non houbese escándalo público e non era pecado se había despois promesa de casamento”, explica Arcay sobre as mulleres solteiras.

Por iso, algúns deles aparecían alí, tamén, ante o notario. Os homes podían falar e confirmar as palabras da muller e a promesa de matrimonio. Algúns presentábanse como fiadores, que eran os homes que facían de “aval” ante a lei, e eran elixidos pola mulleres. Xuraban cos seus bens e o seu patrimonio que ían levar ás futuras nais polo “bo camiño” para que non volvesen caer na tentación. Estas persoas podían ser un veciño ou un familiar, e era obrigatorio para obter o permiso por parte das autoridades. Co cal, a forma de liberarse do pecado e de conseguir o beneplácito da sociedade posteriormente á confesión, era formar unha familia tradicional, acorde cos códigos da relixión, ou entregar a súa vida á castidade.

Non só eran mulleres de clase baixa

Cando tiñan que firmar estes documentos que serían o seu salvaconduto para poder levar unha vida normal e non ser molestada, moitas non sabían. Non tiña que ver co seu status social, posto que alí acudían mulleres de clase alta e así o reflicten os documentos, onde aparecen os apelidos de familias importantes, e que curiosamente, acuden varias veces ao notario a manifestar a súa gravidez. “Isto quere dicir que lles daba igual o que pensase o cura, o notario, o poder, ou ninguén”, sinala Arcay. Para el, a imaxe que aportan estas mulleres “espontaneadas” é contraria a da muller burguesa. Por iso, crése que é a principios do séxulo XIX coa chegada da burguesía cando desaparecen as mulleres “espontaneadas”, e se instaura a idea da muller concebida como o “anxo do fogar“, sendo sumisa ao marido e sen practicar sexo antes do matrimonio.

Un expediente notarial no que se pode ver na
parte superior o nome dunha muller
espontaneada: “Espontánea de María García”.

Un fiscal da Real Audiencia que viaxou a Galicia deixou por escrito esta norma que tanto chama a atención: “Son demasiado frecuentes en este Reyno de Galicia las causas que en él llaman de espontáneas, desconocidas en otras provincias, pero no en nuestro Derecho”.

Non se pode falar en termos absolutos sobre esta figura xurídica, xa que non hai suficientes datos para poder establecer un principio e un final a esta ferramenta de control. Hai investigadores que cren que esta figura si protexía ás mulleres e lles aportaba dereitos para poder denunciar se eran acosadas por ser nais solteiras, por exemplo. Algúns manteñen que a documentación atopada en canto o contido sexual cuestiona a idea de sumisión ante os homes, considerando ás mulleres moito máis libres neses termos no Antigo Réxime.

Ata o momento, identificáronse casos na Coruña, Ferrol, Betanzos, Pontedeume, Lugo e San Xoán de Río (Ourense). Pero queda por estudar o resto do país para poder establecer un mapa real das mulleres espontaneadas.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un #MeToo de hai mil anos: denuncias contra a agresión sexual na Idade Media

No século X, diferentes testemuños escritos proban a xudialización das violacións, a pesar dos obstáculos de tipo legal, social e familiar

Obsesión e culpabilidade por comer: así comeza un trastorno da conduta alimentaria

Antes do verán as redes sociais énchense de mensaxes da "operación bikini" dirixida a mulleres, de dietas e plans rápidos de exercicio

O CERN suspende a un científico por negar a discriminación ás mulleres na ciencia

O investigador italiano Alessandro Strumia afirmou que "a ciencia e a Física foron inventadas e construídas polos homes, non por invitación"

Frei Gregorio Balboa, o primeiro contrabandista galego

O monxe, que foi prior de Vilanova de Arousa a finais do século XVII, dirixía unha rede de contrabando de tabaco ao estilo dos traficantes modernos