Os Maios, a tradición prehistórica que mantivo a súa esencia a través dos milenios

A festa marca o renacer simbólico da natureza fronte ás adversidades invernais que tanto condicionaron a vida humana a través da historia

As rúas vístense de gala para celebrar a chegada de maio: pólas de exuberante vexetación, cores salpicando cada oco con intensidade e coplas apaixonadas cantadas dende a sátira e a devoción. Este venres non só dá inicio ao quinto mes do ano, senón que marca o festexo dos Maios, unha tradición acollida en múltiples puntos da xeografía galega e foránea.

Esta celebración, habitualmente realizada entre as semanas que pechan o mes de abril e as que abren o de maio, ten connotacións rituais de adoración divina. Porén, a súa orixe exacta é un misterio para os estudosos do tema, que, non obstante, concordan en atribuírlle o espazo central da festa a unha única entidade: a natureza. Como indica o etnógrafo Miguel Losada, responsable da área de historia da Sociedade Antropolóxica Galega, o carácter sacro dos maios ten un fondo innegablemente pagán: é un costume que precede con longa folgura á chegada do cristianismo. A súa extensa tradición popular non o escudou do escrutinio de desaprobación da Igrexa, que tratou de redirixir a fe da poboación cara ao dogma da súa relixión.

Publicidade

Estas cuestións volven a evolución dos maios un reflexo das crenzas e fervores da poboación. E, como é de agardar, as imaxes amosadas nese espello experimentaron varias matizacións ao longo dos séculos.

A intención divina das ofrendas vexetais

A tradición dos Maios non ten unha orixe definida. Miguel Losada explica: “O que hoxe denominamos así é a forma contemporánea dunha tradición moi antiga”. Puido estar ligada á chegada da agricultura europea por Asia Menor; así, esta festividade sería a representación do desexo de prosperidade agraria, a ilusión de deixar atrás as dificultades atribuídas ao inverno e a esperanza da revitalización da natureza.

Publicidade

“Este día celebra unha entidade divina que entronca directamente cun paradigma moi distinto ao de hoxe en día: personifica unha divinidade da natureza, celebra o rexurdimento da vida e axuda a que a natureza provexa boas colleitas. Isto é un elemento universal compartido por comunidades humanas en moitos lugares, pero que, neste caso, ten especial incidencia nas comunidades agropecuarias europeas”, conta Losada.

O propio nome da festa apunta un dos compoñentes que aínda mantén a súa esencia: os maios. Son estruturas vexetais que materializan o poder da natureza sobrepoñéndose á invernada. O etnógrafo sinala que os maios están no espazo de transición entre a crenza de que os deuses eran seres incorpóreos capaces de adoptar calquera forma —e cando trata de representar esa divinidade podía chegar a considerarse unha blasfemia— e o punto no que se lles atribúe aparencia humana. “Por iso moitos maios son antropomorfos”, engade.

Estas estruturas buscan apelar á bondade sobrenatural: son unha ofrenda que propicia o bo trato para as comunidades que celebran o trunfo da primavera sobre os pesares do inverno.

Un pasado antigo e espallado

Este evento non é exclusivo de Galicia nin da península. Existe a mesma tradición, aínda que con pequenas diferenzas, nas illas británicas, Irlanda, centroeuropa, etc. Losada pon como exemplo Suecia: “Aí aínda persiste a tradición e o costume de regalar uns ramiños de flores amarelas. Tamén en Galicia teñen moito protagonismo as xestas amarelas. Esa cor parece desempeñar un rol fundamental”. A continuidade de tradicións e detalles entre comunidades que non comparten nin lingua nin proximidade xeográfica dan parte do amplo arraigo desta tradición.

“Hai documentación medieval e altomedieval na que se recolle esa citrolatría, esa veneración dos elementos vexetais da natureza e, polo tanto, das divinidades que rexen estes movementos”, comenta o etnógrafo. Hai rexistros que se remontan a unha antigüidade máis afastada: é o caso do Concilio de Elvira, unha asemblea na que a Igrexa pactou 81 cánones para rexer a moral cristiá a comezos do século IV, e que fai alusión a estas celebracións.

Ao ser unha festa tan recoñecida en tempos e lugares tan afastados, pode determinarse que ten unha antigüidade practicamente prehistórica.

O papel da Igrexa nos Maios

Como conta o etnógrafo, a inclinación da Igrexa por resignificar —cando non erradicar— celebracións de orixe popular é sobradamente coñecida e aceptada nos estudos do pasado. O caso dos Maios non foi unha excepción: “No século XVIII, o cabildo compostelán condenou a entrada das maias [grupos que danzaban durante os maios] na catedral. En tempos de Carlos III proscribiuse vestirse para o evento [con vexetación cubrindo o individuo]. Nos séculos posteriores, en lugar de combater o rito de veneración a estas divinidades, a Igrexa transformouno nun xogo infantil, nunha actividade lúdica, nun evento cívico”, explica Losada.

Con isto, na historia recente deixouse atrás o seu afán de veneración sacra a entes sobrenaturais asociados á flora e, pola man dos dirixentes cristiáns, redirixiuse ese fervor cara a unha actividade de celebración comunitaria. Para iso, a Igrexa ampliou esta festa para extraela do grupo social ao que estivera tradicionalmente ligado: a mocidade. A xuventude, asociada á vitalidade da natureza, deixou de ser a responsable principal da preparación dos maios e, no seu lugar, achegouse este costume a outros grupos demográficos coa fin de aliñar a festividade co paradigma cristián.

“A festa que hoxe coñecemos é o resultado dunha adaptación aos novos tempos e aos novos espazos sociais, tanto materiais como simbólicos. A esencia daquelas antiquísimas tradicións —neste caso cunha enorme probabilidade prehistórica— mantense; o que cambiou só foi o accesorio. E niso está a tradición: en conservar a esencia e mudar o demais”, conclúe Losada.

1 comentario

  1. Na nosa zoa, a Ribera Sacra, coincidindo co inicio do mes de maio os nenos recolectaban frores marelas nos campos, unha especie de margaridas grandes, e con elas compoñian uns colares que logo regalaban as nenas

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A verdadeira identidade do lobo cerval das lendas galegas: a UDC identifica restos do extinto lince boreal

Unha investigación arqueolóxica atopa nunha sima dos Picos de Europa un esqueleto case completo da especie, datado en 210 anos de antigüidade

“É que Deus non fala galego?” O estudo que alertou do declive do idioma en 1974

Unha investigación sociolingüística con 600 amas de casa pontevedresas recuperado polo Consello da Cultura Galega revela o peso da Igrexa, da clase social e do ámbito doméstico na substitución lingüística

As nais solteiras no século XVIII: rapadas, expulsadas da cidade e ameazadas polos veciños

O historiador Ángel Arcay estuda a figura xurídica das mulleres "espontaneadas", que tiñan que oficializar os seus embarazos

Frei Gregorio Balboa, o primeiro contrabandista galego

O monxe, que foi prior de Vilanova de Arousa a finais do século XVII, dirixía unha rede de contrabando de tabaco ao estilo dos traficantes modernos