O Tizón de Nadal, o Apalpador e as comidas: estas son algunhas das tradicións galegas

As celebracións nestas datas están marcadas polo simbolismo do fin e do comezo, levando a escenificación do caos ás rúas e aos fogares

O Tizón de Nadal é unha das tradicións relacionadas co lume novo que se celebran en diversas datas.

O ciclo de Nadal recolle diversas datas de celebración, tradicións e mitos que se foron desenvolvendo ao longo dos séculos a través de inquedanzas propias do ser humano así como dos intercambios que se produciron entre diferentes rexións. Este é un tempo cun marcado simbolismo ao coincidir co solsticio de inverno e co final de ano, como explica o antropólogo Rafael Quintía.

“O calendario estrutúrase en datas con significados culturais que lle outorga cada sociedade e que servían de referentes nas sociedades prehistóricas para marcar os calendarios agrarios e demais. Estas datas baséanse nos ciclos astrónomicos, como os solsticios ou os equinoccios, e son o que chamamos tempos liminais: son un fin e un comezo. Todo isto vai asociado a unha serie de ritos, que cumpren o obxectivo de actualizar, lembrar ou conmemorar os mitos. Un exemplo é a eucaristía das misas, un rito que trae ao presente o mito da última cea”.

Os ritos de invernía

Nas datas de Nadal celébrase, seguindo a tradición cristiá, o nacemento de Xesús, mais tamén é o momento no que acaba un ano e comeza outro, dando lugar a esa data liminal á que fai referencia Quintía: “Para os romanos era a festividade do Sol Invictus. O cristianismo adapta e absorbe para situar as súas celebracións en datas que xa eran festivas. É máis doado manter o culto nas súas datas e nos seus lugares sagrados que derrubar todo e comezar de cero”.

Así, o antropólogo compara estas datas do Nadal con outras festas de invernía, como o 1 de novembro, “cando comezaba o ano seguindo os calendarios célticos na festividade de Samhain“, ou o Entroido, “a última festa de invernía e que durante moitos anos foi considerado o ano novo cristián, sendo pagán o que se celebraba en xaneiro”. Precisamente, como sinala, “as máscaras do Entroido en Galicia comezaban a saír a partir do Nadal, normalmente dende o 1 de xaneiro ou o Día de Reis”.

Os ritos propios do Nadal comparten características con outras datas liminais ou de invernía

Todo este simbolismo e os mitos que o acompañan acaban por xerar unha serie de ritos que por unha banda son característicos das datas liminais, mais que por outra son fundamentais nas celebracións de invernía, a época escura do ano. Así, para o primeiro caso, Quintía menciona a escenificación do caos previa á nova orde, o que se traduce en roubos de cancelas entre a veciñanza ou en mover cousas alleas de lugar: “Son actos moi típicos do San Xoán, mais en moitos lugares de Galicia tamén se levan a cabo en Noitevella, na Noite de Defuntos ou no Entroido. De feito, Risco xa documentou que durante a Misa do Galo, levada a cabo no día de Noiteboa, a xente facía bromas: dende botar tinta na pía de auga bendita ata levar bombas fétidas á igrexa ou coserlle a roupa por detrás ás mulleres que estaban sentadas nos bancos”.

Neste sentido, tamén cabe sinalar as prácticas levadas a cabo coa intención de fomentar a fertilidade, comúns ás celebracións de San Xoán, como “darlle unha malleira pola noite a un limoeiro ou a un laranxeiro que non dá froita ou varear as redes”.

Por outra banda, no que respecta ás celebracións da época escura, é o tempo no que determinadas entidades fan acto de presenza: os defuntos. De aí xorden tradicións como a de non recoller a mesa no Día de Defuntos, algo que “hoxe en día aínda facemos en Noiteboa, porque os mortos veñen pola noite a comer. Por iso tampouco apagamos o lume”. A presenza destes seres doutros planos non é a única, posto que tamén aparecen espíritos ou trasgos como os Trubincos, cuxo principal entretemento é provocar desordes e enredos nos fogares.

O Tizón de Nadal e o lume novo

En Noiteboa débese deixar morrer o lume da lareira para despois limpala e prender un lume novo cun tronco recollido do monte, normalmente de carballo ou castiñeiro. Despois, esta madeira quedará ardendo ou queimarase pouco a pouco todos os días ata a noite de Reis, cando se deixará no fondo da lareira como un elemento apotropaico ou sagrado. Esta tradición recibe o nome de Tizón de Nadal ou lume novo.

“Hai varias interpretacións, porque é un elemento presente en toda Europa. É un lume protector que se acende cando hai tormenta ou cuxas cinzas se utilizan para protexer as leiras. Para min, tendo en conta que isto se fai no solsticio de inverno, cando o sol morre para renacer, e que hai unha conexión directa entre o lume e o sol; é un rito que escenifica a creación do lume primordial. O control do lume foi esencial para os seres humanos, foi a gran transformación que nos permitiu domesticar a natureza, consumir outro tipo de alimentos, protexernos e iluminarnos ou transformar materiais como a madeira ou a pedra. Alén, o lume reforza a trama do grupo social porque ao seu arredor cóntanse historias e reúnese o colectivo. O lume foi tan importante que en todas as culturas existen mitos sobre el e precisamente que este proceso do lume novo se faga no sancta sanctorum da casa que é a cociña, a lareira, faino aínda máis simbólico”, explica Quintía.

A Semana Santa é a festa máis importante do cristianismo, polo que aglutina moitos ritos doutras festividades consideradas pagás

Este lume novo tampouco é único da Noiteboa, posto que tamén poden recibir esta denominación as fogueiras que se fan o 1 de xaneiro ou en San Xoán: “É un primeiro lume co que se apaga o vello”.

O antropólogo volve tamén neste caso sobre a cuestión da adaptación cristiá destes ritos, argumentando que, ao ser o Tizón de Nadal unha tradición tan importante e antiga, “a Igrexa intentou prohibila durante moito tempo nos seus concilios. Ao non conseguilo, recolleu a tradición e o lume novo comezou a facerse de foma pública na praza da igrexa o Venres Santo sendo o cura quen prendía esta fogueira da cal as persoas levaban brasas para apagar a súa lareira e volver a encendela con elas. Isto non é estraño porque a Semana Santa é a festa máis importante do cristianismo, polo que aglutina moitos ritos doutras festividades consideradas pagás, como as augas de San Xoán que se transforman en auga bendita ou os maios que se transforman nos ramos”.

O Apalpador

O Apalpador é un carboeiro que vive nas montañas que, durante as datas do Nadal, se achega ás aldeas para tocar as barrigas das crianzas para comprobar se comeron ben ou pasaron fame, deixándolles como agasallo unhas castañas quentes. Así, pódense atopar similitudes entre esta figura e outras máis ou menos coñecidas como San Nicolás, o Olentzero ou Papá Noel, das cales, como sinala Quintía, “permanecen aquelas cun mellor márketing ou que pertencen a culturas máis influíntes como a anglosaxona”.

Representación do Apalpador. Ilustración: Leandro Lamas.

“Parécemonos máis do que cremos e se a península ibérica é unha aldea, Europa tamén o é. Pensar que a 100 quilómetros temos unha cultura totalmente diferente e sen conexión á nosa é absurdo. Por outra banda, alén dos préstamos que xurdiron pola comunicación dos pobos e rexións, as capacidades cognitivas e as necesidades e temores dos seres humanos son as mesmas. De feito, en ecosistemas similares, por moi afastados que estean, as solucións que buscamos tamén son similares”, sinala o antropólogo.

Alén, para Quintía, estes mitos das figuras que fan acto de presenza nestas datas teñen un aspecto esencial en común: sempre viven no mundo inhabitado. Os montes, os bosques, o inverno ou o salvaxe son elementos que marcan unha diferenza entre o controlable e o incontrolable, sendo outra forma de manter as dinámicas de escenificar ese caos previo á nova orde. Precisamente por isto, o antropólogo sinala que non sempre ou non en todos os lugares foron vistas como figuras positivas: “Nalgúns lugares de Europa San Nicolás vai acompañado dun enmascarado ao que lle deron o aspecto do demo. É o mesmo, mais transformado polo tempo ou pola influencia da relixión”.

Cantos e comidas

Alén das figuras mitóloxicas ou das tradicións máis rechamantes pola súa espectacularidade, existen outro tipo de ritos que non por ser máis comúns ou cotiáns deixan de ser relevantes. En primeiro lugar, hai que destacar os ritos de comensalidade, onde as persoas se reúnen para comer e compartir alimentos.

“Son dinámicas de solidariedade que reforzan as dinámicas coñecidas como o bo e o contrabó: se te invitan a cear en Noiteboa, ti invitas a comer en Nadal. Especialmente, na Noiteboa, serve para reforzar a unidade familiar, tanto entre os vivos como entre os mortos, porque están todos presentes. Despois, entre o 1 e o 7 de xaneiro é cando adoitan ter lugares as reunións de veciños onde se facían comidas pantagruélicas. Hai que ter en conta que a matanza do porco comeza no San Martiño en novembro, mais que despois continúa na época previa ao Nadal e no San Antón en xaneiro. Tamén se aproveitan estas datas para escoller as persoas importantes da comunidade como o rei ou o virrei, porque a comezo de ano se renova todo”, explica Quintía.

Por outra banda, as panxoliñas do Nadal, os manueis do primeiro día do ano ou os cantos de Reis conforman todo aquilo que o antropólogo denomina “ritos de cuestación”: celebracións nas que grupos de mozas e mozos percorrían as casas da aldea pedindo o aguinaldo e que tamén cumpren a función de levar as boas novas e as alegrías, de transmitir o poder transformador simbólico das datas liminais. De novo, Quintía sinala que tampouco é único destas datas, senón que tamén son ritos comúns no Entroido, no día de Defuntos ou incluso nos maios.

Tradicións en vías de recuperación

A pesar dos intentos por recoller, documentar e manter vivas estas tradicións, precisamente pola adaptación ou imposición doutros ritos e mitos, algunhas van quedando polo camiño. Non obstante, nos últimos anos houbo un aumento dos intentos por loitar contra esta desaparición do patrimonio cultural e inmaterial, especialmente por parte de asociacións e colectivos populares.

Un exemplo desta recuperación e que sinala Quintía son os cantos de Reis, posto que “aínda que nalgúns lugares aínda se conservaba o feito de ir de visita polas casas da veciñanza, as cantigas xa non estaban presentes”. Así, grazas ao esforzo realizado, non só se está recuperando no mundo rural, senón que tamén se está adaptando esta tradición ao mundo urbano actual: “En vez de ir cantando polas casas, cántase nas prazas”.

Algunhas das tradicións esquecidas están sendo recuperadas, mentres que outras estanse adaptando á modernidade

Outro exemplo son os ritos de adiviñación e abundancia, comúns nas festas liminais, mais que nestas datas de Nadal foron adaptados seguindo tamén os tempos modernos: “Agora hai quen di que hai que botar unha peza de ouro na copa na Noitevella ou comezar o ano con roupa interior vermella. Son ritos para propiciar a bonanza e antes facíanse outras cousas”. No caso das predicións, unha práctica habitual que hoxe non é tan común é a das sortes e resortes. Esta consiste en adiviñar a meteoroloxía do ano sendo o tempo do 1 de xaneiro o que fará en todo o mes de xaneiro, o do 2 de xaneiro corresponderíase co mes de febreiro e así sucesivamente os 12 primeiros días do ano. Posteriormente, para observar se coincide, o tempo do día 13 de xaneiro volve corresponderse co que fará en todo o mes de xaneiro, o do 14 de xaneiro será o do mes de febreiro e así sucesivamente outra ducia de días.

Por último, aínda que non está tan en desaparición, o antropólogo fai referencia ao Día dos Santos Inocentes, 28 de decembro, no que “non se traballaba porque existía a crenza de que todo o que se fixera nese día, ía malograrse”. A cambio, como tamén é habitual nas datas liminais e especialmente no Entroido, levábanse a cabo bromas constantes como lanzar noticias falsas ou pegar un burro nas costas doutras persoas: “É unha forma de escenificar a ruptura das normas e o caos previo á nova orde. Os rapaces tiñan liberdade para facer cousas que non estaban permitidas noutro momento do ano e un exemplo é algo que aínda se fai no norte de Portugal nalgunhas aldeas. Chegado o tempo de Nadal, a comezos de ano, sae a veciñanza á praza coa rapazada e déixanlles fumar, con sete ou oito anos. En calquera momento acabará prohibido, mais ten este sentido”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.