Venres 29 Marzo 2024

Que son os Trubincos? A figura mitolóxica galega que te visitará en Noiteboa

Na parroquia de Salcedo, en Pontevedra, está a orixe duns trasnos propios do Nadal que baixan pola chimenea e piden piñas con brea

O Nadal sempre se asociou á maxia, ás lendas e á tradición. E, sen dúbida, ás figuras mitolóxicas. A máis internacionalmente coñecida é a de Papá Noel, como un afable ancián que percorre o mundo para agasallar os nenos en Noiteboa. A súa orixe é escandinava pero xa traspasou fronteiras dende hai décadas, converténdose nun símbolo indiscutible —incluso de decoracións e desexos— nestas datas. Porén, figuras semellantes a Papá Noel abundan en todas as culturas e a galega non é unha excepción. Non só estamos a falar do Apalpador, cada vez máis popular, senón tamén dos Trubincos, uns trasnos ben inquedos e esixentes que tamén baixan pola cheminea en Noiteboa.

O antropólogo que deu a coñecer esta figura mitolóxica foi Rafael Quintía Pereira nun libro publicado en 2014 e do que se fai eco a enciclopedia virtual Galicia encantada. Segundo expón nun dos seus artigos, os Trubincos son orixinarios da parroquia pontevedresa de Salcedo. Quintía coñeceu a lenda grazas a un veciño do lugar da Cancela, que describiu con precisión as andainas destes curiosos trasnos. “Son uns seres míticos cuxo entretemento principal é causar na casa desordes, enredos e outras trasnadas”, recolle o experto, tamén presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Segundo a lenda, os Trubincos son moi molestos porque adoitan facer ruído de noite, agochan obxectos e dificultan o sono.

Publicidade

“O seu entretemento principal é causar desordes, enredos e outras trasnadas na casa”

RAFAEL QUINTÍA PEREIRA, antropólogo

Pero non son uns trasnos calquera, senón que estes están exclusivamente asociados co Nadal. Así o explica Quintía, que describe o carácter esixente dos Trubincos. “Baixan pola cheminea en Noiteboa e se non hai unhas piñas con brea como agasallado, fan trasnadas e revolven todo o fogar”, apunta o investigador no seu artigo. Polo tanto, este ser mitolóxico galego, malia as súas semellanzas con outras figuras do Nadal, é bastante menos amable do que cabería esperar. De todas formas, Quintía explica que este tipo de seres, que viven no imaxinario popular, son moi habituais nos ciclos festivos do inverno.

Segundo continúa apuntando o autor, os Trubincos non só están intimamente relacionados co Nadal, senón tamén co lume. É a única maneira de entender que o mellor agasallo que poden recibir sexan as piñas con brea, un combustible excelente para quentar as chemineas. Quintía lembra que son datas de escuridade, nas que o sol se atopa na súa mínima potencia e son moitos os rituais que tratan de axudar o astro rei a renacer. “A partir do 21 de decembro comezan a medrar os días, o sol esperta do seu letargo”, explica no seu artigo. O lento proceso de rexeneración rematará coa chegada da primavera pero, antes, haberá unha visita obrigada dos Trubincos. “Hai que agasallalos con boas piñas cargadas de brea para que ardan ben e alumen mellor neste tempo de escuridade e tebras”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O renacer do Entroido: “Hai un desexo de diferenciación e xorden festas novas”

O antropólogo Rafael Quintía apunta que nalgúns lugares recibe o nome de ‘Entruido’ ou ‘Antroido’ e que é unha festa fundamentalmente rura

Soben os niveis de colesterol despois do Nadal?

A combinación de dietas desequilibradas e baixas temperaturas adoita provocar un aumento despois das festas

A cara B de agasallar xoguetes: “O 80% acaban en vertedoiros ou no océano”

A psicóloga irlandesa Michelle Cowley-Cunningham define a publicidade dirixida os nenos durante o Nadal como un "pesadelo ambiental"

Gastos excesivos, comidas familiares… Estes son os consellos para sobrevivir o Nadal

A psiquiatra galega Iria Veiga recomenda repartir as tarefas do fogar e non sobrecargarse con compromisos sociais