Venres 19 Abril 2024

Exercicio na casa sen metas milagreiras

Facer deporte no fogar pode ser boa idea para manter a forma, pero é preciso ter coidado cos resultados extraordinarios que prometen as redes sociais

Reducir a inactividade física nun 10% en 2025 en nun 30% en 2030. Estes son os obxectivos do plan que a Organización Mundial da Saúde lanzou a finais do 2020, en plena pandemia da covid-19, con novas directrices para loitar contra os hábitos sedentarios e os seus efectos daniños. De feito, segundo as últimas estatísticas da organización, 1 de cada 4 adultos e 4 de cada 5 adolescentes non fan exercicio suficiente para manterse en forma. Nos países máis desenvolvidos economicamente, asegura o informe, o nivel de inactividade pode chegar ao 70%.

“A medida que pasan os anos, cun nivel de actividade física moi baixo, o corpo atrófiase e non está preparado para determinadas demandas do día a día. Unha musculatura que non está preparada fai que poidamos sufrir unha torcedura de nocello se tropezamos pola rúa, por exemplo. A musculatura atrófiase e a nosa calidade de vida vai tamén minguando a nivel cardiovascular. Co noso exercicio temos que xerar intensidade e demandas a nivel cardíaco e pulmonar para poder levar a cabo actividades do día a día como subir escaleiras”, explíca Cristian Abelairas, profesor de Educación Física na Universidade de Santiago de Compostela. 

Publicidade

Facer deporte na casa cobrou moito protagonismo durante os meses de confinamento pola pandemia da covid-19. Os ximnasios foron rapidamente desbancados polas plataformas dixitais e as redes sociais onde centos de contas, convertidas xa hoxe en tendencia, propoñen adestramentos e consellos de todo tipo para realizar actividade física sen saír do domicilio

Unha boa idea para a OMS que asegura no seu plan de redución da inactividade física que calquera movemento é bo para mellorar a nosa saúde, sexa no transporte, no traballo, no ocio ou na casa incluso cando realizamos as tarefas domésticas. 

Pero as redes sociais teñen os seus riscos e Cristian Abelairas lembra que debemos informarnos ben da persoa responsable da conta que escollemos e coñecer cal é a súa titulación. “Nas redes sociais podemos atopar de todo, cousas boas e cousas non tan boas. O que temos que facer é ter sentido común e ser conscientes dos nosos límites. Facendo exercicio na casa é posible manter o noso corpo en forma pero non a calquera prezo”, afirma.

Metas inalcanzables

Entre os consellos que nos ofrece o profesor da Facultade de Ciencias da Educación da USC, están o de non esquecer quentar ao principio e estirar ao final dos exercicios, prestar atención a determinadas molestias que poden acabar nunha dor co tempo e, sobre todo, dirixirnos a un profesional se o necesitamos como guía.

O profesor de Educación Física Cristian Abelairas.

Abelairas alerta tamén sobre os resultados milagreiros que prometen algúns nas redes, como unha perda de peso importante ou conseguir un corpo sen graxa nun tempo moi reducido, de maneira localizada e repetindo sempre o mesmo movemento. 

O adelgazamento localizado non existe, iso é un mito. Eu podo facer un exercicio e repetilo mil veces e iso non vai facer que a miña graxa abdominal, por exemplo, descenda. O que temos que facer nese caso é reducir a graxa xeral facendo toda unha serie de exercicios. Pero por moitos abdominais que fagamos, a miña graxa non vai desaparecer porque faga só ese movemento. Nas redes sociais tamén hai contas de profesionais que desmitifican moitas cousas e iso tamén é unha das utilidades das redes”, asegura Abelairas. 

Por un mundo máis activo e menos sedentario

A Organización Mundial da Saúde resalta no seu informe que cada ano poderíanse evitar ata cinco millóns de mortes se a poboación mundial fose máis activa. Segundo as recomendacións vixentes, un adulto debe realizar alomenos dúas horas e media de actividade física moderada cada semana, os nenos e adolescentes unha hora ao día e os maiores de 65 anos teñen que realizar ademais actividades que reforcen o equilibrio, a coordinación e os músculos. A OMS fai fincapé en que todas as persoas, independentemente da súa idade e das súas capacidades, poden ser fisicamente activas e que cada movemento conta para mellorar a saúde. 

Cristian Abelairas engade ás recomendacións da OMS a necesidade de políticas que axuden a alcanzar os obxectivos da organización. “Con dúas horas de educación física nos colexios é moi difícil que a xente se adhira á disciplina de facer exercicio”, insiste. 

Fronte á inmediatez de resultados proposta nas redes, Abelairas prefire falar dun modo de vida saudable onde alimentación e exercicio van da man. “Fago exercicio ou fago unha dieta para perder peso? Iso non é sostible no tempo. Ti tes que facer exercicio porque che gusta ou porque consideras que é saudable para ti e ti tes que ter unha dieta saudable porque consideras que é bo para ti. A idea é crear un contínuum saudable en canto á alimentación e ao exercicio físico. Na casa pódese conseguir? Por suposto, pero temos que saber se somos capaces de conseguilo por nós mesmos”, remata o profesor da USC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'

A resistencia térmica dalgúns materiais pódese regular aplicando unha voltaxe

Un traballo do CiQUS abre novas posibilidades para o deseño de reguladores de temperatura e para o desenvolvemento de tecnoloxías máis eficientes e sostibles