Venres 29 Marzo 2024

Obsesión e culpabilidade por comer: así comeza un trastorno da conduta alimentaria

Antes do verán as redes sociais énchense de mensaxes da "operación bikini" dirixida a mulleres, de dietas e plans rápidos de exercicio

Nun vídeo de TikTok unha muller de mediana idade pega un post-it na neveira que reza “Non teño fame” e colga no electrodoméstico un bikini. Na descrición emprega o cancelo #trucoadelgazar, e aínda que o ton é humorístico, representa unha dura realidade para moitas persoas, na súa maior parte mulleres, que senten unha acusada preocupación e culpabilidade poucos meses antes de chegar o verán. Moitas experimentan esa presión e angustia todo o ano, síntomas dun Trastorno de Conduta Alimentaria (TCA) que non aparece de repente, sen avisar. Dende o confinamento, os expertos perciben nas súas consultas un aumento de anorexias, bulimias e TCA non especificados. Medra tamén o número de homes que piden axuda por esta sintomatoloxía. A insatisfacción corporal revélase a modo de pensamentos de culpabilidade, e son os indicios aos que lles temos que prestar atención para evitar que agromen.

A ‘operación bikini’ é unha expresión que fai referencia ao seguemento dunhas determinadas pautas a seguir para encaixar nun canon de beleza. Un concepto que manifesta que determinados tipos corpos non están “preparados” para ir á praia. “Queres perder entre 1 e 10 quilogramos antes do verán?”, pregunta unha tiktoker dunha conta adicada á nutrición e o exercicio físico antes de explicar o seu plan intensivo. Estas “dietas milagre“, dende a mirada científica, non teñen nada de divino. A especialista en TCA e directora do centro ITA Saúde Mental da Coruña, Uxía Domínguez, explica que todas estas mensaxes que percibimos do exterior conforman unha das “patas” para o desenvolvemento de trastornos da alimentación. Interveñen múltiples factores: xenéticos, psicolóxicos, socioculturais, familiares e persoais. “En maio notamos un aumento das consultas, a poboación nova remata os exames, é unha época de estrés antes das vacacións. Vai comezar o verán e as persoas intentan verse doutra maneira”, explica.

Publicidade

Os TCA non están relacionados coa idade. Dende o centro da Coruña comentan que aínda que poida parecer o contrario, nótanno máis en mulleres adultas. “Véndese moito a imaxe de dieta e de operación bikini. Vai dirixida a toda a poboación feminina”, comenta. Para desentrañar os síntomas, a psicóloga distingue tres elementos clave: o cambio na alimentación, como restricións ou atracóns; unha compensación do que se inxire a través do exercicio físico baixo o enfoque “fágoo para coidarme”; e a nivel mental, a inestabilidade anímica e irritabilidade. “É un sinal que as persoas coman ás escondidas. Cando atopamos plásticos pola casa é algo a ter en conta”, alega Domínguez. Aínda que os TCA non teñen unha idade de inicio nin de fin, a comunidade médica identifica unha tendencia precoz, con rapazas de 11 e 12 anos con cadros graves. Segundo a Asociación contra a Anorexia e Bulimia de Barcelona, en España os últimos estudos sitúan unha prevalencia de TCA de entre o 4,1 e 4,5% entre os 12 e os 21 anos. Na poboación feminina deste rango de idade, a anorexia sitúase arredor do 0,3%, a bulimia no 0,8% e o TCA non especificado no 3,1%.

Unha persoa con TCA verbaliza unha búsqueda da súa saúde e non a perda de peso

“O ABC son os atracóns, vómitos e o exercicio compensatorio. En mulleres está aumentado a anorexia nerviosa. Adoitan ser persoas cun altísimo nivel de esixencia e de responsabilidade, de perfeccionismo absoluto, todo o que quede fóra de aí é intolerable. E isto lévase á alimentación”, continúa Domínguez. Engade tamén que en varios casos coincidiu que non era favorable para a persoa que acudía a consulta estar nunha contorna social centrada en comidas saudables. A Asociación de Bulimia e Anorexia de A Coruña (ABAC) apunta que as persoas con TCA non recoñecen en ningún momento que queiran perder peso de maneira consciente e normalmente verbalizan unha busca da súa saúde; aumentan o consumo de tabaco, bebidas light, caramelos sen azúcar e outros produtos para controlar a fame; frecuentes e longas visitas ao baño despois de comer; aumento no consumo de auga; o ‘Signo de Russel‘, aumento de calosidades nos cotobelos; interés en exceso por temas de nutrición; ou illamento, aproveitando momentos de soidade para fomentar as condutas patolóxicas.

Uxía Domínguez, psicóloga e directora do centro ITA Saúde Mental da Coruña

Nos peores casos, os trastornos poden derivar en condutas autolesivas, depresións ou abuso de substancias. “A vida dunha persoa con TCA xira en torno ao TCA. Son 24 horas con mensaxes permanentes, xulgándose sempre a un mesmo. E non só son pensamentos críticos”, comenta Domínguez. E precisamente, é o agotamento mental o que provoca que a poboación afectada pida axuda. Non sempre a solicitan de maneira individual, é común tamén que se dirixan a un familiar para que interceda e se poña en contacto cun centro especializado.

O algoritmo das redes sociais

Instagram e TikTok son dúas redes que se consideran como un dos focos deste problema. Ao consumir contido sobre estilos de vida, inevitablemente, o algoritmo lanza vídeos sobre dietas detox, plans de exercicio con resultados rápidos e os “antes e despois” de persoas que adelgazan e se sinten moito máis felices con menos peso. Estas microinformacións repítense tódolos días e avivan a chama do martirio por comer. “Hai unha cuestión importante que intentamos explicar ás persoas que piden axuda. As imaxes están modificadas. Moitas son fotos fixas. Non amosan o volume do corpo en movemento. Temos que aprender a identificar isto”, sostén a especialista. Para ela, o que antes se facía por diversión, como o deporte, agora é unha carga mental: “Se non vou ao ximnasio síntome fatal porque non estou compensando” é unha frase que se repite nas consultas.

Nos últimos anos medrou o realfooding, un movemento en redes sociais que defende a “comida real”, a evitación dos ultraprocesados (dándolles espazo só nun 10% da túa alimentación) e o consumo de procesados saudables. Moitos nutricionistas posicionáronse en contra desta práctica, na súa opinión demoniza ás pizzas, os xeados e demais alimentos altos en grasas e azúcares. Na opinión de Uxía Domínguez, o realfooding é a comida dos avós e avoas, aquela que non leva engadidos e que procede da horta. “Como todo, isto afectará diferente ás persoas. É moi complicado xeneralizar nesta cuestión. O problema é tratarse mal a un mesmo se non se cumpre ese plan de comidas”, comenta.

Se na nosa contorna familiar coñecemos a alguén que estea a sufrir estas condutas, o primeiro de todo é “converterse nun apoio”, explica Domínguez. “Non debemos dirixirnos nunca ao peso. Dicir que alguén está gordo ou delgado, xamais. Temos que centrarnos na parte emocional. Debemos entender o sufrimento das persoas. Se entramos nos síntomas, xeramos rexeitamento. Preguntemos: en que podo axudar?”. E aconsella, a todas aquelas persoas que sofren en termos de alimentación, que lle digan a súa culpa que deixe vivir, e comer.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego impulsa a sustentabilidade do sistema alimentario a través da IA

O proxecto no que participan USC e UVigo acometerá a crise do sector co apoio do Programa Marco ‘Horizonte Europa’

Confirmado: hai unha estreita relación entre a microbiota e a deterioración da saúde mental

Un estudo realizado en Corea do Sur estimou unha probabilidade 1,4 veces maior de padecer depresión se mediaba unha dieta xenerosa en ultraprocesados

Cal é o alimento que desencadea o pracer nos peixes?

Coñecer os mecanismos de motivación pola comida podería mellorar a eficiencia económica das empresas dedicadas á acuicultura

Gastos excesivos, comidas familiares… Estes son os consellos para sobrevivir o Nadal

A psiquiatra galega Iria Veiga recomenda repartir as tarefas do fogar e non sobrecargarse con compromisos sociais