Xoves 28 Marzo 2024

A Xunta acepta a hiperprodución dos investigadores da trama saudita por “ser allea” ao Centro da Carne

Rubén Domínguez, que publicou ata 55 artigos nun ano, borra o seu perfil profesional mentres a dirección do centro evita a apertura de expedientes

Os investigadores galegos Rubén Domínguez e Mirian Pateiro foron dous dos once científicos españois que alegaron en falso traballar para universidades sauditas. Un mes despois de que saltase o caso, o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), dependente da Xunta de Galicia, segue sen tomar medidas contra os dous investigadores, que levan máis de 10 anos vinculados á institución. Tampouco se abriron expedientes contra José Manuel Lorenzo, líder do grupo ao que están asociados Domínguez e Pateiro, que dende 2020 ten unha frenética actividade científica: é capaz de publicar un estudo cada dous días. Ante a falta de medidas, a Xunta xustifícase da seguinte maneira: “O volume de traballo, a calidade ou idoneidade dos artigos, non son cuestións nas que a Fundación (CTC) poida entrar”.

Medio Rural, consellería da que depende o centro, afirma: “As tarefas concretas que unha persoa empregada pública desenvolva fóra da súa xornada laboral do sector público, son unha cuestión allea ás ditas entidades (neste caso a Fundación CTC)”. A Xunta alega que os tres investigadores “teñen a compatibilidade recoñecida por parte do centro directivo competente da Xunta de Galicia, polo que o detalle das súas actividades privadas ás que se fai referencia nas novas publicadas son alleas ao CTC”. Malia as declaracións de Medio Rural, a hiperprodución de artigos de Lorenzo, Pateiro e Domínguez faise baixo as siglas do CTC, dado que na base de datos Scopus, onde se pode consultar a súa produción científica, os tres figuran como investigadores de dita institución.

Publicidade

A Xunta alega que os tres investigadores “teñen a compatibilidade recoñecida” polo CTC

En Scopus pódese comprobar que estes científicos do CTC teñen unha produción científica moi por enriba da media. Segundo a base de datos, Lorenzo xa publicou 67 artigos no que levamos de ano. É dicir, máis de 13 artigos ao mes. A actividade de Pateiro, neste 2023, está moi por debaixo, con 12 artigos publicados. Pese a iso, no ano 2021, cando se inscribiu en falso na Universidade Rei Abdulaziz de Arabia Saudita, logrou publicar 73 estudos. É dicir, seis ao mes. Dos tres, Domínguez é o que menos publica. En 2023 contabilízanse 5 artigos en Scopus, malia que en 2021 —o ano no que tamén se inscribiu na Rei Abdulaziz—, acadou os 55 artigos. Dende que saltou o caso aos medios, houbo outro cambio: Domínguez borrou o seu perfil profesional en LinkedIn, onde constaba que traballaba para o CTC dende o 2012.

  • Captura de pantalla do perfil de LinkedIn de Rubén Domínguez publicada en GCiencia o 21 de abril de 2023. Nel, figuraba como traballador do CTC a xornada completa en 2021, cando se adscribiu como afiliado á universidade saudita.
  • Resultado da busca actual do perfil de Rubén Domínguez.

Ademais da elevadísima produción científica dos tres investigadores, dous deles están implicados na trama saudita. Tanto Domínguez como Pateiro, que desenvolveron toda a súa carreira no Centro Tecnolóxico da Carne, mantiveron unha relación mercantil con UP4 Institute os Sciences, segundo confirmou Medio Rural. Esta é a empresa do catedrático Juan Luis García Guirao dedicada presuntamente a pagar a científicos españois para que aleguen en falso traballar para universidades sauditas. Isto é o que fixeron os dous empregados do Centro da Carne: inscribirse na Universidade Rei Abdulaziz como primeira afiliación no Highly Cited Research (HCR) —o que se ten en consideración para o principal ranking de universidades do mundo— a pesar de que ningún dos dous formalizou nunca contrato algún coa citada institución académica árabe, segundo confirmou a Xunta.

Domínguez e Pateiro forman parte dun grupo de 11 científicos españois que cobraron ata 70.000 euros anuais de universidades de Arabia Saudita para facer trampas no ranking de Shanghai. A Xunta sostén que, “de acordo coas consultas realizadas”, ningún dos dous formalizou contrato algún coa universidade saudita, pero si “mantiveron unha relación mercantil con UP4 Institute of Sciences nos meses nos que non estiveron contratados no CTC”. Fontes de Medio Rural aseguraban a GCiencia en abril descoñecer que tipo de servizos prestaron Domínguez e Pateiro a UP4 Institute of Sciences, pero defendían que a súa “relación mercantil” rematou cando retomaron as súas investigacións no CTC. 

O Centro da Carne descarta tomar medidas, ao contrario que a Universidade de Córdoba ou o CSIC

Baixo este argumento e o da compatibilidade, o Centro da Carne e a Xunta de Galicia descartan tomar medidas contra os tres investigadores pola súa hiperprodución e, no caso concreto de Domínguez e Pateiro, por ter alegado en falso traballar para a Rei Abdulaziz. Isto contrasta coas decisións que tomaron outras entidades, que si expedientaron e incluso expulsaron a científicos pola presunta fraude. A Universidade de Córdoba, por exemplo, suspendeu de emprego e soldo durante 13 anos ao investigador Rafael Luque, implicado na trauma saudita. O Instituto de Investigación San Joan de Déu obrigou á científica Ai Koyanagi a rescindir o seu contrato coa universidade de Arabia Saudita. Ou o propio CSIC, que abriu unha investigación para esclarecer os feitos, dado que varios dos científicos asociados á institución tamén están implicados na trama.

A Xunta, pola contra, defende que Domínguez e Pateiro xa non están afiliados á Universidade Rei Abdulaziz e instan a esperar a que a lista HCT, que elabora a empresa Clarivate anualmente, actualice os seus datos. É dicir, son os investigadores a título individual quen comunican cales son —ou deixan de ser— as súas afiliacións académicas. A Consellería de Medio Rural, da que depende o centro, informou en abril que Domínguez e Pateiro xa solicitaran o cambio de adscrición no rexistro dos máis citados, pero que non se fará efectivo ata o vindeiro ano, dado que a lista Clarivate se actualiza anualmente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Serra da Capelada foi un glaciar da última Idade do Xeo: “É un caso singular en toda a península”

O traballo do catedrático e investigador da USC Augusto Pérez-Alberti analiza a súa configuración xeomorfolóxica e a paisaxe

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

Primeira imaxe en luz polarizada do burato negro da Vía Láctea

Grazas a esta nova vista de Saxitario A*, a rede global de radiotelescopios EHT revela a existencia de fortes campos magnéticos xirando arredor do seu borde