A lumbalxia esténdese en Galicia: “Envellecemento e sobrepeso son as nosas eivas”

O doutor da UVigo Lorenzo Justo recomenda accións específicas ante as proxecións para os próximos anos, nos que a doenza crecerá un 36,4%

A lumbalxia está considerada actualmente como unha dos problemas de saúde con maior prevalencia, ata o extremo de ser a primeira causa de discapacidade no mundo. Alén, aspectos das sociedades actuais supoñen a aparición ou o agravamento dos factores de risco, polo que algúns expertos xa predín un aumento significativo dos casos desta patoloxía. Con todo, a falta de datos concretos e dunha maior investigación leva a preguntarse canto disto podería ser aplicable a Galicia.

Unha visión xeral da lumbalxia

A lumbalxia defínese como a dor presente nas costas entre as costelas e os pregos dos glúteos que dura un día ou máis. Non obstante, hai que ter en conta que pode referirse tanto a un diagnóstico como a unha dor nunha rexión concreta.

Publicidade

Recentemente, a revista The Lancet publicaba unha revisión sistemática para analizar a prevalencia desta doenza así como para facer unha previsión da súa evolución ata 2050. Así, este estudo determinou que só en 2020 a dor lumbar afectou a 619 millóns de persoas en todo o mundo. Por outra banda, para facer a proxección de dita prevalencia, os investigadores executaron unha regresión sobre as taxas de prevalencia utilizando o índice sociodemográfico como un factor preditivo e logo multiplicándoos polas estimacións da poboación proxectada. Estes cálculos revelaron que os casos de lumbalxia poderían aumentar ata os 843 millóns en 2050, é dicir, un aumento dun 36,4%.

Para os investigadores queda claro que “os resultados mostran a necesidade urxente de contar con máis datos primarios a nivel de país e de alta calidade sobre as distribucións de prevalencia e gravidade para mellorar a precisión e facer un seguimento do cambio a medida que se implementan políticas de saúde e atención de alto valor”.

Publicidade

O caso galego

A falta de datos é precisamente unha das necesidades máis presentes en Galicia. Nesta liña, o doutor en Neurociencia pola Universidade de Vigo (UVigo) Lorenzo Justo recoñece que”datos específicos, tanto a nivel nacional como autonómico non hai moitos. “Apenas contamos cun estudo feito pola Sociedade Española de Reumatoloxía publicado en 2002 e un par de artigos da Universidade da Coruña (UDC) de 2014 e 2015 sobre o impacto da lumbalxia no sector pesqueiro, mais non deixan de aludir a un sector moi específico”.

Se ben o Sistema de Vixilancia de Enfermidades Crónicas do Sergas (SVEC-G) si fai un seguimento doutro tipo de patoloxías ou disfuncións como as enfermidades cardiovasculares, a diabetes, o cancro, o consumo de alcol e tabaco ou a nutrición e a actividade física, a lumbalxia non está considerada. Por este motivo, Justo tamén sostén que, “considerando os datos publicados recentemente, sería convinte realizar un seguimento da discapacidade provocada pola lumbalxia porque as proxeccións nos próximos anos indican que requerirá accións específicas.”

Por outra banda, a título persoal, Justo é da opinión de que “a lumbalxia ten unha prevalencia moi grande, mais a gravidade non é tanta. Os casos de dor que cursan con gravidade son moi poucos, se ben é certo que teñen baixas laborais asociadas así como custes económicos relativamente elevados”. Nesta liña, equipara a dor de costas coa de cabeza: “Resulta moi difícil cuantificar cada cefalea, mais é interesante rexistrar o seu impacto“.

Factores de risco

Dentro dos factores de risco máis sinalados polo estudo publicado en The Lancet están a ergonomía do traballo, é dicir, o levantamento de cargas elevadas ou as posturas mantidas no tempo; o tabaco e o sobrepeso. No caso do consumo de tabaco e no do sobrepeso, terían uns efectos negativos en si mesmos como por factores que se poderían derivar. “Unha persoa fumadora ten menos tendencia a ser unha persoa deportista, ademais de que o tabaco vai ter efectos deletéreos a nivel óseo e vascular así como no estado xeral de saúde. O sobrepeso pode estar causado por un estilo de vida sedentario ou unha mala alimentación, mais tamén hai que ter en conta que canto maior é o sobrepeso, maior carga vai estar sufrindo a estrutura raquídea”, sinala Justo.

A falta de datos no que respecta á comunidade galega impide asegurar de maneira certeira a relación, mais algúns dos datos existentes permiten elaborar unha serie de hipóteses que poderían servir para diminuír a prevalencia desta doenza. Así, os datos do SVEC-G sinalan que en Galicia hai case un 40% de sobrepeso polo que podería considerarse unha diana á hora de tomar medidas específicas para a prevención da lumbalxia na comunidade.

Por outra banda, o estudo publicado en The Lancet tamén sinalaba os 85 anos como a idade máis afectada ao tempo que afirmaba que “o número de casos continúa aumentando debido ao crecemento e envellecemento da poboación”, polo que para o investigador este tamén é un punto chave a ter en conta á hora de abordar a cuestión en Galicia.

“Sabemos que os tratamentos farmacolóxico ou cirúrxico non están sendo efectivos en moitos casos, pero é no que máis se está investindo”

Lorenzo Justo, doutor en Neurocienica da UVigo

“Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE) desde o ano 2001 ata o ano 2021 a poboación só se incrementou en 2.297 persoas, é dicir, nos últimos 20 anos non houbo un aumento significativo. Con todo, se observamos a poboación de 85 anos practicamente se duplica a cifra. Como digo, non é máis que un dato puramente hipotético, mais se aumenta o número de persoas de 85 anos e esta idade é o pico da lumbalxia pode ser que tamén en Galicia teñamos ese incremento de casos”, manifesta.

Nesta liña, Justo tamén sinala que “desde o Sergas publícase información como a da receita galega para o envellecemento activo, baseado en piares como conservar un bo estado de saúde, aprender ao longo da vida para ter coñecementos e xerar vínculos, participar na sociedade e manter a seguridade e protección. Con todo, non sei se este tipo de abordaxes están chegando á poboación“.

Exercicio físico e fisioterapia

No que respecta as formas de abordar e tratar esta doenza, para o doutor da UVigo o primeiro paso está precisamente neses factores de risco: “Aínda que en Galicia non aparecen claramente datos publicados sobre esta patoloxía si que podemos facer a seguinte previsión. Sabendo que a poboación está avellentada e padece sobrepeso, sabemos que temos que baixar de peso e que o envellecemento debe ser activo, porque se non estamos vendo que hai unha perda de autonomía así como da capacidade de realizar actividades a nivel social”. O envellecemento e o sobrepeso “son as eivas específicas de Galicia”, afirma.

O seguinte paso, e xa a un nivel máis individual, estaría no exercicio terapéutico e na terapia manual. Neste sentido, para o neurocientífico, os enfoques actuais tampouco están sendo os máis axeitados: “Sabemos que os tratamentos farmacolóxico ou cirúrxico non están sendo efectivos en moitos casos, pero é no que máis se está investindo. Mentres tanto, se consultamos os datos de cantos fisioterapeutas están contratados no sistema de saúde vemos que non concorda coa evidencia que teñen o exercicio terapéutico e demais técnicas de fisioterapia. Poderían aforrarse moitos custes e mellorar a calidade de vida dos pacientes, mais as políticas sanitarias non cambian”.

Alén, tamén entra en xogo a percepción subxectiva da doenza así como outros factores psicosociais cara os que xa apuntaba recentemente o investigador nun artigo para The Conversation. Así, adoptar unha actitude negativa, deixar de realizar actividades físicas por medo a que empeore o problema, pensar que os tratamentos pasivos son mellores que o exercicio ou ter que enfrontar problemas sociais, familiares ou financeiros supoñen factores de risco para que a dor se cronifique.

Justo sinala que tamén é algo que pode afectar a recollida de datos sobre a lumbalxia: “Hai estudos nos que non se observa ou non destaca esa prevalencia da doenza aos 85 anos. Isto débese a que aínda que exista esa alta porcentaxe de persoas con lumbalxia, os pacientes non lle dan tanta importancia á dor porque sofren outras patoloxías que son máis graves ou que poñen en risco a súa vida”.

Que pasa coas mulleres?

O estudo publicado en The Lancet tamén establecía unha prevalencia estandarizada por idade maior nas mulleres, mais non recollía os motivos polos que isto podía estar ocorrendo.

Se ben as mulleres adoitan presentar unha maior taxa de esperanza de vida, para Justo non está claro que este poida ser o motivo detrás desta maior prevalencia. Non obstante, tamén apunta que “no estudo realizado pola Sociedade Española de Reumatoloxía tamén se apuntaba cara unha maior incidencia nas mulleres e o asociaban a unha maior frecuencia de artrose noutras localizacións ou inclusive a fibromialxia. Con todo, non sei ata que punto tamén é especulativo: isto garda relación porque hai un mecanismo biolóxico que o explica ou porque collemos moitos datos e atopamos esa concordancia?”.


Referencias:

Global, regional, and national burden of low back pain, 1990–2020, its attributable risk factors, and projections to 2050: a systematic analysis of the Global Burden of Disease Study 2021 (publicado en The Lancet)

Prevalencia de enfermedades reumáticas en la población española (publicado en Sociedade Española de Reumatoloxía)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Todas as técnicas que usen auga como terapia son recomendables para a lumbalxia”

O reumatólogo Jorge Blanco defende os beneficios do termalismo para as dores de lombo no ciclo "A saúde é o que importa", impulsado pola USC

A isatina pode contribuír á loita contra o párkinson

Unha investigación da Universidade de Vigo descrebe os efectos da sustancia endóxena sobre a dopamina, neurotransmisor deficiente nesta enfermidade