“Todas as técnicas que usen auga como terapia son recomendables para a lumbalxia”

O reumatólogo Jorge Blanco defende os beneficios do termalismo para as dores de lombo no ciclo "A saúde é o que importa", impulsado pola USC

As terapias acuáticas son inocuas e moi beneficiosas para o tratamento da lumbalxia.
As terapias acuáticas son inocuas e moi beneficiosas para o tratamento da lumbalxia.

Todo o mundo experimentou algunha vez na súa vida unha dor de lombo. Quen non recorda unha incapacitante contractura nas cervicais? Ou unha mala postura que deixa resentidas as costas? A boa nova é que as lumbalxias son, na meirande parte dos casos, benignas, malia que a dor que producen pode chegar a ser moi incómoda. Os tratamentos máis socorridos para aliviar o malestar son, sen dúbida, os fármacos e a fisioterapia, pero hai alternativas. “Todas as técnicas que empreguen a auga como medio terapéutico son recomendables para a lumbalxia”, apunta o reumatólogo do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) Jorge Blanco.

“Non é só pensar no balneario como sitio termal, senón como un espazo no que se aplican chorros, comprensas de auga fría, calor…”, continúa explicando o doutor, engadindo que os beneficios desta terapia esténdense a todo tipo de lumbalxias, agás aquelas derivadas dun tumor. “As enfermidades neoplásicas tumorais, metástases ou tumores primitivos de columna. Esas non melloran con absolutamente nada que non sexa extirpalos, quimioterapia ou raios”, puntualiza Blanco. O reumatólogo do CHUS, ademais, vén de participar no ciclo A saúde é o que importa impulsado pola Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago de Compostela (USC)-Balnearios de Galicia, que se celebrou onte, coa colaboración de Fundación Araguaney.

Para todo tipo de dores

Máis alá dos beneficios da balneoterapia, ou doutro tipo de tratamentos que empreguen a auga dende o punto de vista terapéutico, Blanco recoñece que a contorna axuda moito ao paciente. “Un espazo así induce a relaxación, a actitude anímica positiva e o doente xa de por si é capaz de mellorar psicoloxicamente e tamén fisicamente”, recoñece. O reumatólogo continúa explicando que todas as terapias que impliquen aplicar calor, como unha masaxe, xa van xerar unha melloría na persoa con lumbalxia. “A terapia acuática é marabillosa porque aí actuamos sen ter tanta gravidade encima. Reducimos enormemente a presión que representa para a columna, os músculos e os ósos”, puntualiza o doutor.

“A terapia acuática é marabillosa porque aí actuamos sen ter tanta gravidade encima”

Ademais, Blanco fai fincapé nos beneficios das terapias acuáticas para todo tipo de lumbalxias —que sempre adoitan estar relacionados con posturas anómalas, sobrepeso, artrose…—. E non só depende de que dor de espalda padeza o doente, senón da súa duración. A este respecto, Blanco detalla: “Se permanecen de tres a cinco semanas é aguda e se leva máis de 12 xa se cataloga como unha lumbalxia crónica“.

Máis investigación

De todas formas, Blanco cre que é preciso facer máis investigación e indagar máis polo miúdo nos beneficios das terapias acuáticas. Máis en detalle, asegura que “faltan estudos comparativos”. “Todos temos a sensación de que na práctica hai moita mellora, pero se o traduces ao ámbito bibliográfico hai moitas lagoas”, sinala o reumatólogo do CHUS. Continúa explicando que na literatura científica si aparece recollido que este tipo de terapias diminúen a dor e contractura, pero “os resultados non son tan espectaculares como cabería esperar”. Mais isto, segundo Blanco, non só é aplicable á balneoterapia, senón a fármacos antiinflamatorios e relaxantes musculares.

A este respecto, o reumatólogo puntualiza que a diferenza entre a balneoterapia e os fármacos é que, no caso da primeira, “non lle estás metendo ao teu corpo substancias que teñen efectos secundarios“. É dicir, que as terapias acuáticas non só son beneficiosas, senón tamén inocuas. E, dende logo, tremendamente relaxantes e capaces de aliviar o malestar inevitable dunha mala postura no lombo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.