Biblioteca Humana: Un novo capítulo no relato dos grandes incendios

Da ficción dos estereotipos á realidade do terreo, científicos da UVigo, bombeiros e cidadáns, establecen un diálogo para mellorar a prevención do lume

A Biblioteca Pública da Guarda foi o escenario elixido polo equipo de investigación da Universidade de Vigo encargado de levar a cabo accións de sensibilización da cidadanía dentro do proxecto Firepoctep. Pero nesta biblioteca, as historias relacionadas cos grandes incendios forestais que van coñecer os asistentes, non se atopan nas páxinas dos libros dos estantes. Hoxe, son os bombeiros e os membros do servizo de emerxencias os que contan as súas experiencias e responden ás dúbidas establecendo un diálogo co público sobre a loita contra o lume libre de estereotipos e prexuízos.

É o que se chama unha “Biblioteca Humana”. Unha técnica de traballo coa que os científicos de Educación da UVigo queren establecer modelos de concienciación que poidan ser reproducidos en calquera territorio ameazado polos grandes incendios. Aqueles que, debido a súa intensidade e impacto, son cada vez máis temidos na zona fronteiriza entre España e Portugal.

Publicidade

Da ficción dos estereotipos á realidade do terreo

Lucía Matos, bombeira forestal no Baixo Miño, relata ante os asistentes o medo que pasou no seu primeiro incendio, celebra que cada vez sexan máis as mulleres que forman parte dos dispositivos de extinción e subliña a importancia de completar e reforzar as brigadas no verán, a época de máis risco. “Non podemos ir ao monte dúas persoas, as brigadas deben estar completas nesa época do ano. A comunicación entre bombeiros, e os servizos de emerxencia tamén debería estar mellor organizada, eles necesitan saber onde estamos nós e nós onde están eles en todo momento. É algo esencial para loitar contra o lume de xeito eficaz”, afirma Lucía.

Primitivo Gándara, do Grupo de Emerxencias Supramunicipais na Guarda (GES), toma a palabra e emociónase ao relatar a morte de dous compañeiros nun incendio no concello de Fornelos de Montes, o maior golpe que pode sufrir un equipo no terreo. O silencio é total na sala. “Aquel día eu saín do traballo ás dez da noite, pouco antes do que aconteceu. Púidome tocar a min, é moi duro pensalo e perder aos teus compañeiros. No noso traballo sabes que vas, pero non se volves”, explica.

Publicidade

Primitivo tamén fala co público da importancia de manter o monte limpo para previr o lume e da necesidade de ofrecer información, as veces que faga falta, tanto aos vellos como aos novos habitantes do medio rural. “O campo – asegura o axente do GES ollando ao público – é moi bonito, pero tes que colaborar en mantelo limpo se queres gozar del. Antes, por exemplo, os animais eran verdadeiras máquinas de limpeza e a xente sempre que saía a pasear levaba unha ferramenta para ir limpando, e iso axudaba moito a manter o territorio protexido do lume. É normal que hoxe os incendios sexan máis violentos, porque eses mecanismos tradicionais desapareceron co abandono do medio rural”.

Un diálogo libre de prexuízos

Todos os bombeiros deste encontro destacan a incomprensión e a desconfianza dos cidadáns fronte ao fogo técnico, aquel co que intentan frear un incendio, cando polas súas dimensións, xa non é controlable. O bombeiro forestal Jorge Alonso Pacheco, insiste por iso na necesidade dunha maior e mellor comunicación coa poboación.

“O ardido non pode volver arder e a xente ten que entender que o que facemos é frear o lume, facerlle unha barreira e facela ancha e con tempo suficiente para parar o incendio. A única forma de que a xente o entenda é insistir na educación, na sensibilización, na organización de encontros como este, ir falar ás escolas. É necesario que a xente entenda e coñeza a nosa forma de traballar, que non é sempre só con auga”, lémbranos Jorge.

“É certo – engade Lucía Matos – a min tampouco me gusta empregalo. Hai xente que nos chega a acusar de que somos nós os que prendemos lume ao monte. Iso doe moito, moitísimo cando estás traballando, pero é unha das nosas ferramentas para frear os incendios”.

A comunidade local no papel protagonista

Na sala da Biblioteca Pública da Guarda a concentración foi máxima durante todo o encontro, como acontece cando lemos un bo libro. As preguntas dos participantes na actividade sucedéronse ata o último minuto, ademais das reflexións e o intercambio de relatos sobre as experiencias vividas. A nai dun bombeiro brasileiro, por exemplo, falou do medo e do orgullo que sente polo traballo do seu fillo e Laura e Antía que viven no Baixo Miño quixeron saber, para rematar,  como participar na prevención dos grandes incendios como nais e como cidadás.

“Eu quero que a miña filla reciba toda a educación posible respecto aos grandes incendios, son as próximas xeracións. Tamén quero que a miña parella que ven do Canadá, estea ben informada sobre o que acontece aquí, o lugar onde vivimos”, explica Laura. “A miña familia ten montes, pero non sabemos onde están exactamente. Moitas veces pregúntome para que vale ter tantas hectáreas de monte se, ao final, nin as limpas nin as aproveitas. Por iso quero informarme. A técnica da Biblioteca Humana é moi interesante e gustaríame que se repetise tamén con outros temas”, dinos Antía.

Os asistentes foron convidados a responder a un cuestionario sobre a satisfacción, utilidade e propostas sobre esta iniciativa. Os resultados da “Biblioteca Humana” serán agora avaliados polo equipo de investigación da UVigo co obxectivo de escribir, coa comunidade local no papel protagonista, un novo capítulo no relato dos grandes incendios forestais.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A falta de retención dos solos tras os incendios de 2025 está detrás das devastadoras incidencias de Ourense

O edafólogo Agustín Merino vincula as escorreduras do 17 de xuño coa escasa revexetación durante o inverno e a ausencia de actuacións de restauración

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación

Cal é o risco de incendio no teu concello? Descúbreo no novo mapa interactivo da AEMET

A ferramenta en liña combina variables meteorolóxicas con parámetros sobre o estado real do territorio para anticipar o perigo de incendios

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais