Só o 25% das biografías da Wikipedia están protagonizadas por mulleres

Unha xornada celebrada na Facultade de Comunicación da UVigo analizou os nesgos de xénero na creación de contidos dixitais

Só o 25% das biografías da Wikipedia están protagonizadas por mulleres e a porcentaxe de editoras que colaboran na publicación de contidos nesta enciclopedia dixital colaborativa é unicamente do 13%. Estas foron algunhas das cifras que subliñou a xornalista e activista Patricia Horrillo, fundadora da Wikiesfera, nun acto celebrado pola Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo (UVigo) e da Deputación de Pontevedra. A xornada celebrada este xoves centrouse en analizar os nesgos de xénero presentes en espazos de coñecemento dixital, como a Wikipedia, e en plataformas de intelixencia artificial, como Chat GPT. Durante o evento púxose o foco en involucrar as mulleres na creación de contidos dixitais feministas para combater estas fendas de coñecemento.

O reitor, Manuel Reigosa; a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; a decana da facultade, Emma Torres, e a directora da cátedra e da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, inauguraron unha xornada que contou coas conferencias de Horrillo e da investigadora da Universidade da Coruña (UDC) Laura Castro, que foron presentadas por María Álvarez Lires, integrante do Comité de Sabias da cátedra e profesora da UVigo ata a súa xubilación.

Publicidade

Como as desigualdades se trasladan á esfera dixital

A Cátedra de Feminismos 4.0 busca a “xeración de coñecemento científico de excelencia con perspectiva de xénero ou feminista”, como sinalou Gómez. Tamén lembrou que esta xornada naceu co obxectivo de analizar como se reproducen as desigualdades “no ecosistema dixital, onde pasamos a maioría do tempo”. A directora da Unidade de Igualdade agradeceu nese senso a “aposta valente” a Deputación coa cátedra, de cuxa traxectoria fan balance os paneis que integran a mostra itinerante presentada nesta xornada e que percorrerá os centros de ensino da provincia. 

Iniciativas como as investigacións e xornadas da cátedra son “necesarias para promover un cambio que nos permita acadar unha sociedade igualitaria”, engadiu Lantarón, quen lembraba o alumnado asistente a importancia de adquirir “ferramentas para ir cambiando o mundo”.

Publicidade

No caso concreto do estudantado da Facultade da Comunicación, onde se celebrou o acto, trátase ademais das “creadoras e creadores do contido do futuro”, polo de que se da súa etapa formativa “non saen cun concepto da igualdade e do feminismo claro, vai ser moi difícil que poidamos mellorar as mensaxes que estamos divulgando”, engadiu Torres. A decana incidiu así mesmo en que se ben a publicidade e o audiovisual son ámbitos “con moita presenza de profesionais femininas” e nos que as mulleres “son maioría nas aulas”, persiste nestes sectores unha “fenda de xénero moi importante para o acceso a cargos directivos e de responsabilidade”.

“Ninguén falará de nós se non estamos na Wikipedia”

Clausurado pola deputada provincial de Benestar Social e Igualdade, Sandra Bastos, Hackeando o patriarcado arrincou coa conferencia Ninguén falará de nós se non estamos na Wikipedia, na que Patricia Horrillo subliñou que “as mulleres somos máis da metade da poboación mundial, pero non estamos a contribuír á documentación colectiva da historia”. A directora da plataforma Wikiesfera, que este mes era galardoada co premio internacional The Lovie Award, lembrou que das 5.000 persoas hispanofalantes que publican contidos nesta enciclopedia dixital, só o 13% son mulleres.

“A invisibilidade das mulleres na vida pública impide que se poidan construír as súas biografías na Wikipedia e tamén provoca que as que existen se publiquen en moitas ocasións sen perspectiva de xénero”, subliñou Horrillo, que alertou da persistencia neste espazo de prácticas sexistas, como destacar a relación afectiva ou familiar das protagonistas en relación a un home, usar adxectivos sobre a súa aparencias ou describilas como “musas” para a inspiración de homes, á vez que “só aparecen descritas como referentes perfís de actrices, modelos ou cantantes”. 

Fronte a esta situación é o obxectivo de Wikiesfera, que conta cunha comunidade de máis de 1.500 editoras, responsables máis de 5.500 artigos, e que pretende, sinalou, “construír unha comunidade feminista” que contribúa a eliminar “os nesgos sistémicos” de espazos de coñecemento como esta enciclopedia.

Nesgos de xénero amplificados pola intelixencia artificial

Profesora do Departamento de Ciencias de Computación e Tecnoloxías de Información da UDC, Laura Castro achegou á xornada unha reflexión sobre os nesgos de xénero na intelixencia artificial xerativa. Castro advertiu de que “a velocidade á que se están a implantar” ferramentas que empregan esta tecnoloxía, como asistentes en plataformas virtuais, estase a producir “a costa dun deseño e validación socialmente responsable” e sen que a poboación conte coa “necesaria alfabetización dixital” para comprender as súas capacidades e limitacións, ao tempo que a popularización do seu uso, aumenta o “seu potencial de impacto en diversos aspectos da sociedade”.

A partir de aí, Castro puxo o foco na aparición de prexuízos de xénero nos resultados xerados por ChatGPT, presentando varios exemplos deses nesgos, reflectidos nas variacións nas respostas ofrecidas pola plataforma a unha mesma pregunta cando o seu destinatario é un home ou unha muller. “Estes sistemas, configurados sen supervisión e empregando fontes de información non curadas, están chamados a reproducir e mesmo amplificar os mesmos nesgos de xénero, no canto de a superalos ou contribuír a desterralos”, concluíu, alertando de como estes se presentan “de xeito sutil, pero consistente” nas respostas a consultas relacionadas cos ámbitos STEM.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego revela o papel clave dos adultos na repoboación do percebe

O 90% dos ocos deixados nas rochas polos mariscadores inician a súa recuperación en menos de seis meses cando se deixan grandes exemplares

Un método matemático galego axuda a controlar os niveis de glicosa en diabéticos

O sistema desenvolvido polo CITMAga estase a aplicar para predicir o crecemento de tumores e optimizar terapias contra o cancro

O proxecto da UVigo que aposta pola pesca sostible do bonito a través da innovación

A iniciativa, liderada dende o País Vasco, promove prácticas pesqueiras responsables e respectuosas co medio ambiente

Así é o plan para crear refuxios climáticos nos concellos e loitar contra as vagas de calor

A UVigo creará unha metodoloxía que permita identificar estas zonas en cada localidade e así protexer a poboación de episodios adversos