Unha aposta arriscada para preservar aos rinocerontes vén de amosarse efectiva. Serrar os seus cornos sálvaos da mirada dos cazadores furtivos. Sen eles, un elemento cobizado nos mercados de contrabando ilegais do mundo polas atribucións medicinais non comprobadas que teñen para algunhas culturas, perden a meirande parte do seu atractivo. Porque despoxalos dos seus característicos cornos fai que a súa caza descenda ata un 78%.
Son os resultados do proxecto desenvolto en once reservas de Suráfrica, onde un grupo de científicos dedicáronse a quitar os cornos de grupos de rinocerontes brancos (Ceratotherium simum) e negros (Diceros bicornis). Esta acción fixo que caza furtiva caese un 78%, como recolle o estudo publicado recentemente na resvista Science Advances.
Non só iso. Senón que, consecuentemente, levou a que as incursións dos cazadores furtivos nas áreas protexidas nas que se conservan tamén descendesen. Unha solución que, como recoñecen os promotores da iniciativa, non é máis que un parche. Por un feito moi sinxelo: os cornos dos rinocerontes volven a medrar. E fano rápido, cun ritmo de até 12 centímetros ao ano.
Gañar tempo
“Quizais o mellor sexa pensar nisto como unha solución moi eficaz, pero a curto prazo, que permita gañar tempo para abordar as causas máis profundas da caza furtiva: a demanda de cornos, a desigualdade económica, a corrupción e as redes do crime organizado”, sinala o biólogo Tim Kuiper, da Universidade Nelson Mandela de Suráfrica, nun artigo en The Conversation.
Os investigadores documentaron a morte de 1.895 rinocerontes só entre 2017 e 2023 nas áreas onde levaron a cabo o estudo, o que representa o 6,5% da poboación destes mamíferos nesta zona.
Referencia: Dehorning reduces rhino poaching (Publiado en Science Advances).














