Sábado 20 Abril 2024

O maior mamífero terrestre coñecido viviu no noroeste da China ata fai 16 millóns de anos

O achado de varios fósiles permite reconstruír parte da historia do "Paraceratherium linxiaense", unha nova especie de antepasados dos rinocerontes

Os fósiles dun cranio, unha mandíbula, un atlas (primeiro óso da columna no tramo cervical) e vértebras atopados na bacía de Linxia, no noroeste da China e xa preto da meseta do Tíbet, permitiron a un equipo de científicos da Academia de Ciencias de Pekín botar luz sobre o que foi, polo menos en canto ao que se coñece, o maior mamífero terrestre que viviu no planeta. Pertence a unha familia do que se poderían considerar como rinocerontes xigantes, e que se moveron ata 16 millóns de anos antes de agora entre o que hoxe son a China, Mongolia, Casaquistán ou Paquistán. O achado, que se publica en Communications Biology, desentraña, en parte, a dispersión deste xénero, os Paraceratherium, por esta zona do continente asiático. E describe unha nova especie, a Paraceratherium linxiaense.

A análise filoxenética destes restos evidencia un vínculo con outras especies de rinocerontes xigantes, que daquela non tiñan corno, e que viviron no Oligoceno, como P. grangeriP. huangheense, P. asiaticum, e P. bugtiense. Todos eles están fortemente asociadas ao xénero dos Aralotherium. No caso da nova especie descrita, os investigadores observaron unha adaptación do óso atlas, que é máis alongado, indicativo dun pescozo máis extenso e un eixe superior cunha orientación case horizontal na articulación posterior, uns detalles que gardan correlación cun pescozo máis flexible. Alimentábase, dunha forma semellante ás xirafas, da copa das árbores. Estímase que podería pesar entre 21 e 24 toneladas e medía cinco metros ata os ombros, ao que habería que engadir dous metros de pescozo e cabeza.

Publicidade

Distribución e movemento das especies de Paraceratherium en Eurasia durante o Oligoceno. Fonte: VIPP.
Distribución e movemento das especies de Paraceratherium en Eurasia durante o Oligoceno. Fonte: VIPP.

Os autores do achado sinalaron, do mesmo xeito, durante o Oligoceno, as diversas especies de rinocerontes xigantes puideron dispersarse desde a meseta de Mongolia ata o sur de Asia, a través da costa oriental do mar de Tetis, e probablemente a través do Tibet. Do mesmo xeito, postulan a opción de que estas especies puideron cruzar a área tibetana para chegar ao subcontinente indio.


ReferenciaAn Oligocene giant rhino provides insights into Paraceratherium evolution (Publicado en Communications Biology).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un crocodilo na lagoa das Pontes con 28 millóns de anos

Na vella mina foron atopados fósiles con máis de vinte millóns de anos, cando Galicia tiña un clima subtropical

Científicos de Lugo estudan en Kenia infeccións en elefantes e rinocerontes

Os catedráticos Patrocinio Morrondo e Pablo Díez viaxaron ao país africano para supervisar a toma de mostras de feces, sangue e carrachas