O 23% da poboación galega non sabe que o radon é canceríxeno

Un estudo da USC analiza a percepción social deste gas, que é a primeira causa de cancro de pulmón entre non fumadores

Un estudo liderado pola Universidade de Santiago (USC) vén de analizar a percepción do risco do radon como base para unha comunicación eficaz. Un dos datos máis salientables da investigación é que en Galicia, unha das comunidades máis afectadas, o 23% dos participantes descoñece que é canceríxeno. Esta cifra, que demostra que case un 80% da cidadanía coñece un dos principais riscos do radon, é compartida por outros territorios amplamente afectados, como Estremadura e a Comunidade de Madrid. Todos estes datos recóllense nun estudo financiado polo Consello de Seguridade Nuclear e liderado pola catedrática de Xornalismo Berta García Orosa.

“O radon é a segunda causa de morte por cancro de pulmón entre persoas fumadoras e a primeira entre non fumadoras. Con todo, os seus riscos son escasamente coñecidos e os esforzos de comunicación de risco para mitigar os seus efectos non demostraron a eficacia esperada”, apuntan dende o equipo investigador.

Publicidade

A pesar de que as persoas enquisadas manifestan un interese medio-alto por estar informadas do que ocorre na súa contorna e no mundo (5,42 sobre 7), a cidadanía que di recibir información sobre radon nalgún momento a través dos medios de comunicación sitúase no 31,2%. Os resultados da investigación alertan de que a poboación adoptou medidas escasas para protexerse deste gas: só o 45,6% adoptou algunha. A medida máis común é mellorar a ventilación do edificio (29,9%), seguida do aumento de ventilación do forxado (21,7%), evitar que se filtre o gas dende o soto (15,6%), selar pisos e paredes (13,0%) e instalar un sistema de evacuación mecánica do radon no soto ou baixo os pisos sólidos (10,5%).

“Os datos son aínda máis rechamantes porque a poboación española ten un coñecemento moderado sobre este gas”, matizan dende o proxecto. Saben que é un gas (83,4%), que é invisible a primeira ollada (67,4%) e inodoro (42,9%); que pode atoparse no chan (54,4%) e na auga (24,5%), pero non ao aire libre (33,8%). Con todo, respecto a ás medidas para reducir os seus efectos, o descoñecemento é maior, pois o 75,4% cre que se pode baixar evitando vivir preto de fábricas contaminantes, mentres que as medidas efectivas son coñecidas por menos da metade da poboación.

Publicidade

O coñecemento nas comunidades con alta incidencia de radon é maior. O 77% dos participantes nas comunidades máis afectadas recoñece o radon como carcinóxeno, mentres que no resto de territorios só o recoñece o 68,8%. “Tamén se identifica que os homes manifestan maior nivel de coñecemento sobre o radon, do mesmo xeito que a cidadanía con maior nivel formativo”, explican.

En termos de percepción social do risco, a percepción de incidencia presenta resultados superiores nas rexións de maior incidencia, co máximo en Galicia, a comunidade máis afectada. Os resultados son superiores en mulleres e varían segundo o nivel de estudos, con valores mínimos de percepción entre os cidadáns menos formados.

Con todo, a poboación española considérase máis preocupada en xeral (4,68 sobre 7) que preocupada polo risco asociado ao gas radon (4,04), aínda que os valores son superiores nas comunidades con maior incidencia, especialmente en Galicia como territorio de maior afectación (4,58), pero tamén en Madrid (4,19) e Estremadura (4,09). Non obstante, a probabilidade percibida de que o radon lle afecte hoxe en día é máis reducida (3,44).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos