Publicidade

Traballar con cadáveres na ciencia: así funcionan as doazóns en Galicia

Os expertos piden un marco legal específico na materia despois de que saltasen as alarmas pola trama de tráfico ilegal de corpos en Valencia

Un grupo de alumnos da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago (USC) asiste ás súas primeiras prácticas de disección anatómica. Para a meirande parte eles, ese será o primeiro contacto coa morte: traballarán sobre un corpo humano que foi doado á ciencia. “Na USC só aceptamos doazóns altruístas feitas en vida”, explica a profesora de Anatomía Ana Isabel Rodríguez Pérez. A chegada de corpos á morgue da facultade faise a través dun proceso estandarizado, protocolizado e seguindo as directrices que marca a Sociedade Anatómica Española (SAE). Pese a ser un tema tan sensible, Rodríguez admite que a doazón de corpos á ciencia “requeriría dun marco legal máis específico, rigoroso e desenvolvido”. A carencia dunha detallada regulamentación é do que se aproveitan algunhas tramas ilegais de tráfico de cadáveres, como a que se destapou esta semana en Valencia.

Segundo a información recollida en varios medios do Levante, os responsables dunha funeraria recollían corpos de hospitais e residencias, falsificaban a súa documentación e despois ofrecíanllos ás universidades, chegando a facturar ata 5.000 euros. Os investigados asegurábanse que as persoas falecidas non tiveran familia ou foran estranxeiras, co obxectivo de que o seu modus operandi non se puidera rastrexar. De feito, colocaban os restos de varios corpos nun mesmo ferétro para aforrar os gastos da incineración. “O que moveu ese caso foi a usura, non os intereses altruístas da doazón coa que se pretende servir á formación dos futuros sanitarios. O acto de doazón ten que ser libre, voluntario e solidario”, di Rodríguez.

Publicidade

A profesora de Anatomía da USC tamén forma parte da xunta directiva da SAE, dende a que levan anos esixindo a creación dun marco legal específico, concreto, estrito e amplamente detallado que regule a doazón de corpos á ciencia e á investigación, como xa existe para a doazón de órganos. Un comunicado publicado pola SAE esta semana indica que todos os seus esforzos por buscar un consenso coas institucións académicas, incluídos os ministerios de Ciencia, Educación e Sanidade non deron resultados. Pese a que en 2017 a SAE constituíu unha Comisión para a Regulamentación das Salas de Disección e posteriomente estableceu un Programa Nacional de Doazón de Corpos, todo queda dentro da sociedade, sen o apoio das autoridades competentes.

  • O técnico da sala de anatomía, Fernando gómez Souto, e a profesora de Anatomía Ana Isabel Rodríguez. Foto: Anxo Iglesias
  • Vista xeral da sala de anatomía. Foto: Anzo Iglesias

Dende a USC explican que o seu procedemento para o uso de corpos na facultade segue o manual de boas prácticas da SAE. “Seguímolas escrupulosa e rigorosamente”, di Rodríguez. Ademais, a profesora de Anatomía aclara que na propia USC hai un servizo de doazón de corpos que lles permite non ter que recorrer a ningunha fonte allea e, así, esquivar o risco de ser enganados polas tramas de tráfico de cadáveres. “Só aceptamos doazóns en vida, altruístas e que poidan ser certificadas. Por iso eses riscos desaparecen por completo”, insiste Rodríguez. De feito, a profesora da USC asegura que “non lle consta” ningún caso en Galicia semellante ao que aconteceu en Valencia.

Publicidade

Paso a paso

O proceso de doazón de corpos na USC dispón dun protocolo público que se pode consultar na súa páxina web. O documento explica, paso a paso, o que debe facer alguén que desexe doar o seu corpo á ciencia e á investigación. Polo tanto, esa doazón ten que constar como desexo expreso en vida e, tamén, ten que ser altruísta. “No servizo de doazóns da USC explicámoslle ao doante en que consiste todo o proceso. Se finalmente decide aceptar, asina a autorización. Pero non só a firma a persoa interesada, senón que o vai facer en presenza de dúas testemuñas”, matiza Rodríguez. Unha vez efectuados estes pasos, o servizo emite un carné de doante da persoa interesada.

A partir de aí, segundo as explicación da profesora da USC, o proceso paralízase ata que que se produce o falecemento, que debe ser comunicado pola familia. “Nese momento valoramos se recoller ou non o corpo porque hai situacións que o impiden, Por exemplo, se se someteu a determinadas cirurxías ou está envolto nun proceso xudicial”, indica. De feito, os condicionantes para aceptar ou rexeitar un corpo aparecen enumerados no protocolo da USC, como poden ser determinadas enfermidades ou as limitación de espazo na facultade. Rodríguez confirma que as instalacións de Medicina son escasas e tan só se pode almacenar un determinado número de corpos na morgue. “Só imos coller os corpos que podemos conservar de forma digna, respectuosa, anónima e garantindo a calidade dos tecidos”, apunta.

Unha vez que se acepta a doazón do corpo á facultade, sempre e cando cumpra con todos e cada un dos requisitos expostos no protocolo, un servizo funerario trasladará a persoa falecida ás instalacións da USC. Neste momento recollerase e arquivarase o carné de doante, unha fotocopia do DNI, a licenza de sepultura e o certificado de defunción e informarase ao Rexistro Civil de que o corpo está nas instalación do Deparmento de Ciencias Morfolóxicas. A continuación, os profesionais competentes desenvolverán a metodoloxía pertinente para a preservación do corpo.

  • Detalle dun modelo anatómico. Foto: Anxo Iglesias
  • Un dos modelos anatómicos que empregan na facultade de Medicina. Foto Anxo Iglesias
  • Uso de modelos para o ensino de anatomía. Foto: Anxo Iglesias

“Tras o período de vida útil, pedimos autorización para poder incineralo e as cinzas son depositadas nunha urna no cemiterio de Boisaca”, sostén Rodríguez. A profesora da USC insiste en que eles solicitan e están en posesión en todo momento da documentación pertinente, polo que o proceso de doazón e uso de corpos na universidade é facilmente trazable. Tanto cando chega o corpo, como cando está nas súas instalacións, como cando se vai incinerar, hai un proceso burocrático detrás que garante o cumprimento dos protocolos e das indicacións da SAE.

Rodríguez explica que na USC, ademais das doazóns feitas ao seu departamento de Ciencias Morfolóxicas, tamén reciben corpos daquelas persoas que asinan o documento de instrucións previas habilitado na páxina web do Sergas para facerse doante en vida, cumprindo tamén co principio de altruísmo que esixen os protocolos. Uns protocolos que, segundo a SAE, deberían de estar unificados entre todos os servizos de doazón de corpos. Dende a sociedade, insiste Rodríguez, continúan reivindicando un marco legal máis preciso que non termina de chegar. “Eu confío que coa aparición de casos como o de Valencia se lle dea un impulso. É unha necesidade real”, sostén a investigadora.

A xenerosidade da sociedade galega

No que respecta á doazón de corpos propiamente dita, máis alá do procedemento burocrático que hai detrás, Rodríguez salienta a “gran xenerosidade” da sociedade galega. Anualmente, a facultade de Medicina recibe doazóns pero as instalacións son limitadas, polo que habitualmente non se poden recoller todas elas. “Hai moitos doantes, tantos homes como mulleres. Pero non soamente aquí, senón que a tendencia en España estase incrementando”, indica. De todos modos, a profesora de Anatomía matiza que máis alá boa acollida por parte da sociedade, a instalación dun servizo de doazóns “é un proceso moi complexo”, non só polo tempo que require, senón polos recursos e persoal que se precisan e que son custosos.

“O doante achega un instrumento moi valioso para a formación dos futuros sanitarios. Por moito que aprendas anatomía nun libro e cada vez haxa mellores imaxes, incluso mesas de disección anatómicas virtuais, hai competencias e habilidades que os alumnos só poden adquirir fronte a un cadáver”, asegura Rodríguez. Amais disto, salienta a importancia da doazón regrada de corpos para a formación continuada dos profesionais sanitarios que realizan cursos de especialización e, que, moitas veces, practican as operacións nun corpo inerte antes de levalas a cabo sobre o propio paciente. “Realmente, as doazóns teñen un valor incalculable”, conclúe Rodríguez.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que se controla a administración de antibióticos a cans e gatos?

A Lei de Medicamentos Veterinarios xera protestas no sector contra as restricións impostas na prescrición de medicamentos para animais domésticos e de granxa

Podcast | Da reciclaxe de plásticos ás vacinas: a innovadora tecnoloxía creada en Santiago

O investigador Jose Martínez Costas do CiQUS explica no novo episodio do podcast de GCiencia en que consiste o seu método de etiquetaxe molecular de proteínas

Máis calor e menos chuvia: o cóctel que ameaza a supervivencia do castiñeiro

Un estudo no que participa a USC avalía a idoneidade do hábitat da árbore ata o ano 2100 baixo diferentes escenarios climáticos

Unha empresa galega logra 2,1 millóns para ensaiar a súa terapia de prevención da gripe

A compañía Smart Vitamins consegue no experimento en roedores protexer no 100% dos casos contra o desenvolvemento da enfermidade