Hai relación entre o radon e os tumores cerebrais? Así o estuda un equipo galego

O investigador da USC Alberto Ruano lidera o proxecto Radonbrain para afondar nunha patoloxía "de causas fundamentalmente descoñecidas"

Un equipo de Universidade de Santiago, capitaneado polo catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública Alberto Ruano, estudará a relación entre a exposición ao radon residencial e o risco de desenvolver tumores cerebrais. Segundo explican dende a institución académica, trátase dun estudo pioneiro do seu ámbito porque afondará nunha patoloxía “de causas fundamentalmente descoñecidas”. O proxecto, denominado Radonbrain, acaba de recibir financiamento do Instituto de Saúde Carlos III e xestionarase a través do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), no que tamén participa a USC.

Estes tumores son un grupo heteroxéneo de patoloxías, entre os que destacan os gliomas e os meninxiomas, pola súa frecuencia. “Aínda que se sabe pouco das súas causas, describiuse que a exposición previa a radiación ionizante aumenta o risco destas enfermidades”, puntualiza o profesor Ruano. A radiación ionizante clasifícase en radiación de orixe natural e artificial, sendo a exposición a radon no domicilio a máis relevante xa que representa arredor do 50% de toda a radiación ionizante que recibe un ser humano ao longo da súa vida. Con todo, ningún estudo previo ten medido a exposición a radon residencial no domicilio e a súa relación con estes tumores.

Publicidade

Un estudo preliminar realizado en Galicia e no que tamén participa o profesor Ruano achegou indicios da posible existencia desta asociación ao observarse maior mortalidade por tumores cerebrais naqueles municipios galegos con maior concentración de radon residencial, tanto en homes como en mulleres. Esta investigación pretende confirmar, ou non, esta asociación a través dun deseño epidemiolóxico mellorado.

Metodoloxía

O estudo segue unha metodoloxía de casos e controis, pola que se colocará un detector de radon nas vivendas de persoas con estas enfermidades e outro nas vivendas de persoas que non as teñan, para comparar a concentración de radon no domicilio. Segundo afirma Alberto Ruano, “estudos desta natureza foron os que permitiron coñecer a relación causal entre a exposición a radon e o risco de cancro de pulmón, e empregarase aquí esta mesma metodoloxía”.

Publicidade

Afortunadamente, a frecuencia (incidencia) destes tumores é baixa na poboación xeral, polo que no estudo participarán polo menos oito hospitais de tres Comunidades Autónomas (Galicia, Castela e León e a Comunidade de Madrid) e espérase a incorporación dun hospital do Porto (Portugal). O estudo é interdisciplinario e nel colaborarán especialistas en oncoloxía, neuroloxía, neurocirurxía, epidemioloxía e estatística. Os obxectivos non se circunscriben exclusivamente a coñecer o efecto do radon, senón que tamén se analizarán outros potenciais factores de risco, como a ocupación, consumo de tabaco, infeccións previas, consumo de alcol e a radiación ionizante procedente de probas de imaxe médica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do ‘vermicompost’ ao uso de ozono: un estudo da USC avalía o impacto ambiental de alternativas agrícolas

A tese de Sara Lago evidencia que determinadas prácticas sostibles non sempre presentan un mellor desempeño cando son analizadas de maneira integral

Un equipo da USC revela novas opcións terapéuticas do único fármaco contra a fibrose hepática

O descubrimento do CiMUS sobre o Resmetiron permitirá desenvolver terapias dirixidas especificamente contra esta enfermidade no futuro

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento

Fan falta máis medios de extinción para loitar contra os incendios forestais?

O consenso científico afirma que o problema é un modelo que continúa a investir máis en apagar o lume ca en evitar que se produzan grandes eventos. Por María-Luisa Chas-Amil e Emilio Nogueira-Moure