A Xunta vén de iniciar un proceso de diálogo cos fabricantes do eficaz descontaminante contra o lindano creado por un equipo de investigadores de Navarra. Segundo aseguran dende o seu gabinete de prensa, o pasado 30 de outubro representantes da Consellería de Medio Ambiente mantiveron unha videoconferencia con persoal técnico de Emgrisa, unha das dúas empresas que colaboran coa Universidade de Navarra no pioneiro proxecto. O interese da Xunta neste produto é a súa potencial aplicación práctica no caso do Porriño, infestado polo tóxico prohibido pola Unión Europea no 2008 e declarado canceríxeno pola Organización Mundial da Saúde (OMS) no 2015.
Medio Ambiente traslada que no encontro de finais de outubro “puideron afondar tanto nos resultados desta investigación” como noutras posibilidades que están en marcha na comunidade autónoma de Aragón. Noutro dos principais tres focos afectados por contaminación por lindano en España tamén se están realizando outras pescudas sobre o tema. Ademais do proxecto da Universidade de Navarra e da súa exitosa aplicación práctica no vertedoiro de Bailín, na Universidade de Zaragoza acaban de publicar os resultados dunha investigación que propón retirar o lindano do medio acuático a través de “membranas de nanofiltración”.
Dende máis preto, propuxéronse solucións aos impactos do lindano no noso territorio. Durante tres anos, a Universidade de Oviedo desenvolveu un proxecto para O Porriño en colaboración coa empresa viguesa Edafotec. Este estudo, consistente na descontaminación de terras con lindano a través dun proceso de bioremediación, acadou o selo de excelencia da UE no 2019, foi financiado pola Xunta e probado con éxito en laboratorio, pero segundo informa a empresa, non se chegou a executar.
As investigacións da Xunta
A Consellería de Medioambiente confirma que ate o momento as únicas actuacións levadas adiante no municipio pontevedrés foron resultado das dúas investigacións promovidas pola Xunta tralas protestas veciñais de 1999 e 2017. O primeiro dos casos “culminou coa declaración de dúas zonas como solos contaminados no polígono de Torneiros”, a zona cero do lindano, “e a súa posterior descontaminación, así como coa construción dunha cela de seguridade para albergar eses residuos”, aseguran dende a Xunta. Membros da Plataforma Antilindano da Louriña lamentan que aínda hoxe non sexa de coñecemento público o lugar onde foron depositadas as terras contaminadas que se retiraron.
Case vinte anos despois, trala descuberta dunha alta concentración de lindano no camiño do Contrasto, a Xunta levou a cabo outra investigación, “que se completou coa investigación integral de todo o concello do Porriño e parte de Mos, establecéndose unha lista coas prioridades de actuación”, aseguran dende a Consellería. O departamento de Medio Ambiente apunta tamén que a descontaminación do Contrasto é a primeira desas prioridades establecidas no informe de 2017.
En xaneiro cumpriranse dous anos dende que a Consellería de Medioambiente anunciase que ía destinar tres millóns de euros para facer efectiva a retirada do lindano nesa área e proceder á súa descontaminación. Dende o Concello do Porriño comunicaron a semana pasada que por diversos motivos esas obras estaban demoradas. A Xunta informou que “a encomenda de xestión para a execución da obra xa está aprobada” e que, unha vez rematada, “estudaranse as seguintes medidas a adoptar unha vez reavaliada a prioridade das actuacións pendentes”.
Pero é que a empresa responsable de tal desastre sae de “rositas”?