A Xunta lidera un proxecto científico para tratar a contaminación por lindano

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio anunciou esta semana a presentación dunha candidatura á convocatoria de axudas Life da Unión Europea para mapear e tratar mediante fitorremediación os solos periurbanos contaminados por residuos de lindano, un composto canceríxeno que en Galicia se detectou en solos do municipio do Porriño. No proxecto toman parte tamén a Universidade de Santiago de Compostela, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que achegarán medios propios á iniciativa.

A fitorremediación consiste no emprego de plantas e dos seus microorganismos asociados para a mellora funcional e a recuperación de solos contaminados. Este método baséase nos procesos naturais mediante os cales as plantas e a microbiota asociada ás súas raíces degradan ou secuestran os contaminantes. Segundo subliña a consellería, é unha técnica “beneficiosa para o medio ambiente a través do cultivo de plantas e ao mesmo tempo, é un método efectivo de recuperación da calidade do solo que pode resultar ata 3 veces máis económico que as accións de remediación clásicas e máis tradicionais (encapsulamento e traslado do residuo)”.

Publicidade

Mediante fitorremediación, o proxecto busca degradar esta substancia contaminante

Con esta idea, que leva o título de OffLindane, a Xunta ten por obxectivo acadar a “fitorremediación dos solos afectados por lindano, como medio para minimizar a medio prazo a presencia deste residuo tanto na terra como no medio hídrico, co fin de mellorar a calidade deses solos contaminados”. Ademais preténdese realizar “un mapeo exhaustivo da localización de residuos de lindano naqueles puntos nos que se ten localizado a presenza desta substancia“.O importe total do proxecto ascende a case 2 millóns de euros (1.976.020 euros) e conta cun prazo de execución de 5 anos.

Despois da toma de mostraxes, ensaiaranse solucións de fitorremediación en solos nos que se detectara a presencia desta substancia co fin de buscar a súa restauración ecolóxica, de forma que se evite o selado dos mesmos e se garanta a súa sustentabilidade funcional.

O problema do lindano

O lindano fabricouse durante 30 anos na planta que a empresa Zeltia tiña no Porriño. Porén, co tempo descubriuse que este composto era tóxico, e que os seus residuos tamén o eran. A OMS confirmou no ano 2015 que é carcinóxeno. No tempo no que se fabricou lindano no Porriño, xeráronse máis de 700 toneladas de residuos, que foron vertidos en terreos deste municipio, e mesmo empregados para facer camiños, pistas e estradas, na crenza de que se trataba dun produto inerte. Análises realizadas en zonas do río Louro confirmaron que os niveis da substancia multiplicaban por 10 os máximos permitidos.

Publicidade

O lindano é o nome comercial dun organoclorado de fórmula xenérica C6H6Cl6, en concreto o isómero gamma-1,2,3,4,5,6-hexaclorocicloexano. Foi empregado como insecticida en agricultura e para loitar contra os parasitos na gandería. Nos humanos, era o compoñente das locións antipiollos e das cremas contra a sarna.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta insta á empresa responsable da represa do río Umia a corrixir as deficiencias detectadas

As inspeccións detectaron filtracións que afectan o correcto funcionamento da infraestrutura e do paso previsto para os peixes migratorios

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024