A estratexia de oncoloxía de precisión do Sergas personalizará terapias en 2024

A utilización da análise xenética e a fabricación de medicamentos CAR-T serán algunhas das ferramentas para avanzar neste terreo

A implantación da ‘Estratexia de Oncoloxía de Precisión’ na rede do Sergas durante o próximo ano 2024 permitirá avanzar no tratamento personalizado do cancro nos pacientes de toda Galicia. Os obxectivos e as claves desta estratexia presentáronse hai algunhas semanas nunha xornada celebrada en Santiago na que estiveron presentes autoridades e científicos de diversas partes de España, Europa e Estados Unidos, que debatiron sobre a evolución da medicina de precisión nos próximos anos.

Durante a xornada o director xeral de Asistencia Sanitaria da Xunta, Jorge Aboal, detallou os obxectivos a conseguir coa Estratexia de Oncoloxía de Precisión na rede do Sergas: reducir o impacto na poboación da enfermidade, facilitar o acceso temperán e igualitario á mellor opción de diagnóstico molecular e terapia dirixida, implantar solucións integrais e sostibles e facilitar o acceso a coñecementos e terapias na fronteira da ciencia.

Publicidade

Entre as actuacións para conseguir estes obxectivos destaca a creación dunha estrutura colaborativa en rede que promoverá a participación das distintas áreas sanitarias galegas na posta en marcha e desenvolvemento desta estratexia. Ademais, se está a constituír unha Comisión Molecular de Tumores Central de Galicia que permitirá traballar de xeito sincronizado en toda a comunidade.

Outra das ferramentas claves desta estratexia é a posta en marcha dunha rede de laboratorios de análise xenético-molecular para establecer unha carteira de biomarcadores á que poderán ter acceso todos os cidadáns galegos. Tamén haberá unha rede deslocalizada de coñecemento especializado, que permitirá aos profesionais do Sergas engadir coñecemento dende o seu posto de traballo.

Publicidade

Co obxectivo final de ofrecer o mellor tratamento personalizado a cada un dos pacientes, está prevista a posta en marcha no primeiro semestre de 2024 do centro de produción de medicamentos CAR-T e doutras terapias celulares en Santiago e a apertura dun centro de protonterapia. Ademais, vanse potenciar a realización de ensaios clínicos e os plans de formación dos profesionais sanitarios no ámbito da medicina de precisión. Finalmente, as infraestruturas TIC e a xestión de datos servirán de apoio para apoiar a medicina de precisión.

Aboal destacou que a elaboración da Estratexia Oncolóxica de Precisión de Galicia se fixo prestando especial atención ás principais estratexias europeas de análise molecular que se están a desenvolver en distintos puntos de Europa. Ademais sinalou que foi moi importante a participación dos distintos grupos de investigación sobre o cancro existentes en Galicia.

Personalizar os tratamentos

Durante a súa intervención na xornada desenvolvida en Santiago o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o obxectivo final é “poñerlle nome e apelidos a cada tumor, entender como se producen, como evolucionan e como se pode loitar contra eles”.  Grazas á estratexia desenvolvida polo Sergas será posible impulsar o diagnóstico molecular, as terapias dirixidas para personalizar os tratamentos e o acceso a terapias innovadoras. Deste xeito, os profesionais sanitarios poderán establecer decisións terapéuticas personalizadas en función das características moleculares de cada tumor.

Aboal apuntou que o desenvolvemento desta Estratexia Oncolóxica de Precisión nos próximos anos vai supoñer “un antes e un despois” na sanidade galega e permitirá seguir avanzando para conseguir os obxectivos marcados pola Medicina 5P: Preventiva, Preditiva, Personalizada/Precisión, Participativa e Poboacional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da pandemia á economía circular: así nace o proxecto REHEAL para reducir os residuos sanitarios

O SERGAS participa xunto a outros sistemas europeos nun consorcio que impulsa cadeas de subministración máis sostibles

O Living Lab de Saúde de Vigo abre o prazo para probar proxectos innovadores no hospital Meixoeiro

A iniciativa desenvólvea o Sergas e a ACIS en colaboración con socios da Rexión Norte de Portugal dentro do programa europeo Innov4life

A Xunta subvenciona novos proxectos para a detección precoz de cancro e diabetes

O programa PRIS-T inviste medio millón de euros para apoiar propostas de innovación sanitaria transfronteiriza