Luns 2 Decembro 2024

O tempo estable e a fase escura da Lúa permitirán ver as Xemínidas nunha ocasión única en Galicia

É un dos fenómenos astronómicos máis esperados do ano. O seu máximo esplendor terá lugar na madrugada do 14 ao 15 de decembro

Xunto coas Perseidas en agosto, as Xemínidas son a maior choiva de estrelas do ano. Están consideradas un dos fenómenos astronómicos más intensos e regulares, podendo alcanzar unha velocidade de 120 meteoros por hora no seu pico de máxima actividade. Este ano as Xemínidas gozarán de óptimas condicións para a súa observación en Galicia polo tempo anticiclónico e porque hai Lúa nova, polo que estará ausente do firmamento nos vindeiros días e haberá máis escuridade no ceo. Estarán activas dende o 4 ate o 17 de decembro aproximadamente, pero os mellores índices obteranse na madrugada do 14 ao 15 de decembro. Precisamente, a localización no ceo do radiante —o punto de fuga das traxectorias dos meteoros— é o que lle dá nome ao fenómeno. Neste caso sitúase sobre a constelación de Xéminis.

Cando un gran de po impacta na atmosfera terrestre produce un meteoro, que arde con forza a máis de 80 quilómetros de altura. A máis altura e velocidade do gran, maior será a estela que deixa. Na traxectoria da Terra arredor do Sol, atravesa continuamente correntes de po e escombros deixados por asteroides e cometas. A choiva de estrelas prodúcese, precisamente, cando o planeta se topa cunha destas correntes de meteoros e, polo tanto, aumenta a cantidade de po que entra na atmosfera. A maioría das choivas de estrelas están provocadas por cometas, polo que o caso das Xemínidas é bastante particular.

Publicidade

A súa orixe foi sempre un gran misterio pois non se sabía asociar a choiva de meteoros con ningún cometa periódico coñecido. No ano 1983 o telescopio espacial de infravermellos IRAS (lanzado pola NASA) identificou un asteroide, chamado Faetón. A orixe da meirande parte das choivas de estrelas atopa a súa explicación na vaporización do xeo da superficie dos cometas: cando estes se aproximan ao Sol as superfices xeadas se vaporizan, facéndose máis activos e brillando máis a medida que os gases e o po que desprenden dispersan máis luz solar. Con todo, esta explicación non é válida para Faetón.

O radiante das xemínidas. Foto: Observatorio Nacional Astronómico.
O radiante das Xemínidas. Foto: Observatorio Nacional Astronómico.

O asteroide ten unha órbita moi alongada que fai que o seu perihelio se atope a unha distancia moi próxima ao Sol polo que, cunha órbita tan cálida, calquera xeo de auga, dióxido de carbono ou monóxido de carbono próximo á superficie do asteroide se coceu hai tempo. A clave podería estar no sodio. Así o apunta o estudo ‘Volatilidade do sodio en condritos carbonáceos a temperaturas compatibles con asteroides de perihelio baixo’. “Faetón é un obxecto curioso que se activa a medida que se achega ao Sol”, explica Joseph Masiero, director do estudo e científico no Centro de Análise e Procesamento Infravermello (IPAC) da NASA. “Sabemos que é un asteroide e a fonte das Xemínidas. Pero contén pouco ou nada de xeo, polo que nos intrigaba a posibilidade de que o sodio, que é relativamente abundante nos asteroides, puidese ser o elemento impulsor desta actividade.”

Publicidade

Faetón sendo quentado polo Sol. Foto: NASA, JPL-Caltech, IPAC, Tim Pyle.
Faetón sendo quentado polo Sol. Foto: NASA, JPL-Caltech, IPAC, Tim Pyle.

Observando as Xemínidas, os investigadores acharon que a cor da luz provocada polos meteoros que causan esta choiva de estrelas son dunha tonalidade aralanxada. A cor é unha evidencia dos elementos que conteñen, polo que o equipo de Masiero concluíu que as Xemínidas tiñan un baixo contido en sodio. O seu estudo afirma que este composto xoga un papel clave xa que a medida que o asteroide se achega ao Sol, o seu sodio quéntase e se vaporiza. Este proceso esgotaría o da superficie hai moito tempo, pero o do interior do asteroide segue quentándose, vaporizándose e lanzándose ao espazo a través das gretas e fisuras da cortiza máis externa de Faetón. A efervescencia podería explicar non só o brillo do asteroide senón tamén a orixe das Xemínidas e por que conteñen pouco sodio.

Como observar a chuvia de estrelas

Aínda que a intensidade das Xemínidas permite observar os seus meteoros máis brillantes dende núcleos urbanos, os expertos recomendan afastarse da contaminación lumínica. En caso de que iso non sexa posible, polo menos, situarse no alto por encima das luces. Antes de observar as estrelas, é conveniente que a vista se acostume á escuridade, polo que debemos evitar a exposición directa á luz e dar unha marxe de tempo para que a nosa visión se adapte; así como lugares con obstáculos para a visón, de forma que sexa posible contemplar a máxima rexión do firmamento.

Un ceo despexado e sen contaminación lumínica permite unha observación óptima das estrelas fugaces. Foto: NASA.
Un ceo despexado e sen contaminación lumínica permite unha observación óptima das estrelas fugaces. Foto: NASA.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O pico de actividade das Oriónidas coincidirá cunha Lúa case chea

O paso da Terra pola órbita do cometa Halley traerá unha chuvia de estrelas, cuxo pico de actividade terá lugar o 21 de outubro

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea

Esta é a desconcertarte orixe das Xemínidas, a maior chuvia de meteoros do ano

A descomposición térmica do asteroide Faetón está detrás deste espectacular fenómeno, que se poderá observar entre o 13 e o 14 de decembro

As dúas choivas de estrelas que non podes perder de aquí a final de ano

No mes de novembro coas leónidas e no de decembro coas xemínidas os amantes da astronomía teñen dúas citas que non deben esquecer