Un composto demóstrase efectivo contra o lindano, o veleno canceríxeno espallado no Porriño

Unha investigación da Universidade de Navarra atopa un descontaminante prometedor para as 1.000 toneladas do produto esparexido na parroquia de Torneiros

Un novo descontaminante, froito dunha pioneira investigación da Universidade de Navarra, podería ser a resposta definitiva contra un dos principais problemas medioambientais de Galicia: as arredor de 1.000 toneladas de lindano que foron espalladas a mediados do pasado século na parroquia de Torneiros, no Porriño. O produto, canceríxeno e prohibido pola Unión Europea desde 2008, leva todo este tempo enterrado sen que prosperara plan algún de descontaminación. O novo estudo, desenvolvido por investigadores do Instituto de Biodiversidade e Medio Ambiente da citada universidade, derivou na creación dun composto economicamente viable e altamente efectivo contra os efectos do lindano, o que abre unha vía de esperanza para os habitantes da zona.

Despois de catro anos de traballo nun proxecto financiado polo goberno de Aragón en colaboración coas empresas Magna e Emgrisa, os resultados invitan ao optimismo. Javier Erro, un dos investigadores principais do estudo, publicado no número de outubro do Journal of Environmental Management , confirma que xa recibiron interese dende outros lugares de España afectados pola contaminación por lindano.

Publicidade

Un produto testado con éxito en Sabiñánigo

O entusiasmo de Erro viaxa a través do fío telefónico. Explica que o novidoso do descontaminante é que se pode usar directamente sobre o chan e os seus efectos, ademais de irreversibles, danse nun curto período de tempo. Pero o que fai deste un achado único é o feito de que conxuga as dúas estratexias tradicionalmente usadas no combate contra o lindano: a oxidación e a redución. A través da combinación dos dous procesos lógrase un composto que destrúe a química do tóxico dunha maneira definitiva, como foi xa testado tanto en laboratorio (cun éxito do 100 % nunha semana) e in situ no vertedoiro de Bailín (Sabiñánigo), a zona de Europa con maior concentración de contaminación por lindano. Neste caso, tras dúas semanas de intervención, a área estaba libre del nun 70 %. 

Aquí residiría o principal desafío tecnolóxico á total efectividade do composto: para acadala é necesario que se obteña unha mestura moi compacta entre a superficie contaminada e o descontaminante, o cal nun vertedoiro é difícil de conseguir. Máis aló deste reto, segundo Erro, o produto final non só resulta económico e altamente efectivo, tamén “é unha substancia de composición simple insertable no modelo de economía circular”. Ademais, a súa “capacidade poliabsorbente” facilita a recuperación do chan contaminado por calquera composto orgánico ou inorgánico, incluso metais pesados, así que o asunto vai máis alá do lindano e os agrotóxicos en xeral.

Principio activo de insecticidas

A fabricación de lindano, unha substancia catalogada como Composto Orgánico Persistente (COP), espallouse pola xeografía europea durante a segunda metade do século XX para empregarse de modo extensivo na agricultura, como principio activo de insecticidas de amplo espectro para o control de pragas nos cultivos; no tratamento de madeira, la, algodón e coiro e tamén para usos farmacolóxicos, eliminación de parásitos no gando e de piollos e sarna en seres humanos.

En España operaron algunhas fábricas dende finais da década de 1940 até inicios dos 90. Os principais centros de produción foron Euskadi, Aragón e Galicia. No Porriño a empresa Zeltia fabricou praguicidas a base de lindano entre os anos 1947 e 1964. Os residuos, unhas 1.000 toneladas, foron parar a terreos cedidos temporalmente polo concello á compañía na Gándara de Torneiros. Daquela o produto era recollido coas mans polos veciños, que descoñecían a súa toxicidade, para empregalo como masa na construción e para recheo de camiños, mentres as crianzas o usaban para pintar como se fose xiz. Cando Zeltia cesou as súas actividades a finais da década de 1960, sobre eses terreos construíuse unha escola que entrou en funcionamento no 1971. Alí eríxense na actualidade outros edificios de usos públicos, o coñecido como Parque do Lindano, e cinco polígonos de vivendas sociais, que até recibir a dotación da traída municipal estiveron abastecidas durante anos por pozos situados en terras onde a fábrica depositara os seus residuos.

O caso porriñés non difire moito dos documentados noutros puntos de Europa. Ecoloxistas en Acción denuncia que existiu “unha absoluta opacidade nos vertidos” en España e aínda hoxe se descoñece a súa ubicación e dimensións. En case todos os estudos feitos polas Confederacións Hidrográficas detectaron niveis alarmantes de lindano. Por non falar doutros lugares do planeta con lexislacións máis laxas, que a agroindustria transnacional aproveita para levar a cabo prácticas moi por debaixo dos estándares medioambientais e sanitarios que aplica en Occidente. 

“Calquera de fóra flipa, é delirante”

En Torneiros ben saben disto, pero poucos queren falar. “Calqueira de fóra flipa. Isto é algo delirante”, di Patricia Sío Barreiro, voceira da Plataforma Antilindano da Louriña que, segundo conta, vive horas baixas. As primeiras protestas veciñais na parroquia datan de finais da década de 1990. Estas mobilizacións obtiveron unha primeira resposta por parte da Xunta, que encargou á empresa Eptisa un estudo da contaminación por lindano no polígono de Torneiros. O informe final, publicado en 1999, recolle a existencia de terreos e augas subterráneas contaminadas por presencia do tóxico en contidos notablemente superiores aos límites marcados pola lexislación vixente daquela para este composto. 

A finais do 2017 o lindano volveu emerxer á superficie en Torneiros trala realización dunhas obras de saneamento no camiño do Contrasto. Máis de 80 persoas víronse afectadas por inhalación da substancia pero non se estableceu daquela protocolo de actuación sanitaria nin medioambiental. Sío sabe de moitos casos de afectados de cancro e outras doenzas na que se coñece como a “zona cero” pero sinala que ninguén quere falar do tema. “É algo difícil de probar, din que non existe evidencia científica, pero en realidade non houbo vontade política, os gobernos non ven rédito en darlle unha solución a isto”. 

Incidente do Contrasto

A segunda intervención do goberno autonómico neste asunto foi precisamente tralo incidente do Contrasto. Un estudo publicado en decembro de 2017 por unha consultora por encargo da Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Xunta, sinala que “o órgano competente da comunidade autónoma pode asumir que o risco de toxicidade é inaceptable e en consecuencia declarar o chan como contaminado”. 

Dende os 90 a Xunta puxo en marcha algunas medidas para dar resposta ao asunto do lindano, medidas que segundo denuncia a Plataforma da Louriña foron insuficientes, se non contraproducentes. En xaneiro de 2022 o goberno autonómico anunciou que destinaría tres millóns de euros á retirada e descontaminación de lindano no Contrasto e que as obras darían comezo ese mismo ano. Sío di que por alí non se ve movemento ningún. A Consellería de Medioabiente non confirmou se ten información sobre este novo produto.

Substancia perigosa prioritaria desde 2008

A partir da finais da década de 1980, o lindano foi gradualmente prohibido ou restrinxido en moitos países, tras ser probados os seus efectos tóxicos en organismos acuáticos, mamíferos e insectos. O Convenio de Estocolmo, lanzado pola ONU no 2004 e asinado hoxe por máis de 180 países, é a principal ferramenta vinculante articulada internacionalmente que ten como obxectivo eliminar os COP en todo o mundo. A UE, que declarou o lindano como substancia perigosa prioritaria no 2008, articulou hai catro anos a rede europea Lindanet, para coordinar accións entre zonas afectadas de contaminación por lindano e da que a Xunta forma parte como socia.

Como o resto dos COP, o lindano é de difícil e lenta degradación, relativamente volátil e bioacumulativo, isto é, tende a depositarse na graxa dos seres vivos que o inxiren ou inhalan. Se o gando bebe e pasta en áreas contaminadas o tóxico pasa á cadea trófica a través da carne e do leite e derivados que consumimos, ademais de que se transfire ao leite materno. Este composto actúa tamén como disruptor endocrino e pode afectar o  funcionamento do sistema neurolóxico e reprodutivo. No 2015 a OMS incluíuna no grupo 1 da súa lista de procesos industriais e compostos químicos considerados probadamente tóxicos e afirma nun informe de 2018 que “existe suficiente evidencia en humanos dos efectos canceríxenos do lindano”. 

A concelleira responsable de Medio Ambiente do Porriño, Antía Carrera, confirmou que o Concello carece de información actualizada sobre o proxecto, aínda que confirma o interese das autoridades municipais por coñecer os detalles da investigación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A contaminación atmosférica podería estar detrás do aumento das crises de xaqueca

Un estudo internacional sinala que o número de visitas ao hospital de persoas con síntomas aumenta durante os días nos que hai maiores niveis de polución

Unha científica da USC analiza os solos do Porriño para explorar estratexias de eliminación do lindano

Zoe Chaos céntrase nun pesticida amplamente empregado en agricultura durante a segunda metade do século XX pero cunha elevada toxicidade
01:04:45

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Obstáculos da carreira investigadora

A enxeñeira Soledad Torres, a bióloga Iria Gómez Touriño e a enfermeira Ainara Díaz Geada participan na última sesión do ciclo de GCiencia e da Deputación de Pontevedra

Do Courel ao Xistral: os puntos clave en Galicia para conservar os matacabalos e outros artrópodos acuáticos

Un estudo recente coa participación da USC sinala zonas prioritarias e advirte da falta de medidas para garantir a súa preservación