O Consello de Ministros deu luz verde hai dúas semanas ao anteproxecto da nova lei antitabaco, que introduce medidas polémicas en determinados sectores, especialmente na restauración, pola prohibición de fumar nas terrazas de toda España. Esta reforma, que actualiza a normativa aprobada no 2005, persegue varios obxectivos: reducir a prevalencia do consumo de tabaco en adultos e adolescentes, limitar a exposición ao fume ambiental e reforzar o control sobre a publicidade dos produtos relacionados co tabaco.
Porén, para Mónica Pérez Ríos, profesora titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Santiago (USC), “as solucións que achega para acadar eses obxectivos resultan escasas“. A propia lei inclúe datos sobre a evolución do tabaquismo en España: dende a súa entrada en vigor en 2005, o consumo diminuíu na poboación adulta, mais detectouse unha repunta entre a mocidade.
O propio texto do anteproxecto recoñece que en España levan máis de 10 anos sen introducirse cambios de fondo nas leis de control do tabaquismo. “É totalmente certo, pero este proxecto de lei é moi pouco ambicioso”, admite Pérez Ríos, recalcando a presenza de numerosas ambigüidades nas súas medidas. Pero entón, que implica esta nova lei e en que ámbitos debería mellorar para ter máis impacto na saúde pública?
Novidades do anteproxecto de lei
O novo anteproxecto de lei introduce por primeira vez unha definición legal para produtos relacionados co tabaco que ata o de agora carecían dun marco normativo específico. Entre eles inclúense os cigarros electrónicos, con ou sen nicotina, as bolsas de nicotina de uso oral, os produtos a base de herbas para fumar e os dispositivos de tabaco quentado, como os da coñecida marca IQOS.
Do mesmo xeito que co tabaco convencional, estes produtos estarán suxeitos a restricións. O texto amplía os espazos libres de fume ás contornas, definidas como perímetros de protección reforzada, dos exteriores de centros sanitarios, educativos, universitarios e sociais, así como parques infantís, recintos culturais e deportivos e vehículos de transporte con condutor. A medida máis rechamante é a prohibición de fumar en terrazas de bares, estacións de transporte, espectáculos e concertos ao aire libre. Engádese tamén a prohibición de consumo para menores de idade e o veto de cigarros electrónicos dun só uso, polo seu impacto ambiental e o seu risco para a mocidade.
Outro dos eixes da proposta céntrase na publicidade e no patrocinio. A norma establece unha prohibición xeral: non se permitirá publicidade en medios impresos, audiovisuais, dixitais nin redes sociais; tampouco en espazos públicos ou privados como mobiliario, carteis, bares e discotecas; nin en eventos culturais ou deportivos, sexan presenciais ou en liña. A maiores, será obrigatoria a sinalización visible en todos os lugares onde se restrinxa o consumo destes produtos.
Para reforzar o control, restablécese o Observatorio para a Prevención do Tabaquismo, órgano de coordinación interadministrativa que fora suprimido en 2014 e que tiña como misión avaliar e seguir as políticas públicas neste ámbito. Ademais, o anteproxecto actualiza o réxime de infraccións e fixa un período transitorio de 12 meses para que os fabricantes adapten os seus produtos ao novo marco legal.
Diminuír o consumo de tabaco en adultos
As novas medidas tamén recibiron críticas fundamentadas. Mónica Pérez Ríos, tras ler activamente este anteproxecto de lei, explica que “dá a sensación de que reducir a prevalencia de consumo de tabaco na poboación non é un obxecto prioritario”. Ao seu ver, impulsar o descenso do tabaquismo en calquera franxa de idade debería ser unha das metas principais da lexislación, mentres que o texto actual parece centrar case todo o esforzo na mocidade.
Os investigadores do grupo de Epidemioloxía, Saúde Pública e Avaliación de Servizos de Saúde na facultade de Medicina da USC lembran que a prevalencia de consumo xa viña baixando dende 1987, moito antes da lei de 2005. De feito, esa normativa non acelerou de forma significativa o ritmo de descenso entre os adultos, aínda que puido contribuír a consolidar a tendencia.
Con todo, segundo a investigadora da USC, “este anteproxecto de lei nace incompleto”. A experta sinala que deixa fóra medidas clave na loita contra o tabaquismo, como o incremento dos impostos sobre o tabaco, unha estratexia avaliada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como unha das máis eficaces para reducir o consumo.
Fume ambiental e mocidade
Para avaliar os posibles efectos positivos desta nova lei, cómpre facer unha distinción. O fume directo é o que inhala a persoa fumadora directamente ao dar unha calada, mentres o fume ambiental é o que permanece no aire e que acaban respirando as persoas non fumadoras. Como lembra Mónica Pérez Ríos, ambos son canceríxenos e non existe un nivel de exposición considerado seguro para a saúde.
Neste sentido, o anteproxecto tamén pon o foco na redución do fume ambiental. En realidade, todas as medidas contra o tabaquismo benefician as persoas non fumadoras, especialmente aquelas que amplían os espazos libres de fume. O obxectivo declarado das autoridades sanitarias é protexer a saúde da poboación, incluídos os ámbitos nos que a exposición ao fume ambiental continúa a ser frecuente.
Porén, Pérez Ríos advirte que o texto “está cheo de excepcións e ambigüidades”, o que, ao seu xuízo, resta forza e efectividade ás medidas propostas.
Impacto na saúde pública: como se xestionan outros países?
“Se a lei consegue reducir a prevalencia de exposición ao fume, tamén diminuirá a incidencia de cancro, enfermidades respiratorias e cardiovasculares”, explica Mónica Pérez Ríos. En España, estímase que o tabaco provoca arredor de 55.000 mortes anuais, das cales unhas 1.000 están relacionadas coa exposición pasiva ao fume. En Galicia, a cifra tradúcese en preto de 10 mortes cada día. “As cifras poden mellorar, pero para iso fan falta medidas de control de tabaquismo máis ambiciosas”, engade a profesora da USC.
O tabaco constitúe o principal factor de risco evitable de mortalidade a nivel mundial, con máis de oito millóns de falecementos ao ano. A súa relación coa saúde é clara: a exposición ao fume incrementa o risco de cancro de pulmón, cardiopatía isquémica, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, agravamento da asma, entre outras patoloxías. “A evidencia científica destes efectos é moi clara”, subliña Pérez Ríos.
A investigadora considera que só as medidas máis restritivas fronte ao consumo teñen un impacto real, como demostran os exemplos doutros países. “Vese claramente que soamente co que se está a facer non chega”, advirte a profesora da USC. En Brasil, a introdución de leis máis severas logrou reducir o consumo, a exposición ao fume e a mortalidade asociada.
Pola súa parte, en California, a lexislación estatal prohibe a venda de tabaco a menores de 21 anos, unha medida que hoxe se aplica en Estados Unidos. Tamén restrinxe de forma drástica o consumo en espazos públicos abertos como praias e parques, zonas que en Galicia vemos infestadas de cabichas e que o Goberno non inclúe entre as restricións do anteproxecto. “Son leis máis drásticas ás que a poboación está acostumada e rematan por cumprir”, asegura a experta en Saúde Pública.
Precedentes de 2005 e 2010
Para entender a situación actual, cómpre remontarse á primeira gran restrición aprobada en 2005: a prohibición de fumar nos lugares de traballo. Porén, a norma incluía numerosas excepcións, especialmente nos locais de ocio de menos de 100 metros cadrados.
“Nalgúns sitios podíase fumar, noutros non, e nos establecementos de máis de 100 metros cadrados podíanse habilitar zonas para fumadores”, lembra Mónica Pérez. Na práctica, isto significou que moitos traballadores da hostalaría quedasen desprotexidos, pois o que para uns era lecer, para outros era o seu ámbito laboral.
O verdadeiro salto produciuse coa lei de 2010, en vigor dende o 2 de xaneiro de 2011, que prohibiu fumar en todos os espazos interiores de traballo sen excepción. En Galicia, o Sistema de Información de Condutas de Risco, dependente da Dirección Xeral de Saúde Pública, monitoriza con claridade o impacto desta medida sobre a exposición ao fume ambiental.
Segundo Pérez Ríos, os datos foron concluíntes naquel entón: tras a lei de 2005 reduciuse a exposición ao fume no traballo, pero a caída posterior á aprobación da Lei 42/2010 foi moito máis pronunciada. “Isto foi moi, moi positivo na protección da saúde dos traballadores”, destaca a investigadora.
Que engadir á nova lei antitabaco?
“Entre as estratexias baseadas na evidencia científica para reducir a prevalencia do consumo, o aumento dos impostos sobre o tabaco é a máis eficaz“, explica Mónica Pérez Ríos como experta en Saúde Pública. De feito, a OMS recolle este punto na letra R da súa estratexia MPOWER. “Se o prezo aumenta nun 10%, a prevalencia diminúe nun 3% ou 5%”, sinala a profesora da USC. Para ela, esta é unha das grandes ausencias do actual anteproxecto.
Xunto a esta medida, tamén propón ampliar os espazos exteriores libres de fume e limitar o consumo en ámbitos privados como os vehículos onde viaxan menores, mulleres embarazadas ou de idade avanzada. “É unha medida difícil de lexislar”, admite, aínda que lembra que estados como Arkansas e Louisiana xa a aplicaron hai case dúas décadas e mais recentemente en países europeos como Irlanda e Reino Unido.
Noutros lugares de Estados Unidos, incluso se prohibe fumar en edificios de vivendas privadas. Nalgúns países optouse por reducir os puntos de venda de produtos de tabaco para limitar a súa accesibilidade. Todo isto evidencia o camiño que queda por percorrer. “Penso que este era o momento de pór sobre a mesa un anteproxecto ambicioso e cunha excepcionalidade mínima, pero eu non o valoraría así: é un anteproxecto falto de ambición”, conclúe Mónica Pérez Ríos.














