“Pelve e fémur esnaquizados, vexiga rota, uréter arrincado, lesión rectal e rotura das arterias femorais e ilíaca externa. Morre horas despois con dor”. Esta é a descrición dun sanitario en Gaza sobre a situación que viviu cun neno de 10 anos. E o peor, é que non é unha excepción. O xenocidio que Israel está a acometer en Palestina xa provocou a morte confirmada de 67.000 persoas, malia que a relatora das Nacións Unidas, Francesca Albanese, apunta a que a cifra podería ser ata dez veces maior. A Franxa está, ademais, arrasada polas bombas e as condicións sanitarias son moi complexas, algo que se desprende dun novo estudo publicado no BMJ. O documento baséase nunha enquisa realizada a 78 profesionais sanitarios que traballaron na Franxa de Gaza e que reportaron 23.726 feridos.
Os traumatismos máis comúns analizados entre os feridos foron queimaduras (4.348), seguidas de danos en extremidades inferiores (4.258) e superiores (3.534). No caso das queimaduras, unha parte importante (un 10,6%) son de cuarto grado. É dicir, que afectan a todas as capas da pel, músculos, tendóns e poden chegar aos ósos. Ademais, os fragmentos e metralla das bombas provocaron 4.635 feridos, dos cales máis de un de cada catro (1.289) impactaron na cabeza. Tamén analizaron que unha décima parte foron por feridas de bala (2.325). De estas, un 22,6% foron nas extremidades inferiores e un 9,9% na cabeza.
O 70% presenta feridas en máis de dúas rexións anatómicas
A cantidade de feridos que hai e a súa gravidade fai que máis do 70% reporte feridas en dous ou máis rexións anatómicas. Ademais, o 77% dos sanitarios tiveron que axudar a entre cinco e dez pacientes de forma simultánea, e un 18% tiveron que tratar a máis de dez.
“Decenas de miles de persoas con traumatismos e feridas, queimaduras que atravesan ósos e músculos, nenos con fracturas abertas de cráneo ou extremidades esnaquizadas... non son os datos esperables dun conflito convencional”, asegura para Science Media Centre (SMC) Salvador Peiró, epidemiólogo e investigador da Fundación para o fomento da Investigación Sanitaria e Biomédica da Comunidade Valenciana (FISABIO). O experto asegura que é un escenario inédito, no que se utiliza munición de alta enerxía e con efecto de área en entornos densamente poboados.
A catástrofe da desnutrición
A desnutrición é outro dos problemas graves. Os médicos relatan que é unha das maiores complicacións, xa que algúns feridos que se poderían salvar morren pola falta de comida. “Casos de hepatite empeoraron por culpa da desnutrición, e moitos desenvolveron encefalopatía”, afirma un dos enquistados. Os 78 traballadores tamén informaron de 5.405 casos de enfermidades e infeccións e outros problemas. Un 18,5% deles foi por desnutrición e un 16% por deshidratación. Ademais, 54 traballadores atoparon casos de sepse en 631 pacientes, un 11,7% dos rexistrados. Tamén acharon que do total, 4.188 pacientes tamén tiñan enfermidades crónicas que requirían tratamentos a longo prazo.
Malia que o propio estudo afirma que unha das súas limitacións é que a información dada polos sanitarios non é fácil de contrastar, os investigadores requiriron informes das súas quendas e outro tipo de documentos. “A limitación era inevitable debido á destrución dos rexistros médicos de papel e electrónicos en Gaza”, apuntan os autores do estudo.
A dificultade para rexistrar os danos
Iso non quita, segundo Pedro Arcos, asesor da Organización Mundial da Saúde (OMS) en emerxencias nas súas declaracións a SMC, que o estudo é altamente relevante. “É ben coñecida a dificultade de obter datos fiables das emerxencias complexas directamente procedentes de fontes do terreo”, asegura. Iso si, destaca que a diversidade de fontes e documentos realizados no propio sitio amosa con moito detalle o tremendo efecto dos ataques israelís. Tamén o seu patrón de lesións sobre a poboación en Gaza. “É importante que a investigación e revistas de alta calidade como o BMJ se impliquen na publicación e discusións sobre este xenocidio desde a perspectiva académica e científica”, destaca Arcos.
“Se ben as limitacións son evidentes, ante un escenario de guerra tan violenta (…), non parece que existan moitas alternativas”, concreta Juan Alguacil, médico e catedrático de Saúde Pública da Universidade de Huelva para SMC. Alguacil destaca que o exército israelí parece considerar ao propio sistema de saúde como un obxectivo recorrente, para menguar a súa capacidade de atención clínica. “Foron responsable da destrución de rexistros que poderían ser utilizados como probas da masacre”, apunta. O estudo, asegura, achega datos para ter unha idea da magnitude e tipoloxía das lesións, que segue padecendo a poboación civil ante a inacción da comunidade internacional.
O volume e o grado de severidade das feridas indica patróns de dano que exceden as reportadas en recentes conflitos, asegura o estudo. Por iso, pide medidas para poder supervisar, de forma máis específica e resiliente, o conflito actual. O documento, que reflexa as consecuencias do que está a pasar na Franxa de Gaza, é unha proba máis de que adultos, sanitarios e miles de nenos e nenas están a sufrir por culpa dos ataques indiscriminados de Israel en Palestina.















Isto é horrível. Espero q os culpaveis: israel, Usa e U.E sejam julgados e paguem polos crimes deste genocídio inumano.
#stopholocaustopalestino