Quen era o carniceiro de Santiago? Afonso da Cana, o verdugo medieval de Compostela

Abel de Lorenzo, historiador medieval da USC, analiza o primeiro contrato que se coñece nos reinos medievais peninsulares sobre un sanguinolento funcionario

Na turbulenta sociedade medieval de Santiago de Compostela existía unha presenza que aínda hoxe esperta medo, respecto e curiosidade: o verdugo. Aínda que tradicionalmente foron vistos como simples executores dunha xustiza sanguenta e cruel, estes homes tamén tiñan unha vida inserida no tecido urbano: unha familia, profesión e relacións máis aló da brutalidade. Sobre esta realidade versa a investigación de Abel de Lorenzo Rodríguez, doutor en Historia Medieval pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), que centra a súa atención nun personaxe concreto: Afonso da Cana, o carniceiro de Santiago.

A identidade deste funcionario municipal chegou a Abel de Lorenzo a través dun profesor da universidade. A súa curiosidade por afondar no tema levouno a analizar o contrato de verdugo de Afonso da Cana, considerado un documento único. “Ata o de agora é o primeiro contrato que se coñece nos reinos medievais peninsulares da época“, explica o investigador. O que comezara como unha anécdota de facultade acabou converténdose nun obxecto de estudo.

Publicidade

A principal fonte documental sobre Afonso da Cana atópase no Libro do Conçello de Santiago, que recolle as primeiras actas municipais da cidade e que hoxe custodia o Arquivo Histórico Universitario (AHUS). Trátase dun manuscrito perdido durante anos e recuperado posteriormente, que ofrece información valiosa sobre a institución municipal durante seis anos de actividade: quen participaba, como se tomaban as decisións, en que se investía ou onde se celebraban as reunións.

Co contraste das fontes atopadas noutras cidades galegas, como os libros municipais de Pontevedra ou Ourense, Abel de Lorenzo conseguiu reconstruír un anaco da historia de Afonso da Cana. Máis aló do seu papel como verdugo, participaba na vida social e económica da cidade exercendo como carniceiro. Así, a imaxe dos verdugos como persoas illadas resulta, cando menos, incompleta.

Publicidade

Afonso da Cana, carniceiro do Santiago medieval

Afonso da Cana viviu nun período especialmente interesante da historia compostelá, situado entre 1410 e 1420. “Trátase dun momento clave, entre a última época medieval e as Revoltas Irmandiñas”, explica Abel de Lorenzo, nun contexto previo ao estalido dunha violencia que viña medrando en Galicia. Santiago era entón unha cidade de peregrinación, gobernada polo señor eclesiástico, o arcebispo, e por un concello no que sentaban artesáns e funcionarios relevantes encargados de organizar o destino da urbe.

A cidade non vivía illada, senón en constante contacto con outras vilas galegas como Pontevedra ou Caldas de Reis, así como as zonas rurais da súa contorna. “É unha combinación entre un centro relixioso moi potente e unha vida municipal bastante organizada”, resume o investigador. Aínda así, o que se coñece sobre a figura de Afonso da Cana é escaso.

Sabemos que era carniceiro, pero non aparece como representante de ningún dos gremios carniceiros composteláns. “Posiblemente era un carniceiro máis humilde“, apunta Abel de Lorenzo, un home seguramente orixinario de Santiago e obrigado a residir de maneira continua na cidade, polo menos no período estudado.

A súa participación na vida urbana non se limitaba á súa profesión: tamén asistía a algunhas reunións do concello: “É probable que tivese algún familiar que exercese como rexedor da cidade”. Deste xeito, lonxe da imaxe estigmatizada do verdugo como marxinado, Afonso da Cana aparece como un funcionario municipal ben integrado, ata o punto de ser o mellor remunerado polo seu labor.

Funcionario, non verdugo

“A palabra verdugo non existía nese momento”, explica Abel de Lorenzo. No seu lugar, empregábanse termos como pregoeiro ou servente. Este último designaba algo semellante a un funcionario municipal. Con tales denominacións, o Concello buscaba integrar a Afonso da Cana ao servizo da institución: “Ás veces tamén era a persoa encargada de facer os pregóns e os anuncios“.

Con tempo, as funcións de Afonso da Cana comezaron a dividirse entre o seu labor como servente da Igrexa e como empregado do Concello. Cómpre lembrar que este último non era independente: tratábase dunha institución sometida á autoridade do arcebispo, señor da terra e da cidade de Santiago.

A relación contractual con Afonso baseábase no salario: “Están anotadas todas as veces que cobra”, sinala Abel de Lorenzo. Os pagos, porén, eran irregulares e en ocasións o Concello tiña dificultades para afrontalos. É posible que o sistema de remuneración non estivese ligado ás tarefas concretas, senón ao tempo de servizo: cada seis meses ou cada ano recibía unha cantidade. Non faltaban tampouco os casos nos que terceiros asumían o pago cando as arcas municipais carecían de liquidez.

E canto ganaba un verdugo galego da época? Os rexistros amosan unha clara progresión. En novembro de 1416, Afonso da Cana cobraba 100 marabedís, mentres que nos últimos asentos, de marzo de 1420 e febreiro de 1421, a cifras ascendía a 400. “Non sabemos se foi pola inflación ou por unha subida de soldo”, apunta o historiador, aínda que tamén cabe a posibilidade de que se tratase dunha estratexia do Concello para convencelo de permanecer no cargo.

Carniceiro e verdugo: unha fórmula habitual?

Afonso da Cana, carniceiro e verdugo a partes iguais, desempeñaba dous oficios que, a primeira vista, poderían gardar certa relación. “Hai unha lóxica se pensamos na cotiandade coa que os carniceiros mataban animais“, reflexiona Abel de Lorenzo.

Lauda sepulcral dun carniceiro, co relevo do machada e unha cruz, procedente de San Bartolomé ou Vello de Pontevedra, exposta no Museo Provincial de Pontevedra
Lápida dun carniceiro, co relevo da machada e unha cruz, procedente de San Bartolomé ou Vello de Pontevedra, exposta no Museo Provincial de Pontevedra. Foto: Abel de Lorenzo Rodríguez

A combinación destes cargos era relativamente común en Centro Europa, aínda que non tanto na península ibérica. O coñecemento anatómico necesario para degolar un porco resultaba igualmente útil cando se trataba de executar a unha persoa.

Porén, o investigador matiza: “Non hai referencias nin en Galicia nin na península de carniceiro e verdugo fosen sinónimos”. A confusión pode deberse á lingua, xa que en latín ambas as palabras compartían unha mesma raíz etimolóxica, e só o contexto permitía distinguir con claridade entre unha e outra.

Amputacións, enforcamentos ou degolacións

Entre as tarefas máis cruentas de Afonso da Cana estaban as amputacións, os enforcamentos e as degolacións. Tamén realizaba castigos menores, como cortar orellas, nunha Compostela que, daquela, semellaba unha auténtica charcutaría humana. Dende comezos do século XII, a cidade cultivaba unha longa tradición baseada na idea de que, en palabras de Abel de Lorenzo, “a boa xustiza é a que se fai sobre a carne dos criminais”. Con todo, o doutor da USC matiza que, probablemente, a actividade máis habitual deste verdugo era a custodia dos presos e o seu traslado dunha cárcere a outra.

A súa vida como funcionario municipal estaba sometida a fortes restricións. Un exemplo era a residencia: Afonso da Cana debía vivir dentro da cidade, sempre dispoñible para cando o Concello, que adoitaba reunirse na casa do notario, requirise dos seus servizos. “Afonso da Cana non podía, baixo ningún concepto, desentenderse das súas responsabilidades como verdugo”, subliña Abel de Lorenzo.

En contraste, a xustiza feudal e xurisdicional da época outorgaba a certos criminais o dereito a refuxiarse en lugares para obter perdón ou conmutar a pena. O verdugo, pola contra, non gozaba de tales privilexios. A súa función estaba limitada ás fronteiras da cidade e á xurisdición do Concello, sen posibilidade de actuar fóra delas.

Un caso único

O caso de Afonso da Cana considérase único por tres razóns fundamentais: en primeiro lugar, pola existencia dun contrato que documenta de maneira legal a súa relación co Concello; en segundo lugar, polo feito de compaxinar o oficio de verdugo co de carniceiro; e, en terceiro lugar, porque todo isto acontece nun momento moi temperán da historia compostelá.

Con todo, para Abel de Lorenzo o máis relevante como investigador é que “en paralelo ao contrato tamén aparecen nos documentos outras estruturas da cidade“. Ademais de rexistrar a figura do verdugo como funcionario, os libros municipais deixan constancia da construción da forca. Durante estas primeiras décadas do século XV obsérvase, así, un interese crecente dos poderes locais por organizar, controlar e representar publicamente a xustiza.

“Afonso da Cana é só unha peza máis dentro destes cambios que se estaban producindo en Santiago”, sinala o historiador. A súa biografía aínda é en gran parte descoñecida, pero non se descarta que nalgún recuncho da documentación esquecida da Galicia do século XV aparezan novas pistas que permitan afondar con máis detalle na vida persoal do carniceiro de Santiago.


Referencia: Retrato do verdugo como servente: Afonso da Cana, carniceiro en Santiago de Compostela (1410-1420) (Publicado en Hispania. Revista Española de Historia)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Maior Pérez e o seu instinto empresarial na Pontevedra do século XIV

A nobre de orixe compostelá, unhas das máis poderosas do seu momento, impulsou uns baños públicos únicos na Galicia medieval

Sancha de Lobeira: como preitear contra o arcebispo de Santiago e saír gañando

Foi unha gran señora feudal que viviu entre os séculos XV e XVI e cuxa xestión patrimonial deixou fonda pegada nos concellos da Serra de Outes

Xoana de Castro, unha raíña para a eternidade

O seu matrimonio con Pedro I de Castela foi moi efémero pero ela defendeu o seu título rexio ata a fin dos seus días

A actual vaga de calor non supera o máximo rexistrado en Compostela en 1990

O coordinador científico do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, analiza os últimos veráns santiagueses e lembra os longos períodos de seca fóra dos rexistros estivais