De Santiago a Bos Aires e ata na BBC: a curiosa orixe da radio en galego

A transmisión de Antonio Fraguas en 1933 marcou o comezo das emisións, de marcado carácter galeguista, ata a chegada da guerra civil

¡Quen dera ser nao senlleira naquel mar non presentido das xa mergulladas terras! A poética frase narrada por Antonio Fraguas marcou un antes e un despois en Galicia: a do comezo da historia da radio na comunidade. Pero ese 15 de xaneiro de 1933 non foi, realmente, a primeira transmisión radiofónica. Malia que é imposible definir cando puido ser a primeira feita por un afeccionado, si sabemos de experiencias previas. E algunhas foron verdadeiros fitos no país.

A radio foi un dos grandes descubrimentos do século XX. Con todo, a súa introducción e evolución en Galicia foi lenta, ao igual que en gran parte do país. Mentres que nos anos trinta nos Estados Unidos e no Reino Unido as emisións xa formaban parte da normalidade do día a día, en Galicia aínda era algo exótico e non explorado. En parte, pola represión e control do réxime de Primo de Rivera: aqueles países con figuras autoritarias e algo menos desenvolvidos, como España, Portugal e Italia tardaron máis en distribuír a radio.

Publicidade

O pioneiro da radio en Ourense

Os ditadores buscan o control destes medios e o seu uso como propaganda. Ademais, en moitos casos, fano de forma centralizada, polo que lugares como Galicia quedaron illados deste avance ata a chegada da Segunda República. Ademais, as instalacións de radio de largo alcance son moi caras e a poboación galega non estaba situada en grandes cidades. En 1900, o 88,7% vivían en vilas de menos de mil habitantes, segundo explica un estudo da Universidade de Santiago realizado por Víctor Freixanes.

É coñecido o caso de Ramón Puga, pioneiro da radio en Ourense. Nado en 1895, Puga posuía unha zapatería nun baixo da rúa das Tendas. En 1932, decidiu habilitar unha pequena habitación. 12 metros cadrados, detrás da zapatería. E así, naceu a primeira emisora de radio da cidade: Radio Ourense. Emitían algunhas horas do día, cunha programación sinxela. Aínda así, a súa creación oficial foi no ano 1935, segundo apunta Freixanes.

Publicidade

Conexión entre Santiago e Bos Aires

Un dos fitos máis destacables da historia radiofónica galega está vinculada coa emigración a Arxentina. Ademais, foi o precursor directo do nacemento da Radio Unión Galicia EAJ-4 en Santiago. E é que apenas un mes antes da mencionada transmisión de Fraguas, o 18 de decembro de 1932, tería lugar a primeira retransmisión radiofónica en directo entre Santiago de Compostela e Bos Aires, afirma un estudo de Jesús José Blanco para a Universidade de Vigo.

Había poucos precedentes a nivel mundial deste tipo de conexións. No caso de España, a única conexión con Bos Aires ata a data foi do presidente da República Niceto Alcalá Zamora, o 14 de abril de 1931. Ese día lanzou unha mensaxe tamén aos emigrantes españois a través de Unión Radio.

A retransmisión supuxo unha sorte de experiencia piloto do que sería a primeira radio de Galicia. Requiriu un despregue técnico importante, para os recursos cos que se contaban naquel momento. Ás 16 horas comezou a transmisión cun grupo de gaiteiros e continuou con máis música galega: a banda, un coro e o himno. Cando remataba de soar este último, os bonaerenses escoitaron as campás da catedral de Santiago. A transmisión continuou con diversas intervencións. A primeira de todas, a do alcalde de Santiago, Raimundo López Pol solicitando o apoio ao Estatuto de Autonomía en Galicia. Os expertos, iso si, dubidan sobre o éxito real das transmisións de radio, como amosa Blanco.

A primeira radio oficial en galego

Un mes máis tarde xa se implantaría EAJ-4 Unión Radio Galicia, a primeira oficial. Era a consecución da idea que Unión Radio, xa establecida en Madrid, Cataluña, País Vasco e Andalucía, planeara en 1929. Entre os seus colaboradores destacan recoñecidos galeguistas da época, como Mosquera Pérez e o propio Antón Fraguas.

A radio foi vista por estes como unha oportunidade para espallar a cultura galega e promover o Estatuto de Autonomía. Finalmente, EAJ-4 Unión Radio Galicia morreu igual que a maioría dos avances galeguistas da época: coa chegada da guerra civil e sublevación dos falanxistas contra a democracia.

Emisións en galego na BBC

“Co programa dista noite damos comezo as nosas transmisiós en língoa galega”, dicía o guión do Galician Programme. Editado por Javier Fernández, a BBC comezou a emitir o 14 de abril de 1947 e en plena ditadura franquista o primeiro programa de radio realizado integramente en galego desde a prestixiosa cadea inglesa.

Foi un dos grandes éxitos radiofónicos do galeguismo. Enmarcado no Spanish Programme, emitíase os luns as 23:05 horas e alternando cos programas en catalán e en vasco. A Real Academia Galega conserva o guión da primeira emisión realizada. As transmisións continuaron ata 1956, freado polas presións do ditador Francisco Franco.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe