Investigadores galegos revelan como o ADN conta a historia da supervivencia das especies

As ferramentas usadas no estudo permiten estimar os tamaños das poboacións de forma máis precisa para determinar o seu nivel de risco

Moitas poboacións naturais enfróntanse a ameazas severas que reducen de forma alarmante o seu tamaño. Entre estas presións destacan a sobreexplotación no caso de especies con interese produtivo, a contaminación, a perda de hábitats e o cambio climático. Agora, un equipo de investigadores das universidades de Vigo e de Oviedo acaba de desenvolver novas ferramentas informáticas que permiten revelar con detalle a través do ADN a historia demográfica recente das poboacións e o seu grao de conexión ou diferenciación con outras relacionadas. 

Os autores explican que os métodos dispoñibles ata o momento só resultaban adecuados para poboacións completamente illadas. É dicir, sen intercambio xenético con outras, algo pouco común na natureza, salvo en casos excepcionais como poboacións confinadas ou en illas moi remotas. Para superar esta limitación, o equipo de traballo desenvolveu novos modelos matemáticos que incorporan o fluxo migratorio entre subpoboacións, co que lograron estimacións máis realistas. Estas capacidades para predicir plasmáronse en dous programas informáticos: un que calcula o tamaño efectivo contemporáneo da poboación e a súa estrutura, e outro que reconstrúe a súa dimensión histórica ata unhas 150 xeracións atrás. Todo isto a partir da análise de correlacións xenéticas (desequilibrio de ligamento) observadas en mostras de ADN de individuos actuais.

Publicidade

O equipo validou estas dúas súas ferramentas mediante simulacións e con datos reais de distintas especies. Destacan candorcas, gorilas, cervos, cabalos, moscas da froita (Drosophila melanogaster) e peixes de poboacións naturais (salmóns) ou cultivados en piscifactorías como rodaballos, douradas e robalizas. Así, demostran a súa eficacia para detectar subestruturas xenéticas e estimar o fluxo migratorio entre poboacións.

Crucial para a conservación

O investigador da Universidade de Oviedo Enrique Santiago e líder do traballo destaca que as estimacións obtidas mediante estas ferramentas “son cruciais para determinar o estado de conservación de poboacións e especies ameazadas”. Algo que, segundo Santiago, pode servir para deseñar estratexias de recuperación.

Publicidade

Armando Caballero, profesor da UVigo, apunta que o consenso entre a comunidade científica é que un tamaño efectivo mínimo de 500 individuos é necesario para evitar a extinción por causas xenéticas. “Pero hoxe sabemos que moitas poboacións están por debaixo deste limiar crítico”, resalta Caballero. Con este novo enfoque, engade Santiago, é posible obter estimacións do tamaño efectivo moito máis precisas que antes. “Isto proporciona un valioso respaldo para a conservación da biodiversidade”.

Estes achados teñen importantes implicacións prácticas, segundo os autores, porque moitos destes declives das poboacións están ocorrendo de forma acelerada. Por este motivo, dispoñer de ferramentas que permitan detectar e supervisar estes cambios resulta fundamental. Ademais, estes novos métodos son robustos fronte a erros de xenotipado ou datos con baixa cobertura, o que facilita a súa aplicación incluso en estudos con ADN antigo ou en especies non modelo. Os resultados do estudo, polo tanto, serán de utilidade para orientar programas de conservación, xestionar poboacións silvestres ou explotadas e avaliar os efectos que a actividade humana e cambio global teñen sobre a viabilidade xenética das especies. 


Podes ler o artigo completo da DUVI aquí.

Referencias: Accounting for population structure and data quality in demographic inference with linkage disequilibrium methods publicado en Nature Communications.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla