Do porco ao corpo: teñen futuro os transplantes de órganos animais en Galicia?

O uso de compoñentes vitais doutras especies é relevante, pero o modelo de doazóns en España amosa que hai marxe de mellora no sistema actual

Un paciente de 71 anos con cirrose e cancro de fígado. Miles de persoas agardando nunhas listas que, segundo o país, moitas veces é unha espera á morte. Ante situacións desesperadas, medidas innovadoras. E de aí o logro publicado polo Journal of Hepatology, no que transplantaron un fígado modificado xeneticamente dun porco a unha persoa viva. Un “logro” porque, o paciente, tratado en China, soportou o fígado durante catro semanas. Despois, sufriu un problema co enxerto e, meses máis tarde, morreu. É a primeira vez que se fai un xenotransplante (transplante procedente dun animal) de fígado nunha persoa viva, polo que é unha investigación cun longo camiño por percorrer. Galicia ten un fortalecido sistema de doazón de órganos pero, será o habitual contar con transplantes de animais en humanos nun futuro próximo?

“De momento ese problema non existe porque somos o país con maior taxa de doazón de órganos. Hai casos dalgúns pacientes que morren en lista de espera pero non xustifica o risco que supón”, afirma Alejandra Otero, adxunta da Unidade de Transplante Hepático do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). A experta recorda que a taxa de supervivencia segue a ser baixa nos casos dos transplantes procedentes de animais, malia que sexan modificados xeneticamente. En contraste, a supervivencia dun transplante humano, segundo destaca, é “boísima”, superior ao 60% ao cabo de dez anos.

Publicidade

Problemas de compatibilidade

“Os órganos que proveñen dos animais non son idénticos aos dos humanos e aínda estamos algo lonxe de que teñan unha mínima concordancia”, recorda Juan Turnes, xefe do servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP). O caso publicado por Beicheng Sun, do Hospital Universitario de Anhui, en China, pretende amosar que un fígado de porco modificado xeneticamente pode funcionar nun ser humano nun periodo prolongado.”O órgano foi modificado para evitar rexeitamentos máis severos”, concreta Otero. Ese rexeitamento pode darse nos transplantes normais. Ao ser unha especie distinta, o risco multiplícase.

“Os primeiros morrían aos poucos días por rexeitamento“, asegura a adxunta da Unidade de Transplante Hepático CHUAC. De aí a importancia do avance de Beicheng Sun. Tamén houbo outro caso de xenotransplante hai un ano nos Estados Unidos, malia que naquela ocasión foi renal, no que tamén se realizou previamente unha modificación xenética do órgano. O fígado é, segundo Turnes, menos susceptible de ter un rexeitamento inmunolóxico. É dicir, que é máis tolerante ao transplante. Porén, o experto considera que malia que o avance nos xenotransplantes é importante, aínda se precisa moito máis tempo para desenvolvelos.

Publicidade

Baixa supervivencia

“Ata o de agora o tempo de supervivencia é moi pequeno“, admite Gloria Sánchez, xefa da Unidade de Patoloxía e Transplante Hepático do hospital Río Hortega. Iso non significa que non se avanzase nas últimas décadas. “Nos primeiros anos, o maior problema era o rexeitamento hiperagudo”, manifesta Sánchez. Isto é algo que está mellorando grazas as modificacións xenéticas. Porén, hai outros desafíos. Por exemplo, sobre a produción a longo prazo de proteínas por parte dun órgano animal. “Tamén hai que ver se os novos órganos son capaces de realizar ben a función que teñen, posibles novas infeccións… queda moito por coñecer“, recalca.

Ademais, os transplantes de órganos animais a pacientes vivos coa ciencia actual tamén teñen implicacións éticas. “Hai que pensar sempre nos pacientes”, destaca Sánchez. Claro que, segundo asegura, sempre hai certos riscos necesarios para o avance científico.

A excepción galega

Entón, por que o empeño de avanzar neste sentido? A resposta radica en que, na maioría dos países, lograr ter órganos para cubrir as listas de espera é moi complicado. E non só se trata de rexións con menos recursos. Nove persoas morren cada día en Europa esperando un órgano, segundo os datos ofrecidos polo Goberno. Tamén ocorre noutros lugares, como en América do Sur. “Bolivia, que é un país que comeza a facer transplantes de riñón, ten unha taxa de negativas familiares á doazón do 90%“, recalca Sánchez. Para ese tipo de decisións entran factores culturais e relixiosos, algo que pode dificultar que máis xente acepte doar.

Neste contexto, España é unha excepción, segundo o informe do Observatorio Global de Doazóns e Transplantes. No país houbo 6.436 transplantes, o que son 136 por millón de habitantes. É máis do dobre da taxa que rexistra Europa (63,28) e cinco veces máis que a taxa global. De feito, España representou o 24% das doazóns na Unión Europea o ano pasado e o 5% das rexistradas a nivel mundial.

Avances clave en preservación

Para Gloria Sánchez, é importante seguir potenciando a posibilidade de doazón. “Especialmente en asistolia, a corazón parado” concreta. É algo que está en crecemento: este tipo de doazón aumentou a nivel mundial nun 17% e é o 30%. “Son pacientes que chegan á limitación do esforzo terapéutico: que non ten sentido seguir o tratamento” relata, algo que debe de ir da man das máquinas de preservacións, nas que houbo avances importantes e no que se segue a traballar para mellorar.

“Moitos dos órganos que se utilizan hai unha década se desbotaban porque non se reunía a calidade suficiente”, explica Turnes. Agora, poden salvarse máis órganos e, polo cal, máis vidas. Tamén destaca a importancia para isto do desenvolvemento de técnicas de depuración ou melloría da función dos órganos para mellorar o seu estado antes do transplante. Gloria Sánchez tamén confirma o avance destas máquinas, nas que non só mellora a preservación senón que che dan indicadores para saber se o órgano doado vai ser útil ou non.

Técnicas alternativas

Outra das modalidades pode ser o transplante de doante vivo que, claro, non é posible en todos os órganos. Pero no caso do fígado, por exemplo, o que se doa é o 60% do órgano. “Ás catro semanas de cirurxía xa está rexenerado por completo”, asegura. Unha capacidade de rexeneración que si ten unha persoa sá pero que non é posible para alguén que sofre cirrose hepática.

Ademais, tamén hai outras liñas que son prometedoras, segundo Turnes. Por exemplo, xerar fígados novos a través da propia persoa. “Traballando con células nai e mallas biosintéticas tridimensionales que debería ter un fígado, poden xerar un novo pero a partir das células da propia persoa”, salienta o experto. É unha alternativa esperanzadora porque, por exemplo, agora nos casos de transplante de fígado, o resultado tras 10 anos é un órgano quimérico. “Unha parte son células orixinais do doante, que se seguiu replicando e dividindo, e outra parte células do propio receptor”, asegura.

Por que é preciso un transplante?

A situación que leva a unha persoa a precisar dun transplante varía moito do órgano afectado. No caso do fígado en adultos, a cirrose e o cancro de fígado son os principais motivos, malia que o primeiro está moi vinculado co segundo. “O cancro de fígado, no 90% dos casos, aparece sobre unha persoa que ten cirrose“, sinala Turnes. Outro dos motivos para un transplante de fígado poden ser hepatites fulminantes. “Son persoas sás que, ben por virus, intoxicación por setas ou por fármacos como o paracetamol, e o seu fígado deixa de funcionar”, explica Sánchez.

Outras causas de transplantes que se fixeron desde animais foron por problemas no ril. Ademais, representan o principal órgano transplantado no mundo. Os máis habituais son persoas que xa teñen insuficiencia renal crónica e que precisan de diálise. O transplante tamén pode ser imprescindible no corazón por insuficiencia, no pulmón por fallo na función respiratoria e outras causas diversas.

Doazóns á ciencia

O transplante animal pode ser unha posibilidade para estas persoas no futuro, pero non parece que vaia a ser algo próximo. Galicia menos, xa que conta cun dos sistemas de doazón máis potentes do mundo. O seu funcionamento recorda que moitas persoas están dispostas a axudar na forma que poidan os que máis o necesitan.

Por desgraza, de momento, queda moito por percorrer para que todo o mundo poida acceder a unha doazón de calidade. Mentres tanto, tamén hai doazóns á ciencia. Profesionais que adican a súa vida á investigación ou a estar en primeira liña axudando á xente. E, tamén, persoas dispostas a probar novas terapias, experimentos. Todo, para intentar que o próximo paciente que entre en urxencias cunha parada cardíaca, con hepatite fulminante, cun problema no ril ou no pulmón, teña unha opción para seguir adiante e vivir unha vida digna.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Transplantan por primeira vez un pulmón de porco a un humano

O proceso non provocou rexeitamento inmediato no paciente, en morte cerebral, e mantívose viable durante nove días

Un equipo galego demostra que a diálise no domicilio reduce a ansiedade e a depresión

Un equipo de Lugo e Santiago revela que o tratamento na casa mellora o benestar emocional fronte ao hospitalario ou o transplante de ril

Que é a “epidemia silenciosa” dos riles, a enfermidade que afecta a 4.000 galegos

A alta prevalencia da doenza renal crónica pode atribuírse á poboación envellecida e ao descoñecemento da doenza, que retrasa o diagnóstico

Un equipo da USC acha unha nova diana terapéutica contra a principal causa de transplante de fígado

O descubrimento, publicado na revista 'Cell Reports Medicine', resulta esencial para abordar a fibrose hepática, unha patoloxía para a que non existe tratamento