Venres 29 Marzo 2024

Un biomarcador pode indicar o rexeitamento no transplante de corazón

Investigadores do Inibic da Coruña participan nun estudo que amosa a sobreexpresión dunha molécula en pacientes con estas complicacións

Un equipo do Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (Inibic), centro integrado por científicos do Chuac e a Universidade coruñesa, describen un achado que pode ter unha notoria relevancia fronte aos rexeitamentos que se producen nos transplantes de corazón. O grupo, integrado no CIBERCV (Consorcio Centro de Investigación Biomédica en Red de Enfermidades Cardiovasculares) dependente do Instituto de Salud Carlos III, descubriu un microRNA (pequena molécula de RNA non codificante) que está asociado a un maior rexeitamento despois do transplante, e que pode ser de gran axuda para o seguimento destes pacientes.

O estudo está liderado pola doutora Marisa Crespo Leiro, e forma parte da investigación predoutoral de Ignacio Constanso Conde, bioquímico e investigador do Servizo de Análises Clínicas do Chuac, que é o primeiro autor do artigo publicado na revista The Journal of Heart and Lung Transplantation. Os científicos do Inibic abordaron os problemas do rexeitamento celular agudo, unha das principais complicacións no transplante de corazón. Para evitar este problema, a proba de referencia é a biopsia endomiocárdica, un procedemento invasivo e con limitacións, polo que as investigacións científicas están buscando alternativas, cun esforzo crecente na identificación de novos biomarcadores.

Publicidade

Os microRNAs, polas súas características, poden ser de axuda na procura de biomarcadores, e o seu uso estase a incrementar nos últimos anos. Trátase de pequenas moléculas de ARN encargadas de regular a expresión xénica. A súa gran estabilidade en todo tipo de mostras biolóxicas (sangue, soro, plasma, saliva,…), xunto ao auxe e abaratamento das técnicas e reactivos de bioloxía molecular necesarios para a súa análise, convértenos en excelentes candidatos a biomarcadores.

O traballo desenvolveuse en dúas fases: nunha primeira buscáronse, dentro de 179 microRNAs, aqueles diferencialmente expresados en mostras de soro de pacientes que sufrían un episodio de rexeitamento celular agudo fronte a soros de pacientes sen rexeitamento. Deles, só un, o miR-181a-5 p, cumpriu os requisitos para pasar á seguinte fase de validación. E nesta fase, “o miR-181a-5 p amosou estar significativamente sobreexpresado en mostras de soro de pacientes con rexeitamento celular agudo”, explica  Ignacio Constanso-Conde.

“Os resultados deste estudo co miR-181a-5 p son moi interesantes e esperanzadores, xa que poderían evitar un gran número de biopsias endomiocárdicas aos nosos pacientes”, comenta a doutora Crespo, xefa de grupo do CIBERCV no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Os resultados do traballo expoñen que este biomarcador “conseguiu igualar a capacidade diagnóstica do único test non invasivo comercializado para o mesmo fin, e postúlase como un método de cribado para descartar o rexeitamento celular agudo en pacientes con transplante de corazón asintomáticos, evitando un bo número de biopsias endomiocárdicas de protocolo.

Neste sentido, “aínda é preciso validar estes achados noutros centros hospitalarios e con máis pacientes para confirmar a utilidade deste biomarcador e incorporalo ao uso clínico”, apuntan os investigadores.


Referencia: Circulating miR-181a-5p as a new biomarker for acute cellular rejection in heart transplantation (Publicado en The Journal of Heart and Lung Transplantation).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O fentanilo non é novo en Galicia: “O seu consumo vai ligado a outras drogas"

O CHUAC non observa unha repunta dos casos, aínda que se rexistran de maneira ocasional en persoas intoxicadas tamén por heroína e cocaína

Un novo test de saliva detecta o cancro de mama en só cinco segundos

Un equipo internacional identifica os tumores de maneira máis rápida, barata e precisa que os sistemas tradicionais

Primeiro mapa de bacterias resistentes: estes son as cinco principais de Galicia

O microorganismo de maior incidencia é 'Klebsiella pneumoniae', unha das enterobacterias máis perigosas polo amplo abano de infeccións que provoca

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España