Galicia mantén as mesmas medidas, con confinamento nocturno de 23 a 6 horas

O comité clínico da Xunta avaliará de novo o venres a situación, que preocupa nas áreas metropolitanas de varias cidades

(en ampliación)A Xunta de Galicia non establecerá, polo momento, novas medidas para conter a desfavorable evolución da pandemia da Covid-19, con máis de 6.000 novos casos detectados nas últimas dúas semanas. Así o avanzou esta mañá o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha comparecencia na que tamén interviu Carmen Durán Parrondo, directora xeral de Saúde Pública. Porén, o comité clínico que asesora ao Goberno autonómico reunirase de novo o venres para estudar a evolución da crise, e é posible que se adopten novas restricións. Mantense, por tanto, o horario do confinamento nocturno decretado no estado de alarma, de 23 a 6 horas, e non se establece ningún peche perimetral a maiores dos xa establecidos nas comarcas de Ourense, O Carballiño e Verín.

Comarcas con maior incidencia

Na súa comparecencia, Comesaña e Durán achegaron algúns datos que Sanidade non transmite nas súas actualizacións diarias, como é o caso da incidencia acumulada. Mencionouse, en concreto, a comarca de Santiago, “que nos preocupa, e moito”, dixo o conselleiro, que non descarta o peche perimetral da cidade, aínda que por agora non se instauran novas medidas. A taxa nos últimos sete días na comarca compostelá é de 210,6 casos/100.000 habitantes e nos últimos 14, de 349,4, o que a sitúa bastante por riba da media de Galicia (137 e 226, respectivamente, segundo os datos achegados o luns por Sanidade).

Publicidade

En Verín e O Carballiño, a situación tamén segue sendo preocupante, apuntou García Comesaña. A elevada transmisión, xunto cunha poboación avellentada, está provocando unha maior ocupación hospitalaria. En Ourense e Barbadás, os outros municipios afectados por restricións de mobilidade, a evolución é algo máis favorable aínda que a incidencia se mantén alta. Así queda, por tanto, o mapa de restricións polo menos ata o venres:

Ademais das áreas con restricións engadidas, Sanidade segue con preocupación a evolución dos casos nas comarcas de Lugo, Ferrol, Pontevedra ou Vigo, cun incremento de casos constante, aínda que descarta polo momento tomar novas medidas.

Publicidade

Casos activos

Este martes, a cifra de persoas baixo seguimento por infección do coronavirus sobe a 7.074, coa confirmación de 525 casos mediante PCR entre as 18 horas do domingo e as 18 horas do luns, cando se pecharon os datos difundidos por Sanidade.

As cifras medran en todas as áreas sanitarias, cun rápido aumento en Vigo, onde os casos activos triplicáronse en 15 días, e en Ferrol, onde se cuadruplicaron no mesmo período de tempo.

A ocupación hospitalaria mantén tamén a tendencia crecente:

En canto aos falecementos, rexistráronse 12 óbitos máis desde a actualización anterior, polo que a suma é de 880 mortes desde o comezo da pandemia. Desde o 25 de abril non se producían tantos falecementos nun mesmo día:

Por concellos

En canto á situación municipal, 38 concellos rexistran o nivel 3 de alerta, ao superar unha incidencia superior aos 112 casos por 100.000 habitantes (no referente ás sete cidades) ou máis de 21 casos nos últimos sete días. Hai 22 concellos no nivel 2 (entre 14 e 21 casos), e 37 no nivel 1 (entre 7 e 14 casos). O resto dos concellos, 216, atópanse no nivel 0, con menos de sete casos nos últimos sete días.

Niveis de alerta segundo os datos recollidos ata as 18 horas do 26 de outubro.
Niveis de alerta segundo os datos recollidos ata as 18 horas do 26 de outubro.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta activa o protocolo de actuación ante a posible chegada de po africano

As autoridades sanitarias recomendan reducir a actividade física no exterior e extremar as precaucións entre a poboación vulnerable

Máis de 50.000 galegos participaron nun ensaio para avaliar a vacina contra o virus sincitial

Sanidade analizará os datos achegados durante a campaña Sincigal para medir a súa efectividade na redución de hospitaliacións

Os casos de mpox en Galicia aumentan ata as 12 infeccións

Os afectados son homes cunha idade de entre 35 e 65 anos, coa maioría dos contaxios na provincia da Coruña

As claves do novo gromo de mpox detectado en Galicia: “Todos nos podemos infectar”

O virus transmítese principalmente por contacto estreito entre peles ou mucosas, sobre todo de carácter sexual, e causa lesións na pel