Galicia supera os 6.000 novos casos de Covid-19 nas últimas dúas semanas

Os novos datos do Ministerio de Sanidad e a Consellería de Sanidade constatan o agravamento da pandemia no país, que suma arredor de 600 positivos diarios

Máis de 600 casos diarios nos últimos días, máis de 3.700 na última semana e máis de 6.100 nos últimos 14 días. Aínda que nos últimos meses Galicia mantivo e mantén unha baixa incidencia acumulada respecto ás autonomías da contorna, a evolución nos últimos días da pandemia da Covid-19 é desfavorable e xa está a repercutir, sobre todo, nas cifras de hospitalización. Despois de manterse de forma estable durante un mes, a carga asistencial está a incrementarse nos hospitais galegos, e duplicouse en apenas 15 días. Segundo o Ministerio de Sanidad, 328 persoas foron ingresadas nos hospitais galegos na última semana por mor do coronavirus, 38 deles nas UCI.

Do mesmo xeito, o aumento de casos augura que nas vindeiras datas a situación siga sendo complicada por mor do agravamento dalgunhas das infeccións que se están a detectar en maior número estes días. As medidas decretadas, coa limitación de reunións a cinco persoas en todo o territorio, poderían reducir a propagación detectada, na maioría dos casos, en encontros familiares e sociais, aínda que preocupa a elevada transmisión que se constata en boa parte do país.

Aumento da transmisión

A evolución na última semana está sendo “mala“, segundo apuntou na súa comparecencia do luns o director do Centro de Coordinación de Alertas y Emergencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, despois de engadir á serie máis de 52.000 novos positivos respecto ao venres, co que España suma xa 1.100.000 infeccións detectadas.

Galicia, que nos últimos días está superando as maiores cifras de probas PCR desde o comezo da crise, con máis de 7.000 diarias, mantén tamén unha das positividades máis baixas (casos positivos respecto ao total de probas), cunha cifra de arredor do 8%. A incidencia acumulada é de 226 casos/100 habitantes nos últimos 14 días e de 137 casos/100.000 habitantes na última semana.

Os 6.776 casos activos supoñen a cifra máis alta da serie histórica, aínda que é moi probable que a cifra real de infectados fose bastante maior nos momentos máis críticos da pandemia, entre mediados de marzo e mediados de abril, cando se chegaron a contabilizar preto de 5.500 casos activos. Segundo as cifras que achega Sanidade, foron diagnosticados de Covid-19 un total de 33.219 persoas con tarxeta sanitaria en Galicia desde o comezo da crise, no mes de febreiro. A cifra supón un 1,2% da poboación galega. Así está sendo a evolución nas áreas sanitarias.


O aumento da incidencia constátase tamén na ocupación dos hospitais. Todas as áreas sanitarias, agás Ourense (que mantén unha ocupación máis alta), medran nos últimos días. Con todo, a ocupación nos hospitais de Galicia mantense en niveis baixos respecto á media de España: é a menor nas UCI, cun 8,4% fronte ao 24,24% da media de España, e o 5,47% das camas de hospital, fronte ao 13,72% do conxunto do territorio estatal.

Os falecementos tamén se incrementan a maior velocidade na última semana. Contabilízanse 868 óbitos, 46 deles na última semana. 20 deles correspóndense con persoas usuarias de residencias de maiores. Desde o comezo da pandemia faleceron 358 residentes destes centros, o que supón o 43,5% das mortes por mor da Covid-19.

Por concellos

O mapa de niveis de alerta que achega a Xunta a nivel municipal constata que cada vez son máis os concellos que rexistran cifras correspondentes co nivel 3 de alerta marcado pola Consellería de Sanidade. As sete cidades (Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol), amosan xa unha incidencia superior aos 112 casos por 100.000 habitantes nos últimos sete días. Outros 30 municipios están no nivel 3, con máis de 21 casos nos últimos sete días (mapa inferior á esquerda). Hai 21 concellos no nivel 2 (entre 14 e 21 casos), e 37 no nivel 1 (entre 7 e 14 casos). O resto dos concellos, 218, atópanse no nivel 0, con menos de sete casos nos últimos sete días.

 

Niveis de alerta segundo os datos recollidos ata as 18 horas do 25 de outubro.
Niveis de alerta segundo os datos recollidos ata as 18 horas do 25 de outubro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.