Venres 19 Abril 2024

O 90% dos contaxios en Galicia estanse a producir en reunións familiares e de amizade

Sanidade pide á cidadanía limitar ao máximo as reunións sociais en todo o territorio, coa entrada en vigor da orde que reduce as reunións a cinco persoas

Galicia dará a partir da medianoite do mércores ao xoves un novo paso na escalada de medidas para conter a segunda onda da pandemia da Covid-19. Despois do anuncio de establecer do nivel 2 de restricións en toda Galicia (ademais de maiores limitacións en áreas concretas), representantes da Consellería de Sanidade ofreceron na mañá do mércores unha comparecencia de prensa para afondar na situación actual da pandemia no país. As medidas obedecen, segundo o departamento da Xunta, á necesidade de frear a expansión do virus, tras constatarse nos últimos días un aumento no número de casos positivos vencellados, sobre todo, a reunións en ámbitos familiares e de confianza. O conselleiro Julio García Comesaña achegou o dato concreto sobre o risco de contaxios nestas reunións, ao apuntar que o 90% dos positivos das últimas semanas estanse a detectar en reunións familiares e de amizade.

Así, a limitación xeral de xuntanzas a un máximo de cinco persoas vólvese máis estrita nas zonas máis afectadas polo aumento de casos nos últimos días. En Santiago de Compostela e O Milladoiro (Ames), establécese o nivel 3, o que suporá o peche da actividade no interior de bares e cafeterías e a limitación de reunións a persoas conviventes a partir da medianoite do 21 ao 22 de outubro, cando entrará en vigor a orde publicada nunha edición especial do Diario Oficial de Galicia ao longo do mércores. É probable, segundo anunciou esta mañá García Comesaña, que as medidas teñan unha vixencia de 14 días, fronte aos sete que se establecían ata o momento.

Publicidade

Sanidade reduce a cinco persoas as reunións en toda Galicia

Só actividades esenciais no Carballiño

O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, afondou pola súa parte nas medidas que serán publicadas este mércores. Destacou, pola súa maior relevancia, o peche das actividades non esenciais en tres municipios da comarca do Carballiño: O Irixo, Boborás e a cabeceira comarcal, por mor do aumento da incidencia nos últimos días, a pesar de que xa estaba en vigor o peche perimetral dos tres municipios co resto da zona.

Así, nestes concellos quedarán pechados cines, teatros, auditorios, establecementos de espectáculos deportivos, salas de bingo, salas de xogo, estadios deportivos, pavillóns, recintos deportivos, ximnasios, piscinas, salóns recreativos, parques multiocio, museos, bibliotecas, salas de conferencia, restaurantes, cafeterías, bares e centros de lecer infantil, entre outros.

A medida non afectará a establecementos de actividade minorista, que poderá permanecer abertos, nin aos locais de hostalería e restauración que desempeñen os seus servizos en centros hoteleiros ou en centros de traballo.

Peches en Ourense e Verín

Por outra banda, nos municipios de Ourense e Barbadás prolongaranse as medidas establecidas o pasado 7 de outubro, co peche perimetral dos municipios, dos que non se poderá saír agás por motivos laborais, educativos ou sanitarios. E engádense a esta lista Verín, Oímbra e Vilardevós, que tamén pasan ao nivel 3, o que tamén supón a limitación de mobilidade, ao constatar que as medidas decretadas ata agora non foron suficientes para garantir unha boa evolución da situación, nunha zona cunha poboación avellentada e, por tanto, con maior risco de complicacións por Covid-19.

Con todo, e a pesar do empeoramento dos últimos días, desde Sanidade lánzase “unha mensaxe de tranquilidade á poboación incidindo en que se as medidas se cumpren, os bos resultados chegan”, poñendo por exemplo a redución de casos na comarca de Ourense.

Mapa de alertas

No referente aos datos diarios achegados por Sanidade, os concellos co nivel vermello de alerta en atención ao número de casos elévase a 21. Nos concellos de Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Narón, Vilagarcía de Arousa, Oleiros, Arteixo, Ames,  Culleredo, Cangas, A Estrada, O Carballiño, Poio, Verín, Tui, O Barco de Valdeorras, Ordes, Salvaterra de Miño, A Laracha e Mesía, nos que residen preto de 750.000 persoas (o 28% da poboación galega) rexistráronse máis de 21 casos na última semana ou, no caso das cidades, máis de 112 casos por cada 100.000 habitantes. Outros 16 concellos están no nivel laranxa, e 36 máis atópanse en nivel amarelo.

Con todo, tal e como insiste Sanidade, este indicador non se corresponde necesariamente coas medidas vixentes en cada concello, xa que o comité clínico ten en conta máis dunha decena de factores, entre os que están a taxa de positividade nas probas realizadas, o rastrexo de contactos, as características sociodemográficas das persoas afectadas ou a ocupación hospitalaria, entre outros, para establecer estas restricións.

No referente a casos activos, a cifra ascendeu este mércores a 5.457 persoas baixo seguimento. As áreas de Santiago e Vigo son as que manteñen un maior ritmo de incremento nos últimos días, aínda que as cifras medran en todas as áreas sanitarias.

No referente á ocupación hospitalaria, increméntase un día máis, con 48 persoas na UCI e 294 noutras unidades de hospitalización, no que supón unha cifra semellante, aínda que cunha tendencia e contexto distintos, á existente a comezos de maio.

Por áreas sanitarias, estes son os datos pechados na tarde do martes:

En canto aos falecementos, desde o comezo da pandemia morreron en Galicia 836 persoas. E 46 delas finaron na última semana.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Funcionan os novos fármacos para deixar de fumar? “Se non cambias a conduta, a posibilidade de recaída é alta”

Mónica Pérez Ríos, investigadora da USC, explica que estes medicamentos teñen unha pauta de consumo de 25 días

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes