Xoves 25 Abril 2024

Estes son os gañadores dos premios Prismas Casa das Ciencias 2020

O xurado do galardón, un dos máis recoñecidos na divulgación científica en España, deu a coñecer este mércores o seu ditame

O xurado dos premios Prismas Casa das Ciencias, un dos galardóns máis relevantes da divulgación científica en España, e que outorgan os Museos Científicos Coruñeses, anunciou este mércores o ditame da súa 33ª edición, na que se recoñeceron traballos de oito categorías distintas. Foron os seguintes:

Mellor novo medio

Maldita ciencia, “web que proporciona información responsable, rigorosa e áxil sobre temas científicos da máxima actualidade.

Publicidade

Mellor libro editado

Ciencia sin ficción, de Jesús Méndez, Pere Estupinyá, Javier Salas, Sergio C. Fanjul, Belén Gopegui, editado por Debate, un libro que abre fronteiras para narrar historias de ciencia con artes literarias e facer literatura marcada pola ciencia sen necesidade de inventar outros mundos.

Mellor texto inédito

Expedición al volcán de sal, de Silbia López de Lacalle, “unha obra que aúna as perspectivas da xeoloxía e da arte para narrar unha expedición ao volcán Dallol, que alberga un sistema hidrotermal único”.

Mellor artigo xornalístico

La vida secreta de los árboles, de Laura González de Rivera, publicado por Muy Interesante. Un artigo que descobre unha perspectiva sorprendente do mundo vexetal, convidando a pensar no bosque como un gran organismo interconectado.

Mellor traballo en vídeo

Des-Extinción, de Alfonso Par, para Turkana Films e emitido en TVE, un documental sobre a posibilidade de recuperar especies extinguidas.

Mellor traballo en radio

La maravillosa química de las cosas cotidianas, de Antonio Rivera, emitido en A ciencia cierta, de CV Radio. Un programa sobre como a química está presente en moitas das nosas actividades cotiás.

Mellor proxecto singular

PDICiencia, de Diego Ortega Alonso e a Asociación de Familiares y Amigos de Personas con Discapacidad Intelectual. Unha iniciativa que aposta radicalmente pola diversidade e a inclusión, dando un papel protagonista ás persoas con discapacidade intelectual.

Ademais, de maneira excepcional, o xurado decidiu deixar deserto o Prisma Especial do Xurado, tendo en conta que non é posible premiar a Francisco Javier Novelle Secades por falecer despois da presentación da súa candidatura. O Xurado destaca “o seu traballo na promoción da cultura científica desde unha asociación de carácter cívico, e en particular a organización durante 25 anos do Día da Ciencia na Rúa e a súa contribución como valioso e pioneiro referente, ao desenvolvemento das feiras científicas escolares en España”.

Alén disto, outorgáronse mencións honoríficas na modalidade de libro editado a Orgas(mitos), de Laura Morán Fernández, editado por Next Door Publishers, e na modalidade de proxecto singular, á iniciativa Estrela Rosalía, da Agrupación Astronómica Coruñesa Io, que acadou o nomeamento dunha estrela e un exoplaneta co nome da autora galega e o Río Sar.

O xurado estivo composto por Pilar Perla Mateo, coordinadora do suplemento Tercer Milenio de Heraldo de Aragón e das Jornadas de Divulgación Innovadora D+i, como presidental, Lucas Sánchez Sampedro (director de Scienseed), Laura Chaparro Domínguez (xornalista científica), Susana Ladra González (profesora da UDC), Joana Cristina Silva Magalhaes (investigadora do INIBIC e comunicadora científica), David Ballesteros Alvarez (divulgador científico, responsable creativo en Ceo Aberto SL), e Marcos Pérez Maldonado, xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses, que actuou como secretario. A entrega de premios está prevista, se as condicións sanitarias o permiten, o vindeiro 14 de novembro no Concello da Coruña.

Os Prismas son unha iniciativa dos Museos Científicos Coruñeses e o Concello da Coruña para premiar a difusión da cultura científica e apoiar a profesionais que traballan neste campo. Entre os galardoados atópase o portal GCiencia, recoñecido na categoría de Novos Medios no ano 2019.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O planetario da Casa das Ciencias estrea unha proxección para público infantil

Un filme con dous esquíos como protagonistas ensinaralle os nenos de 4 a 7 anos as condicións de vida doutros planetas do sistema solar

Cinco libros para agasallar ciencia este Nadal

Unha listaxe con opcións para adultos e nenos que mostra o mundo científico e a súa historia en lingua galega

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

Altofalantes da lingua e da ciencia

Estimados colegas e amigos de Gciencia: Antes de nada, gustaríame darvos os...